Leticia Santos, Alcaldesa de Moaña

Leticia Santos, Alcaldesa de Moaña

Dicía Carmen Martín Gaite que: “non hai pracer máis elevado que a conversa, cando quen fala ten gañas de falar e quen escoita ten gañas de escoitar” .E escoitar a unha persoa intelixente, cordial e sensible, como a alcaldesa Leticia Santos, é sempre para min un feito que me fai lembrar aquel fermoso pensamento da escritora salmantina. Leticia atendeunos con moita amabilidade e explicounos a súa satisfacción pola acción económica do seu goberno, o seu interese en desenvolver políticas sociais suficientes para que ningún veciño ou veciña quede atrás neste contexto tan complexo, o seu orgullo pola loita da veciñanza de Moaña pola súa sanidade. E laiouse da nula cooperación e o desleixo que, ao seu xuízo, amosa a actitude do PP local. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

ESTOU ABRAIADA CO DESLEIXO QUE AMOSA O PP LOCAL”

Algúns alcaldes e alcaldesas, cos que teño falado recentemente, manifestáronme a súa preocupación pois, co inicio da desescalada, nos seus concellos aumentou notablemente o número de persoas que precisan axuda municipal para cubrir as súas necesidades máis básicas, incluída a comida. Como está a situación en Moaña?

Aquí esa situación que describes xa se deu co inicio do estado de alarma. No concello temos un programa de emerxencia social que o aplicabamos no nadal. Cando se pararon os comedores escolares, polo decreto do estado de alarma, decidimos retomalo programa para que as familias que o precisasen puideran mercar produtos de primeira necesidade. Estes bonos só se poden utilizar no comercio local. Nestes primeiros momentos o ritmo de crecemento de familias que precisaban axuda foi moi alto, de marzo a abril case se nos duplicou esta cifra. Na actualidade xa son bastantes menos e a situación está case como antes do confinamento

Algunha acción política do Concello contribuíu a que a situación mellorase?

Eu creo que ao utilizar o 20% do remanente que permitiu o Estado para aplicalo á loita contra o Covid está axudando a remitir esta situación.

A Mancomunidade do Morrazo deseñou un plan para a reactivación económica e social dos distintos concellos da comarca. Explícasnolo?

Este é un programa de apoio directo ás entidades empresariais de todo tipo. Deseñouse unha campaña de información enfocada á necesidade e mellora da capacidade de dixitalización dos establecementos provedores de produtos ou de servizos. O pasado 13 de outubro comezaron esta fase de formación que se vai estender ata mediados de decembro, dous meses de formación intensiva con dereito a titorías e acompañamento.

Ademais imos realizar unha campaña publicitaria para concienciar á xente do Morrazo da importancia que ten consumir a nivel local, deixar aquí os nosos recursos e xerar postos de traballo nas nosas Vilas.

Por último, créase un Market Place onde os clientes poidan estar en contacto directo coas empresas.

Por que Marín e Vilaboa non forman parte da Mancomunidade do Morrazo?

Marín no seu inicio, hai máis de 20 anos, si que formaba parte, pero antes de prestar ningún tipo de servizo xa decidiu independizarse. Supoño que non o consideran convinte

Un empresario de Marín, do que non che vou dicir o nome, comentoume que sentía envexa polo apoio que lle dades ao tecido comercial e empresarial de Moaña, xa que ,segundo o seu punto de vista, o Concello de Marín non os apoia en absoluto.

Eu en relación a isto que comentas só podo dicir que agradezo que valoren o noso traballo. É difícil porque os concellos non temos competencias en promoción económica, pero si que temos a obriga de intentar axudar en todo aquelo que poidamos . Como antes che comentei, creemos que a nosa campaña de axuda social ás familias de Moaña, que tiña a condición de que os bonos de axuda só se puidesen gastar no comercio de Moaña, resulta de gran importancia, tanto para os que reciben esas axudas como para o tecido comercial

Tamén houbo axuda para o inicio do cole, non? 

Si, co inicio do curso escolar, no mes de outubro démoslle a cada familia adicionalmente 200€ por crianza para a axuda de libros, material escolar e vestiario. A maiores tamén 100€ para a adquisición de produtos de prevención do Covid. Neste punto como a Xunta rexeitou ofrecer de balde as máscaras aos nenos, pois son obrigatorias, nós dámoslles este bono especial para este tipo de material. Este mes, polo inicio de curso, unha familia pode chegar a recibir ata 700€ de axudas.

Para poder desenvolver unha adecuada política de protección social é imprescindible unha boa xestión económica

Estou moi orgullosa do traballo que leva feito o concelleiro responsable da área económica, Aldán Santamarina, xunto co departamento de intervención.

Hoxe en día temos remanente e podemos utilizar ese 20% .Cando chegamos ao concello había 1.000.000 de € en negativo e 13.000.000 de € en débeda. Cinco anos despois de coller as rendas do concello temos 10.000.000 de € menos de débeda. Todo isto sen subir impostos e sen deixar de facer cousas. É máis, facemos máis cousas e dispoñemos de mais recursos. Pelexamos subvencións europeas, estatais, galegas… concursamos en todo o que sae, e de aí sacamos os recursos para os nosos proxectos.

