A OPERACIÓN JARO

JOÁM PERES LOURENÇO Operación Jaro

No ano 2.015 a Garda Civil detiña a varias persoas militantes de Causa Galiza. A dimensión que tivo esta nova nos medios de comunicación máis importantes de Galicia foi enorme. Así por exemplo, o 31 de outubro dese ano, un dos xornais de maior tiraxe titulaba: ”La Guardia Civil asesta otro golpe al brazo político de Resistencia Galega” dando por feito así, sen máis, que as persoas detidas son brazo político dunha suposta organización terrorista: ”La Guardia Civil asestó ayer un nuevo golpe al entorno de la banda terrorista Resistencia Galega” , así comezaba a redacción da nova que situaba a unhas persoas aos pés dos cabalos, estigmatizándoas a priori como supostos brazos políticos de terroristas ,pasándose a presunción de inocencia polo forro, directamente polo forro. Ao longo destes anos este proceso, bautizado como “Operación Jaro” tería unha segunda fase que supuxo a detención de varios integrantes da organización Ceivar. Neste tempo, a situación procesual das 12 persoas afectadas pasou por diversas etapas, desde unha acusación inicial de pertenza a banda armada, desbotada porque a evidencia de que, afortunadamente, en Galicia non existe ningún tipo de banda armada que practique a violencia política é máis que obvia ,ata o que parecía ser un proceso por un suposto delito de enaltecemento do terrorismo para finalmente seren acusados dun tipo delituoso bastante grave :”pertenza a organización criminal para enaltecer o terrorismo”. O próximo día 19, na capital do estado, estas 12 persoas serán xulgadas enfrontándose á petición de graves penas de prisión e de castigos económicos e sociais que de prosperaren suporían a súa morte civil como seren humanos alén de que ambas organizacións , Causa Galiza e Ceivar, serían disoltas. Nós falamos con Joám de Causa Galiza, unha das persoas procesadas, e con Manuel o avogado das persoas encausadas.

JOÁM PERES LOURENÇO

O NOSO, É UN CASO EVIDENTE DE XUSTIZA PROSPECTIVA”

Xa están definidas as datas do voso xuízo, verdade?

Si, vai ser os días 19, 20 e 21 de outubro na Audiencia Nacional de San Fernando de Henares. A celebración está a expensas da evolución da situación epidemiolóxica de Madrid, mais, tal como se definen os protocolos, todo indica que iso non será un obstáculo. Alén de sermos obxecto dun xuízo político, a propia celebración do proceso expón a decenas de persoas implicadas no mesmo a un risco real de contaxio.

Vexo que como mínimo teredes que estar tres días completos en Madrid. Quen se fai cargo dos vosos gastos eses días?

Nós mesmos, comunitariamente e unha solidariedade económica independentista que, como sempre que é necesaria, está aí.

E no caso de absolución, non se reintegran os gastos?

Non. O desgaste económico fai parte dun proceso represivo prolongado no tempo que xa dura cinco anos.

Cales son os tipos delituosos de que se vos acusa?

”Enaltecemento do terrorismo” e ”integración en banda criminal” para practicar ese enaltecemento

Polo tanto Causa Galiza e Ceivar, serían dúas “bandas criminais”?

A pesar do esperpéntico da afirmación, sí. O traballo político independentista e a solidariedade cos independentistas represaliados e represaliadas son tipificadas como actividades ”criminosas” e sancionadas con máis de 100 anos de prisión.

Máis dun século de prisión¡¡¡

Si, as peticións individuais de condenas van desde os 4 ata os 12 anos. Logo, sancións económicas que superan os 300.000€, a inhabilitación para traballar na administración e opositar a emprego público e o impedimento para participar como candidatos en procesos electorais.

E politicamente para as dúas organizacións?

O proceso podería supor a disolución de ambas e o primeiro caso desde 1936, en Galiza, de ilegalización de organizacións independentistas. Podemos estar perante o modelado do mapa político do país a través dunha operación policial e un xuízo político. A gravidade do contexto penso que é evidente.

Canto levades con isto ?

A montaxe da Guardia Civil comezou o 30 de outubro do ano 2.015. Van por tanto cinco anos de proceso xudicial. Neste tempo pasamos por distintas fases. Inicialmente Causa Galiza foi suspendida de actividades, o que supuxo unha ilegalización de facto durante un ano e a recuperación do status legal despois dese tempo. O sumario foi perdendo fol co paso do tempo, retirándose imputacións como a de ”pertenza a banda armada”, etc. Finalmente, a Fiscalía, cun goberno do PSOE, introduce a imputación de pertenza a ”banda criminal” e retornamos a unha posición similar á de cinco anos antes.

Por que?

