Centros Culturais ou Sociedades Gastronómicas?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Andrés Couñago Opinión A Nova Peneira
Andrés Couñago

En pouco máis de dúas  décadas, entre mediados dos anos 80 do século pasado e principios do 2000, construíronse os centros culturais da meirande parte das parroquias de Redondela e en moitas outras doutros concellos. Foron aqueles dous decenios un tempo de dicir e facer, dun entusiasmo e dun renacer do asociacionismo cultural que nos marcou a moitos e penso que para ben. Os feitos están á vista: os edificios sociais foron construídos ou reconstruídos para prestaren unha serie de servizos colectivos dos que se carecía nestes núcleos de poboación: un salón de actos e exposicións, unha sala de TV, unha sala de xogos, unha biblioteca, distintas salas para que as demais entidades veciñais e deportivas tivesen a súa sede social, un servizo de cantina, espazos de lecer ao aire libre para os máis pequenos… E o máis importante: houbo un tempo que contaron cunha  programación cultural notable:  conferencias, presentacións de libros, concertos musicais, exposicións diversas, cursos de fotografía, clases de música e baile tradicionais, concertos corais, actividades manuais, publicación de libros e revistas sobre o patrimonio cultural e etnográfico da parroquia … e, como non, celebración das festas do ciclo anual: o Entroido, os Maios, as Letras Galegas, o Día da Patria, a celebración do día do Estatuto de Autonomía, as festas de Nadal e Reis… En resumo: eran animadoras da dinamización sociocultural da veciñanza.

Na última década, todo este potencial asociativo e cultural foi esmorecendo de tal maneira que, agás algunhas excepcións, a maioría dos centros ou sociedades culturais, hoxe, convertéronse en sociedades gastronómicas ou simplemente en tabernas. Así as cousas, podiamos facer un pouco de autocrítica e preguntarnos se para esta viaxe facían falla tantas alforxas. Si, sería necesaria unha reflexión ao respecto porque moitas destas instalacións custaron centos de miles de euros que hoxe están aos paxaros. Con todo,  podiamos considerar que este asunto -o do custo económico destes edificios- non é o máis significativo. O relevante da situación posiblemente sexa a desafección e o desinterese polo ben común que se instalou entre nós.

Se non lle botamos unha pensada, como din os máis novos, a deles incluída, o futuro destes centros pode terminar non cumprindo os fins para os que foron construídos. Creo que o asunto debía ser tratado nunhas xornadas a nivel municipal, coa participación de poñentes expertos e organizadas polo Concello. De non facermos nada, no mellor dos casos, é posible que en moi pouco tempo terminen xestionados por empresas de servizos culturais onde todos sexamos espectadores pasivos e tutelados.

Non hai ningunha razón que xustifique a conversión dos centros culturais de parroquia en simples bares ou restaurantes. Galicia é a terceira comunidade do Estado con máis bares e restaurantes por habitante: 16.700 tabernas, máis de 4.000 restaurantes y 1.500 cafeterías. Un exceso.

Estas entidades necesitan retomar a idea para a que foron creadas no seu día: a mobilización e dinamización social e cultural. Necesitan unha programación anual de actos coma a que  tiveron noutros momentos. Son competencias de todas e cada unha delas a defensa das agresións ao territorio, a defensa do patrimonio etnográfico, a defensa da toponimia, a defensa do patrimonio arquitectónico, a defensa da lingua… A defensa dos bens comúns para cambiar unha realidade inmerecida e inxusta.

Gustaríame rematar con palabras do músico coruñés Xurxo Souto: Ten que haber primavera para estas entidades sociais e culturais.

Primer comentario

Deixa a túa opinión