2.429.134

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Na metade do pasado mes de setembro a organización nacionalista española, Vox, presentou unha proposición, no congreso , que defendía a ilegalización das forzas políticas soberanistas catalás, vascas e galegas. A actual disposición aritmética do parlamento do estado conta con 35 deputadas e deputados que representan a vontade do nacionalismo periférico, en concreto a de 2.429.134 persoas que foron as que os votaron. O congreso español ten 350 asentos, xa que logo non é moi difícil observar que exactamente o 10% da súa composición está integrada por representantes das ideas de persoas que non se senten cómodas neste estado ou polo menos coa súa arquitectura política actual. Non é posible manter ningún tipo de relación se non existe comodidade por parte de todas as partes que a integran. Non é posible nin na amizade, nin no amor, nin no traballo, nin na veciñanza, nin na política nin en ningún sitio. É física e metafisicamente imposible convivir en paz con quen non estás cómodo. E é máis que evidente, para calquera que teña ollos para ver ,oídos para escoitar e non estea infectado polo virus do odio ao diferente, que no estado español as tensións territoriais están nun punto moi perigoso. A resolución exixiría unha aposta firme, valente e decidida pola sensatez, na que lamentablemente o PSOE non se dá situado. A solución de Escocia, a de Quebec ou a de Nova Caledonia, territorios do Reino Unido, de Canadá e de Francia respectivamente, nos que existe un forte sentimento independentista , e nos que se permitiu recentemente á súa poboación expresar con liberdade e en paz, se querían seguir nese status ou pola contra preferían camiñar sos, parece a máis apropiada para rematar con esta situación. Así pois, desa maneira o fixeron os gobernos británico, canadiano e francés e as tensións territoriais, alí, non parecen existir.

Pola contra, o asunto do nacionalismo periférico tamén se pode abordar, doutra maneira. Refírome a como o faría un psicópata. E basicamente consistiría en analizar o que é unha posición política desde un prisma moral e considerar que os dous millóns e medio de persoas, que situaron a eses 35 deputados e deputadas no parlamento, son uns canallas que non teñen dereito á expresión política, nin moito menos a poder facer realidade a súa concepción ideal do estado. Nese suposto están situados os pirómanos que levaron a pleno a petición de ilegalizar ao 10% dos cidadáns e cidadás do reino de España. Esa aposta pola tolemia, que supón ilegalizar ao dez por cento do estado, non tiña máis obxecto que fortalecerse eles mesmos coa simpatía dos segmentos máis ultras da dereita da meseta castelá, nos que comeza a penetrar a idea de que o PP é a dereita cagalleira, semellaba que sería combatida por todo o arco parlamentar de maneira nidia e rotunda, illando ao virus do fascismo, xa presente no parlamento do estado. Porén non foi así, as outras dúas dereitas C,S e o PP non votaron en contra, senón que se abstiveron. A extrema dereita propuxo ilegalizar a Xoán Carlos González, do BNG de Redondela, e o seu veciño e deputado Javier Bas, abstívose. A extrema dereita propuxo ilegalizar a Lucía Santos, do BNG de Marín, e a súa veciña e deputada María Ramallo abstívose. Se nalgunha ocasión alguén propuxera ilegalizar ao partido popular, ese alguén, fose quen fose , tería a este xornal radicalmente en fronte. E o PP teríanos ao seu carón , sen ningún tipo de matiz, para defender non só, o seu dereito á expresión política da súa forma de entender a realidade, senón tamén para loitar porque existise o marco legal apropiado para que ese corpus teórico puidese ser aplicado na práctica, sempre que houbese unha maioría, de cidadáns e cidadás, que así o desexase. O contrario, apostar pola ilegalización do que che resulta incómodo, ou mirar para outro lado cando alguén o propón e absterse, é unha indecencia, unha indignidade superlativa que debería pór vermello a quen tivera unha mínima capacidade para a introspección.

Primer comentario

Deixa a túa opinión