Causa Galiza foi acusada pola Guardia Civil de ser o ”brazo político” dunha suposta organización armada. Paradoxalmente, doce meses despois, a Audiencia Nacional devolvíalle o seu status legal, desmentindo así a acusación policial e mediática. Posteriormente, retiraron o cargo de ”integración en banda armada” ante a inexistencia de ningunha evidencia probatoria neste sentido. E cando previamos un xuízo por ”enaltecemento do terrorismo”, atopámonos cunha nova imputación, agora por “integración en banda criminal”, que afecta organizacións que levan anos actuando con luz e taquígrafos á vista de todas e todos e teñen unha intervención absolutamente legal.

Estamos, no teu xuízo, ante un caso de xustiza prospectiva?

Se se entende por tal aquela que inicia actuacións policiais para encontrar probas dun delito inexistente ou imaxinado, o noso caso é evidente. Non se produce unha investigación xudicial en base a existencia de indicios racionais de criminalidade, senón que somos vítimas dunha operación política que toma a priori a decisión de ir a por o independentismo para facilitar a morte política das organizacións independentistas, e a morte civil das persoas que militamos nesas organizacións. É sintomático que a operación estivese dirixida por un ministerio do interior comandado por persoas cun papel presuntamente moi relevante na operación Kitchen

Quen son esas persoas?

Jorge Fernández Díaz, naquel momento ministro do interior, e Francisco Martínez daquela secretario de estado. Tamén Arsenio Fernández de Mesa, ligado no seu día á extrema dereita en Trasancos e nese ano director da Garda Civil

Tedes medo de que a vosa sentenza xa estea escrita?

Entendemos que a sentenza terá un forte impulso político e que se estamos nos bancos da Audiencia Nacional é, exclusivamente, por razóns políticas e por unha pretensión evidente de criminalizar e borrar do mapa a perspectiva independentista nun momento de crecemento sociolóxico desta. O Estado está consciente do aumento da conciencia independentista en Galiza e combate ese proceso por vía policial e xudicial. Con todo, a reacción social ao proceso tamén condicionará a súa resolución final.

En base a que sustentas esa opinión?

Cando entraron nas nosas casas non atoparon nada que relacionase a nosa militancia con actividades ou organizacións ilegais. A nosa intervención desenvolveuse, sempre, no marco xurídico e político vixente aínda que apostase pola súa superación. O xuízo non se pode entender baixo ningunha premisa xurídica ou delituosa. Responde a criterios de estratexia política.

O material que se levaron, nos rexistros que efectuaron nas vosas casas, devolvéusevos?

Non. Descoñecemos o paradeiro de documentos, computadores, lápices de memoria, libretas, pertenzas persoais de todo tipo, etc.

Estades desenvolvendo unha ampla campaña de difusión do voso caso. Como valorades o seu resultado? 

Si, a pesar do bloqueo informativo, estamos rompendo o cerco e visibilizando, publicamente, o proceso represivo e a súa natureza. Centenares de sinaturas de apoio, asembleas abertas por todo o país, campaña de rúa, posicionamento de organizacións e colectivos, etc. A nosa estratexia de traballo foi dirixirnos a todos os sectores políticos e sociais, por a cuestión sobre a mesa e solicitar compromisos. Os resultados están aí. Como era de esperar os sectores máis receptivos foron o independentismo e o nacionalismo tanto político como sindical.

Con Podemos e con Esquerda Unida estivestes?

Esquerda Unida denunciou publicamente a montaxe xudicial e policial

E Podemos?

Solicitamos en diversas ocasións reunirnos coa súa dirección autonómica, mais a realidade é que as palabras nunca se traduciron en feitos. Que non exista un posicionamento nun asunto da gravidade do presente é, para nós, moi preocupante.

De ánimos e de moral como estades?

Moi fortes e unidos como unha piña. As nosas conviccións independentistas e a determinación para seguir a traballar politicamente pola independencia nacional medraron neste tempo. Enfrontaremos o xuízo con forza e con dignidade como non podía ser de outro xeito e chamamos á sociedade galega a levantar un muro de denuncia e solidariedade fronte a unha represión, que nos afecta directamente a nós, mais está dirixida a toda a sociedade e a condicionar, utilizando a forza, o avanzo soberanista.

MANUEL CHAO AVOGADO

Manuel representa a 9 das 12 persoas encausadas na operación Jaro. Falamos con el no seu despacho de Vigo

TEÑO CONFIANZA EN QUE A LEGALIDADE PROSPERE E QUE A SENTENCIA SEXA ABSOLUTORIA POIS NON EXISTE DELITO ALGÚN”

Esta entrevista facémola poucos días antes da celebración do xuízo. Prevés que a situación epidemiolóxica na que se encontra a comunidade de Madrid, provoque que o inicio da vista se adíe?

Primeiro agradecer o voso interese.En relación á túa pregunta nós pensamos que sería posible que así fose. De feito algunha das persoas procesadas é persoa de risco, así diagnosticada polo médico, e nós pedimos o adiamento. 

