Ruth Rodríguez Gonzalo

muller feminista afincada en Redondela, artista e cun futuro prometedor no mundo da Arte.

Nova Peneira conversa con Ruht, amiga deste xornal, muller feminista afincada en Redondela, artista e cun futuro prometedor no mundo da Arte.

A natureza dánolo todo, e tamén a arte .”

Ruth, 21 anos do Colectivo Republicano, 21 anos do Festival de Títeres ao que estás moi ligada, 21 anos do de Arte e Lixo onde tamén fas exposicións, e a 21 obra que se expón no Espazo Mínimo da Disco Tasca. Tes algo co número 21?

A verdade é que non, que cadrou así o 21 como número máxico. De feito, antes de expoñer non sabía que ía ser a obra número 21 do Espazo Mínima Expresión, cando me decatei fíxome moitísima ilusión.

A obra “Que pasa tronco” é a imaxe dun señor apoiado nunha barra coa súa boina na cabeza. O pao é de verdade?

Si, si que o é.

E que estiveches e esperando por el a que aparecera ou como foi a cousa?

Ese tronco recolleuno un bo amigo, activista desta vila, que se chama Luís Borines. Tíñao na casa gardado e un día que me pasei visitalo vino. Quedei namorada del nese mesmo intre porque xa vin a forma humana natural que tiña. Como quedei abraiada con el, Luís regaloumo. Cando mo regalou e me decatei que quedaba baleiro o Espazo Mínima Expresión, axiña aproveitei a oportunidade porque me parece un tronco marabilloso, a natureza dánolo todo, e tamén a arte neste caso.

A xente cando o ve sempre pregunta, é un tronco de verdade? Ti es artista plástica, podías facelo perfectamente, pero non, é así por natureza.

Si. Ao principio non sabía moi ben se intervilo dalgunha maneira, igual pintarlle algunha zona, pero despois decateime que saíu tan perfecto da natureza que intervilo parecíame como un sacrilexio ou mesmo estragalo. Decidín deixalo así e sinxelamente colocarlle a boina para darlle o seu carácter propio e a súa personalidade.

Digamos que intervín engadíndolle elementos, a barra do bar ou a boina, non lle fixen nada máis.

E agora dime como van os estudos de Belas Artes?

Acado de comezar esta semana no último curso, cuarto, na nova normalidade, esperemos que poida ser presencial, no noso caso é moi importante, coa formación online perdemos moito. Estou moi contenta e con ganas de rematar a carreira para iniciar de a carreira profesional.

Eu creo que os artistas no confinamento tivestes que desfrutar moito con todo ese tempo non?

Penso que o confinamento foi para todos unha forma de valorar máis a cultura. Todos escoitabamos música, lemos libros… No caso dos artistas máis, 24 horas encerrados e co reto de non poder saír a mercar materiais, tíñamos que aproveitar o que tíñamos na casa. Eu que son moi fan dos refugallos foi unha boa oportunidade para deixar a casa limpa de chambonadas, risas….

Que plans tes para cando remates a carreira?

Non o teño moi claro. Quero rematar, ver en que situación estamos como sociedade, a miña situación persoal tamén, e logo xa veremos.

Despois de expoñer a túa obra en solitario por toda a vila de Redondela, non o queres seguir facendo?

Si claro, encantaríame. Eu xa son case redondelá e gustaríame facer aquí a miña exposición como artista profesional xa, este é un pobo que sempre me deu, desde o principio moitísimas oportunidades. Isto sería unha maneira de devolver todas esas oportunidades, gustaría poder expor no Multiusos.

E tes esa obra feita para expor?

Agora mesmo non. Elaborar obra para facer unha exposición enteira leva moito tempo. Compaxinar cos estudios non che deixa moita marxe, pero en canto remate, un dos meus plans é ese.

Esta ano o Colectivo Republicano ía celebrar o seu 21 aniversario dedicándollo ás mulleres de Redondela, pero aprazouse para o ano que ben. Vaise homenaxear ás mulleres do franquismo, entre elas as madriñas de San Simón. Eu fágoche unha proposta aquí entre nós, comprométeste a montar unha exposición para o mes de abril do 2021 sobre a muller? Queremos que os mozos saiban a verdadeira historia, e entre a túa exposición máis a de “Rexas” da Deputación de Pontevedra quedaría unha cousa bonita.

Siii. O feminismo é un tema moi importante para min e teño algunha peza que fai a reconversión do feminismo desde o inicio dos tempos, xa estivo exposta na vila, seguiría creando nesa dinámica ata montar unha exposición completa claro.

Entón podemos contar en que cando remates esteas con ganas de facer cousas?

Si claro, agora xa teño a vosa exposición, xa teño traballo, quedo comprometida. Logo non teño pensado facer máster, é algo do que estou un pouco en contra do mundo “titulítico” no que estamos encadeados. Non teño enchufismos e non mo van dar gratis…

O meu plan é producir a miña propia obra, sei que é difícil pero se non o intentas, non o consegues.

Somos moitos artistas e é complicado facerse un oco, sobre todo sendo muller. A arte sempre foi moi machista, agora imos avanzando nese tema pero queda moito. Seguimos tendo que traballar nese sentido.

Rosalía de Castro era unha artista, eu considero que todos e todas que fan cultura son artistas, Olga Nogueira. Hai moita sente que considera que escribir non é arte pero si o é. Se es bo, debería dar igual que sexas home ou muller non?

Si que fomos progresando e avanzando gracias á loita feminista neste tema. Pero a día hoxe aínda é moi complicado que unha muller chegue a altos estamentos da arte, falo de dirixir un museo, por exemplo. Hai unha serie de cargos que a muller aínda non ten aceso, aínda é un mundo de homes e queda camiño por percorrer.

Pero a Baronesa Thyssen dirixe un museo?

Si, pero iso é porque os cartos mandan no mundo. Eu estou falando nunha igualdade real na que non haxa clase social ou cartos polo medio.

Estou comprometida con esta loita e como artista sempre vou contribuír a conseguir esta igualdade.

Primer comentario

Deixa a túa opinión