Paula Domínguez “Pauleta”

Paula Domínguez Pauleta Concello de Redondela

Paula é unha moza de Redondela, que é a estrela dun dos equipos máis importantes da península Ibérica, e non creo que tarde moito en selo de toda Europa, o Benfica de Liboa. O equipo masculino leva toda a vida na elite do fútbol europeo, pero, nunha mostra máis da discriminación que sofre a muller en todos os ámbitos, o feminino apenas ten un par de anos de vida. Comezaron en segunda división, e xa son case hexemónicos na máxima categoría da liga veciña. Ela amósase moi ilusionada e identificada coa filosofía do seu equipo, alén de gozar facendo o que máis lle gusta: Xogar ao fútbol

É UNHA MÁGOA QUE O CELTA NON QUEIRA APOSTAR POLO FÚTBOL FEMININO”

Por que o de Pauleta?

Cando era pequena, comezaron a chamarme Paulita e despois Pauleta, e así quedou.

Desde cando xogas ao fútbol?

Comecei a xogar aos 6 anos, co meu irmán en Zamora, vivín alí un tempo. Nun principio practicaba fútbol sala no cole, logo nunha escola de fútbol sala e máis tarde cun equipo de fútbol 7 Feminino. Cando viñemos vivir para Redondela empecei a xogar no Casa Paco, despois na escola de fútbol base do Choco, e cando rematou a miña etapa mixta marche ao Olivo de Vigo.

Cantos anos estiveches no Olivo?

Catro anos.

Por que decides marchar do equipo vigués?

Chegoume unha oferta do Braga cunhas condicións que non tiña no Olivo e existen poucos equipos de cerca de Galicia, ou mesmo de España, que poidan ofrecer esas condicións . Case nin mo pensei e marchei a Braga, ademais é unha cidade que estaba moi preto de Vigo.

Con cantos anos marchaches para braga?

Tiña 18 anos e estiven alí dúas tempadas. Era bastante noviña para saír da casa e mudar de país, pero a cousa foi ben e agora estou aquí de volta.

Agora no “Benfica” de Lisboa, un dos mellores equipos europeos do Fútbol Feminino.

Si. Temos un proxecto que é moi bo e ambicioso. Imos xogar os Play OFF da Champion.

Veste como campioa de Europa?

Non sei (risas…). A verdade e que todas temos esa ambición e ese soño. E sen lugar a dúbidas aquí danse as condicións para que pasen cousas bonitas.

Os teus inicios no fútbol, foron duros?

Cando cheguei a Redondela con 8 anos xa era difícil para min mudar de cidade, cole,amigos,…era complicado, pero para min, o fútbol foi o que me fixo facer amizades, a pesar de ser a única nena no equipo os meus compañeiros acolléronme moi ben. Sempre hai reticencias ao principio , rapaces que pensan que unha nena vailles quitar o posto pero..

Esas reticencias que mencionas son algo frecuente?

Si, pero máis entre os pais que entre os nenos. Para un pai, que unha nena lle saque o posto ao seu fillo, ufff. Tamén pasa cos rivais, ás veces escoitaba cousas feas deles. Pero despois, cando te van coñecendo, tanto a nenos coma a pais, o ambiente mudou, foi mo bo e en Redondela acolléronme moi ben, tanto no Casa Paco coma no Choco. Foi unha etapa moi agradable para min. Penso que nos queda moito camiño por percorrer, pero tamén imos moi avanzados, a sociedade vai aceptando que hai nenas que xogan ben e poden facerlle fronte aos nenos perfectamente.

Este ano, a “Copa da Raíña”, deparou unha final de Atlético Madrid- Barcelona. O campo estaba ateigado de xente. Pensaches algunha vez que isto podería chegar a acontecer? Ver un campo de fútbol cheo para contemplar un partido de fútbol feminino.

A verdade e que non. Cando comezas a xogar e ves a realidade, o fútbol feminino sempre estivo moi desvalorizado, xamais pensarías que un partido de fútbol de mulleres ía conseguir encher un estadio. Poder ver este acontecemento é un orgullo. Constatar que temos afección e tantos seguidores… Antes non pasaba, non eramos visibles para ninguén. Cando nos coñecen danse de conta de que é fútbol igualmente, con calidade técnica e iso é o que os afeccionados aprecian. Oxalá sigamos crecendo e cada vez haxa máis estadios cheos.