Resolveuse a vosa petición?

De momento non. Pero dadas as características do tribunal que nos tocou, a verdade é que non son optimista.

Cales son os tipos delituosos dos que se acusa ás persoas que ti representas?

Quero aclarar primeiro que o noso despacho representa a 9 das 12 persoas acusadas. Nós defendemos aos primeiros detidos, na operación Jaro 1. As persoas detidas en Jaro 2 son defendidas por outro letrado. A acusación da fiscalía é por varios delitos de enaltecemento do terrorismo e por outro tipo penal que consistiría na integración nunha organización criminal

Xa que logo, segundo a perspectiva da fiscalía Causa Galiza sería unha organización criminal?

Si, sería unha organización criminal creada ad hoc para enaltecer o terrorismo

Ese tipo delituoso segundo o cal unha serie de persoas decidirían organizarse co suposto obxectivo de enaltecer actividades terroristas, facendo un exercicio de dereito comparado, podemos atopalo nos códigos penais doutros estados?

Non. En estados democráticos e de dereito máis avanzado da nosa contorna nunca que eu saiba se lesionou tanto a participación política ata o punto de pensar que unha organización política se crea para cometer delitos. Se algún membro dunha forza política comete algún delito, nunca en ningún caso se considerou á organización en si como unha organización criminal. O que acontece neste asunto é que se aplicou un tipo de investigación prospectiva. Quero dicir, non se produce unha actuación xudicial en base á existencia de indicios racionais de criminalidade, senón que se investiga a ver se se encontra algunha actuación delituosa. A través da detención e dos rexistros búscanse os delitos. Estamos ante un caso máis que notorio de xustiza prospectiva

Se a xustiza se administra en función de criterios de oportunidade política non é xustiza

Así é. E quixera dicir ao respecto disto que as consideracións de Europa sobre o funcionamento da xustiza española son moi preocupantes

A persoa procesada que tamén entrevistamos nas nosas páxinas considera que a sentenza vai ter un compoñente máis de tipo político que puramente xurídico. Cal é a túa opinión ao respecto?

O presidente do tribunal que nos tocou, imos pensar que foi por casualidade, foi tamén presidente do tribunal que declarou que en Galicia existía unha organización armada chamada Resistencia Galega. Esta declaración forma parte da proba deste sumario, xa que logo, ao haber coincidencia, nós consideramos pertinente recusar ao presidente do tribunal

Resolveuse esta recusación?

Aínda non. Pero nós entendemos que non pode gardar a imparcialidade debida ao terse pronunciado dunha determinada maneira. Asemade xa ten manifestado animadversión cara ás minorías nacionais

Iso está constatado?

Si, publicamente. Se a esta situación sumamos o tipo de investigación , que acusa ás organizacións antes de probar se algún dos seus membros cometeu algún delito, pois semella que a compoñente política é elevada e preocupante.

A existencia da propia Audiencia Nacional é unha anomalía xurídica?

Si. Só nos estados con niveis moi elevados de conflitividade política se crean estes tribunais ad hoc. A existencia da AN substitúe un dereito fundamental que é o do xuíz natural, que sempre é o da contorna máis próxima a onde se produciu o suposto feito delituoso. Iso é básico case desde o dereito romano.Non estados onde non existe persecución contra a disidencia política non hai tribunais como a Audiencia Nacional.

As penas que demanda a fiscalía son elevadísimas, ves posibilidades de que acaben sendo confirmadas pola sentencia do tribunal?

Nós, malia todos estes inconvenientes da composición do tribunal e da investigación temos confianza en que a legalidade prospere e que a sentencia sexa absolutoria pois non hai delito algún. É máis algunhas das acusacións son tan disparatadas como son acusalos de actos do ano 2.009 que estarían prescritos, ou acusalos de recibir a un veciño que saía da cadea e que nin sequera fora condenado por terrorismo.Por outra parte tamén temos a referencia da última sentencia de Estrasburgo tamén sobre unha condena do tribunal supremo español sobre enaltecemento, na que di que portar bandeiras , facer recibimentos ou amosar fotografías non é delito de enaltecemento

De cando é esa sentencia?

De xaneiro deste ano. E xa é a terceira sentencia do tribunal de Estrasburgo neste sentido

No código penal español o delito de enaltecemento do terrorismo está redactado de maneira inequívoca ou pola contra pode estar suxeito á interpretación do xulgador?

Como todos os tipos penais excepcionais a súa redacción é ampla e inconcreta. Afecta á liberdade ideolóxica e á liberdade de organización política. Reitero porén, que a xurisprudencia do tribunal europeo de dereitos humanos si é moi clara. 

Ti tes confianza en que non sexa necesario acudir a Europa?

Si, claramente si.

Aínda que de ser preciso habería que ir?

Por descontado.

Primer comentario

Deixa a túa opinión