Non colledes o teléfono!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador da Sanidade Pública e militante do BNG de Marín

Marín, 8 de outubro de 2020.

Eu son un deses que non colle o teléfono cando chaman ao centro de saúde. Nin eu, nin o resto do persoal administrativo collemos o teléfono.

Iso é o que escoitamos permanentemente nos últimos tempos de pandemia. Non só non collemos o teléfono, senón que maltratamos aos usuarios e usuarias da sanidade pública dándolles cita, telefónica por suposto, para dentro de quince días. Sí, quince días para que o medico che cargue as receitas ou te consulte telefonicamente.

O persoal administrativo da sanidade galega ten que padecer as consecuencias dunhas decisións políticas das que non son responsábeis e que non comparten. Decisións que afectan a moitas persoas con enfermidades crónicas ou pendentes de diagnóstico, que ven como pasa o tempo e non son atendidas.

Esta é a realidade. Porén, os traballadores e traballadoras non somos culpábeis desta situación. Se non collemos o teléfono, ou mais ben non collemos todas as chamadas, é por que temos diante nosa, no mostrador, unha cola de xente que necesita ir ao médico e temos que atender.

Levamos acumulado un atraso nas citas desde o confinamento con esperas na atención primaria de unha semana a quince días. Fomos desconfinados ás portas do verán e o persoal do Sergas comezou a coller vacacións, as que nós corresponden e temos ben merecidas. E tivemos que collelas quixeramos ou non, pois ante a posibilidade de ter un outono cunha segunda onda pandémica, o Sergas obrigounos a collelas no verán.

E como pasa en todos os períodos estivais, o persoal de vacacións non foi substituído. E se non hai persoal non se pode facer o traballo, se non hai sanitarios non se poden pasar consultas, se non hai administrativos/as non se pode coller o teléfono e as colas no mostrador dos centros de saúde son mais longas.

Non é nada novo o que acontece na sanidade pública galega. Só que agora o goberno da Xunta aplica a doutrina do shock, aproveitando a pandemia para afondar no planificado proceso de deterioro da sanidade galega. Fechando consultorios, Puntos de Atención Continuada, centralizando a atención pediátrica, e fundamentalmente optando pola asistencia sanitaria telefónica.

A ecuación é clara, a mais espera para ser atendidos na sanidade pública maior demanda na sanidade privada. Diso se trata, ese é o oculto, pero evidente, programa electoral do Partido Popular. E se hai listas de agarda nos hospitais públicos para consultas especializadas ou operacións, desviamos aos pacientes á privada e que sigan facendo caixa cos cartos de todos e todas nós.

Se non queremos perder o que temos, unha sanidade pública e universal, teremos que defendela de quen a maltrata e quere acabar con ela. Por que todos os problemas nos centros de saúde e nos hospitais teñen solución se hai vontade política. Só hai que recuperar os investimentos deixados de facer nos últimos anos, potenciando a atención primaria con recursos materiais e humanos, aproveitando os recursos hospitalarios con quendas de traballo de mañá e tarde.

Protestarlle nos mostradores dos centros de saúde ao persoal administrativo non é a solución. Como dicimos en Marín, as queixas á ponte. E o capitán xa sabedes quen é, o Sr. Feixoo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión