Protocolos a custe cero

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador da Sanidade Pública e militante do BNG de Marín

Despois de sete meses de pandemia iniciase este setembro o curso cargado de incertezas protocolarias. Tiveron tempo e temo para planificar un retorno as aulas en condicións, con criterios médicos e consensuado coa comunidade escolar, mais non o fixeron. Esta situación provoca medos e incapacidade nos pais e nais que van mandar aos seus fillos e fillas á escola.

Parece que os responsábeis políticos, tanto autonómicos como estatais, non aprenderon nada das experiencias de outros países que xa comezaron o curso escolar. Podemos dicir que está case todo escrito e inventado. Temos exemplos de como non se deben facer as cousas e como si, de países nos que o comezo do curso foi un desastre, como Israel, e de outros onde se fixeron as cousas ben, como China ou Dinamarca.

Que lles impide aprender e adiantarse ao que vai pasar? Teñen medo de admitir que o goberno Chino tomou as decisións axeitadas para combater a pandemia, para afrontar o retorno ás aulas, con éxito? O orgullo “occidental” non permite asumir a realidade? Ou será que priman os intereses económicos sobre as medidas de seguridade?

En Galiza sabemos cal é o interese do goberno de Feixóo, o económico. Este inicio de curso a prioridade é comezalo sen gastar un peso a maiores, deixando para última hora a elaboración dun protocolo sen consenso escrito para garantir o custe cero. Sen necesidade de contratar mais persoal docente e de limpeza, sen necesidade de diminuír as rátios por aula. Aproveitando a situación de incerteza para seguir desviando fondos ao ensino privado e espindo o ensino público, e acadando que a indefinición incremente as matrículas dos centros privados.

E se pasa algo? Feixóo sempre terá alguén a quen botarlle as culpas. Aos mestres, as Anpas, ás equipas directivas ou ao goberno central. Uns mestres que terán que actuar como persoal da limpeza e persoal sanitario, unhas Anpas que terán que asumir a responsabilidade do que pase nos comedores escolares, e as familias terán que diagnosticar aos seus fillos e fillas antes de saír de casa. En definitiva un sinsentido que ademais vai provocar un incremento da demanda nos centros de saúde, especialmente no servizo de pediatría, que se van ver aínda mais desbordados do que están na actualidade.

E nesta política de saqueo do público contan coa inestimábel colaboración do goberno municipal de Marín. Fai uns días tamén tentaron enganar á opinión pública cunha suposta moción de “consenso” para avalar o protocolo fantasma da Consellaría de Educación. Un consenso inexistente e rexeitado contundentemente polo BNG de Marín. 

Unha moción para botarse flores e tentar colarnos un investimento en limpeza de colexios e un incremento de persoal de conserxería irreal. Debe ser que a Sra. Ramallo ten que facer méritos para continuar a súa carreira política en Madrid, a súa máxima preocupación nos últimos tempos.

E este goberno prepotente tamén tentou enlear ás Anpas vendéndolles fume e facendo declaracións públicas de que todo esta ben nos centros de ensino en Marín

Cousa distinta foi o que manifestaron as Anpas de Marín nun encontro co parlamentario do BNG Paulo Ríos. Deixando claras as súas preocupacións e demandando un inicio de curso seguro e con maiores investimentos en limpeza e persoal, así como unha diminución das ratios nas aulas. 

Pero todo isto custa cartos, cartos que non está disposto a gastar o goberno do PP. Para eles a vida dos nosos fillos e menos importante que a conta de resultados.

Primer comentario

Deixa a túa opinión