A cola

Artigo de opinión A Nova Peneira

Cando no pasado os cretenses querían maldicir a alguén, rogaban aos deuses que se visen envoltos nalgún mal costume” Montaigne, Ensaios.

Pedro Ocampo Esquerda Unida O Porriño
Pedro Ocampo Esquerda Unida O Porriño

Montaigne, nos seus Ensaios, cita a Valerio Máximo nunha interesante reflexión sobre a forza dos costumes e as dificultades de cambiar facilmente as leis. Atribúe aos costumes un rostro tiránico contra o cal non nos resta liberdade para alzar os ollos. Eu creo tamén que os costumes e hábitos adquiridos son asumidos como “natureza” e constitúen un dos males fundamentais da política e da administración do público e, en concreto, no eido do municipal.

Os costumes exercen a súa tiranía e as persoas aceptan de moi bo grado o seu poder, por iso da pereza, fastidio ou medo que dá implicarse e verse sometidas á confrontación co poder, sexa este cal sexa. Unha das consecuencias máis graves, ao meu entender, e que repercute de xeito fundamental nas eivas democráticas da nosa sociedade, é o xeito que temos de tratar o que se chaman “arcas públicas”, pero que podemos chamar cartos públicos, bens públicos ou, en fin, o patrimonio económico común. Para entender mellor o que queiro dicir, vou utilizar unha comparación co que ocorre cando se celebra un espectáculo e contemplamos aos personaxes que acoden a el: 

A taquilla está aberta e atopamos persoas que xa teñen nas mans as súas entradas. Mostran caras de sono e cansazo por ter pasado horas e horas á cola; sen embargo, non disimulan a súa satisfacción pola merecida recompensa. 

Moi atrás na cola agardan outras persoas. A súa cara é de resignación e certa angustia; a primeira, pois recoñecen que o espectáculo vale a pena e entenden a afluencia; a segunda, pois temen que cando cheguen adiante xa non queden entradas para elas. 

Fóra da cola hai grupos que charlan, rin, fuman e se distraen despreocupadas, pois teñen unha persoa na cola para adquirir as súas entradas. Se observamos ben non se nos escapará que, cando a persoa que estivo na cola se achega ao seu grupo, esta reparte con certa vergoña e incomodidade, pois sabe moi ben que nese momento está a ser observada por moita xente que aínda garda cola.

Cada certo tempo vai chegando tamén xente que sen facer cola e, sen decatarse do que teñen a redor, entran pola porta ensinando a súa invitación.

A certa distancia, e de xeito que hai que fixarse moi ben, hai persoas con entradas nas mans que agardan a que as taquillas pechen. Non saben moito do espectáculo nin lles importa, só que atrae moita xente e, polo tanto, moitos cartos. 

Por último, se nos esquecemos das persoas e do bullicio, podemos observar a persoas sentadas no chan, aos marcos da entrada principal, ofrecendo as súas mans, nas que de cando en vez cae algunha moeda. Tampouco lles importa este ou outros espectáculos; nin sequera saben deles e, se algo sabían antes, xa non teñen esperanzas de poder gozalos dalgunha maneira.

Pois ben, no uso das arcas publicas sucede o mesmo: 

Hai persoas que, ben a título particular ou coma familia; ben como empresas ou autónomas; ben como organizacións, asociacións ou clubs; ben como entidades de calquera tipo; acceden aos cartos públicos, a través de axudas, de becas, de contratos, de postos de traballo ou de subvencións, e o seu comportamento semella o que miramos na cola do espectáculo: 

Algunhas esfórzanse, traballan, estudian, compiten ou acceden a un dereito en forma de axuda, en condicións de igualdade. Algunhas o conseguen e outras non pero, en todo caso, aceptan unhas regras de xogo que pensan que son, ou queren que sexan, iguais para todas as persoas. 

Outras, cren que por “natureza”, por amizade, por méritos que se outorgan a se mesmas, ou por pertencer a un “club exclusivo e excluínte”, eses cartos non van estar mellor gastadas que nelas.

Tamén están as que, sen implicarse case no público cando se trata de aportar cartos, sen embargo non desaproveitan unha oportunidade para o enriquecemento e o proveito privado usando deles.

Por último, están as que quedan fóra e só lles queda vivir aos marxes da sociedade, da “normalidade”, pois ao final non hai espazo para todas as persoas cando os escenarios fixan uns límites estreitos. As causas da súa situación son diversas, pero todas teñen en común o esquecemento de quen ten a responsabilidade da xestión do público. 

A imaxe dá para máis e para máis personaxes; non pretendo ser exhaustivo senón resaltar o que todos os días e todos e todas miramos sen que se vaian poñendo remedio dunha vez e deixemos de aceptalo como un mal menor do sistema, e non como parte do sistema mesmo.

Somos responsables todos e todas, por aceptar as “trampas” dende moi abaixo e non atrevernos a denunciar as que se fan continuamente arriba. Pero é necesario dicir e poñer en evidencia as realidades. Sei que isto molesta pois, por desgraza, a quen ten o poder político, dóenlle máis as palabras que as realidades que esas amosan. Eu doulle a idea de que cambien as realidades e poderán baleirar de contido a quen as poñen de manifesto.

As trampas e as persoas “listas” das colas son posibles porque quen organiza o espectáculo o permite e é responsable de a quen pon na taquilla; é responsable de a quen pon a vixiar a entrada; ten a responsabilidade de a quen permite entrar e a quen deixa fóra; en fin, ten a responsabilidade de facer un espectáculo para todas e todos ou só para un grupo limitado. E, moi fundamentalmente, ten a responsabilidade sobre a existencia ou non de: 

O clientelismo, o favoritismo, os atallos, a falta de transparencia e participación, o dedo fronte ao mérito ou a libre concorrencia; as trampas fronte á aceptación de regras de xogo aceptadas por toda a comunidade; o tratamento do público como unha oportunidade de negocio e non un ben común; e de non favorecer un “medio ambiente” que faga asfixiante o crecemento e a reprodución das “malas prácticas”, dos “vicios no uso do público”. 

Os bens públicos non son de ninguén en particular, por iso son un ben común, por iso son un ben que pode ser de todos e todas. Os cartos públicos son cedidos polos contribuíntes coa condición de que o resto faga o mesmo e que o beneficio non sexa de ninguén en particular, senón de toda a comunidade. 

Un Estado de Dereito ten a contrapartida dos Deberes e tamén á inversa, por iso aceptamos a renunciar a unha parte do noso soldo para que teñamos estradas, colexios, sanidade, recollan o noso lixo ou limpen as rúas. Facémolo como un acordo entre toda a cidadanía polo cal todos e todas facemos o mesmo e todas e todos nos beneficiamos por igual do público. Así que ningún goberno pode dispor do público sen dar conta; ninguén ten dereito a un beneficio se non o precisa e termos de igualdade cos demais e sendo esta necesidade xustificada; ninguén é mellor ou pode ser declarada mellor sen igualdade de oportunidades, son competencia leal, sen publicidade e sen transparencia. 

En Política, ademais de cambiar as condicións económicas e sociais, é necesario falar con honestidade e valentía, amosando as realidades e facelo con vistas ao ben común; sen ese falar libre e franco, que os gregos denominaban coa palabra Parresía, non hai Democracia; o que hai é unha aparencia por debaixo da cal seguen os usos e costumes que se impoñen coma leis. As leis son moi difíciles de cambiar, pero non é imposible. Fai falta vontade e Parresía.

Primer comentario

Deixa a túa opinión