Sendo muller pódese vivir do fútbol?

Eu podo dicir que si, vivo do fútbol. Tamén é verdade que estou estudando porque sei que cando deixe de xogar xa non vou vivir disto, pero agora podo facer unha vida normal, sen luxos nin malgastar os cartos coma si poden facer os futbolistas homes. Si que é certo que eles gañan cantidades moito maiores para poder facelo, pero eu vivo deste deporte perfectamente.

Que estás estudando?

Estou facendo químicas. Conseguín matricularme na Universidade de Lisboa para facer este último ano de carreira xa.

E tes ganas de traballar de química?

A ver, prefiro seguir co fútbol hasta que poida e logo si, claro.

Como te tratan en Lisboa?

Trátanme ben, estou moi a gusto. Pouco a pouco fun abríndome camiño, saben quen son, como traballo de xeito honesto e dándoo todo. Eles apréciano e trátanme moi ben.

Apetéceche volver para Redondela?

Si, claro. Si é certo que este ano co parón pola pandemia estiven desde abril ata xullo na casa, nunca estiven tantos meses sen estar pegada ao fútbol e puiden desfrutar máis tempo en Redondela. Agora xa estamos a pleno rendemento e comezan as clases así que estarei bastante tempo sen poder volver, Lisboa está a 5 horas de viaxe en coche e é máis complicado vir cando só tes dous días libres.

Ti es afeccionada do Celta. Por que é un equipo que nunca apostou polo fútbol feminino?.

A verdade é que non, e decepciona bastante. Espero que comecen a ver que o fútbol feminino ten futuro e muden de idea. Sei que xa levan seis anos falando de coller ao Olivo e montar equipo, pero din que non teñen espazo na Madroa para facelo. Agardo que non sexa unha escusa e cando teñan a nova Cidade Deportiva o fagan. Penso que é o que lle falta ao Celta e sería moi bo para Vigo ter un equipo como o Celta apostando polo fútbol feminino. Case todos os equipos de Primeira División e de Segunda teñen equipo feminino agás o Celta e un par deles máis. As directivas non deben de ter prexuízos e pensar que un equipo feminino só lle vai traer gastos, os ingresos non van ser coma os dos equipos masculinos pero paga a pena ter equipo feminino e apelar pola igualdade, penso eu.

E que esperas para o futuro, algún proxecto novo, algunha oferta…?

Risas…. Algo hai, pero xa che dixen que me gusta este proxecto ambicioso e é o que e chama a atención, estar nun equipo que queira crecer e subir escadas cara Europa. Mentres o Benfica me queira eu aquí estou moi ben e moi a gusto.

Virás xogar a Galiza algunha vez?

Se o celta fai equipo feminino pode ser.

No Deportivo?

Ummm, non sei eu. Non se pode dicir nunca pero non me chama moito.

Eu vivo o fútbol con moita paixón, e se vou ter que representar unha camiseta que non sinto ou non me chama por dentro, sei que non vou estra contenta. Non teño nada contra o Depor, pero non é o meu equipo.

Cantas horas e días adestras co equipo?

Libramos ao día seguinte de xogar o partido, logo adestramos catro días seguidos e o último antes de volver xogar, ou libramos ou facemos unha activación. Isto é ximnasio ou adestramento no campo con bolas paradas. Depende da semana temos un ou dous días libres e adestramos unhas dúas horas diarias no campo e dous días a semana temos ximnasio polas tardes.

Isto compaxinado coa Universidade, as horas que non estou adestrando estou na Universidade ou estudando na casa.

E como o levas?

Lévoo ben, ao final do día rematas algo cansa pero e o que hai e paga a pena o esforzo. Foi a vida que escollín e teño a sorte de vivir do meu deporte e facer o que me gusta.

Moitas grazas por atendernos Paula.

Gracias a vós por darlle visibilidade ao fútbol feminino.