Nestes intres o Concello está en disposición, se é necesario, e para garantir que a veciñanza de Moaña manteña a súa calidade de vida nunhas condicións dignas, de facer os esforzos que sexan precisos, mesmo se temos que endebedarnos. Temos a capacidade económica para poder facelo.

Estás satisfeita da situación económica, pero supoño que non da sanitaria?

Estou bastante descontenta, claro.

O Centro de Saúde é unha central telefónica. Só poden atender telefonicamente aos pacientes e para isto podes ter que esperar moitos días. Se algún paciente ten algo serio ten que ir ás urxencias e colapsalas.

O novo xerente da area sanitaria estivo no centro de saúde e recoñeceu que había unha espera de 9 días de media hábiles para obter unha cita. Despois da cita telefónica teñen que darche outra presencial para resolver o que non poden facer por teléfono, isto fai que haxa un atraso tremendo na atención. Non se cubriron baixas nin vacacións de médicos e médicas, e estes profesionais están a un nivel de estrés intolerable. 

Estamos na segunda vaga de contaxios e os centros de saúde seguen pechados á xente, deixouse de atender a casos de enfermidades crónicas pondo en risco a vida destes pacientes. Pedimos atención presencial xa e deixar a atención telefónica nos mesmos cocientes que antes da pandemia.

Estades facendo concentracións de protesta por isto non?

Si, fixemos no mes de agosto, no mes de setembro e recuperamos xa as protestas dos xoves.

Como é isto dos xoves?

Levamos case dous anos manifestándonos, cidadanía e profesionais da medicina en atención primaria, nos centros de saúde todos os xoves ás 12:00h en defensa dunha Sanidade en atención primaria digna, que é a máis afectada polos recortes do PP na Xunta de Galicia. Reclamamos máis medios humanos e técnicos para a atención primaria. Estas concentracións suspendéronse co Estado de Alarma pero volvemos recuperalas no mes de outubro. Este primeiro xoves foi o que máis xente xuntou nestes dous anos, e en plena pandemia, isto quere dicir que os pacientes non se consideran atendidos.

Tamén, durante o Estado de alarma, trasladáronos as urxencias para Cangas, coa escusa de que aquí non hai capacidade. Se algún veciño ten un problema grave de saúde, te que acudir ás urxencias de Cangas.

Vaia, e para cando o novo Centro de Saúde?

Desde febreiro temos asinado un convenio coa consellería de saúde, despois que nos marearan durante catro anos. Desde o concello seguimos coa tramitación urbanística a piques de concluíla

En canto tempo tes previsto que podería estar en funcionamento?

Eses tempos vainos a marcar a Xunta de Galicia, pola nosa parte, o ano que ven, estará todo listo e os terreos con acceso directo, que é o que nos esixen.

Cóntanos a remodelación do Paseo do Con?

Ese paseo é competencia de Portos de Galicia, leva como ano e medio valado por problemas estruturais, e está previsto que Portos de Galicia o substitúa por unha opción sobrevoada con materiais de maior durabilidade que a madeira. Imos asinar un convenio de colaboración con Portos no que nos comprometemos ao mantemento do paseo. 
A través dese convenio tamén será o Concello o que xestione o alumeado público da Rúa José Coste Alonso e imos mellorar a zona do Paseo do Vaticano eliminando unhas zonas de lastras que dificultan a accesibilidade para as persoas con diversidade funcional.

E algún proxecto máis do que nos poidas falar?

O do Centro de Saúde é o máis importante. Temos pendente tamén a concesión de Costas a zona do Paseo da Seara. Este é un proxecto que nos ilusiona e que estivo moi mal tramitado polo anterior goberno. A obra houbo que parala por non dispoñer dos terreos. O novo proxecto saíu dunha mesa de consenso no que participou tamén a plataforma e conseguimos poñer en valor á Seara no seu conxunto converténdoa nunha rúa con outro tipo de características; facer unha zona pegada ao mar cunha gran praza pública. Á súa vez, temos outro proxecto para reconstruír e poñer en valor aos estaleiros como unha parte importante do noso patrimonio marítimo pesqueiro.

Este ano o Inter céltico foi un pouquiño diferente?

Si, moi diferente.

Que valoración fas do festival?

Moi positiva. Primeiro de todo, quero felicitar ao público, tivo un comportamento exemplar. 

Foi diferente porque tivemos que limitar o aforo e foi a primeira vez que o retransmitimos en streaming. Casa de Tolos coa súa canle fixo que fose posible, tamén foi diferente porque tivemos un cartel cen por cen galego e de máxima calidade. Mereceu moito a pena dicir alto e claro que a cultura non ten que morrer con este virus, ten que poder resistir porque é segura e imprescindible para as nosas vidas. Todas as persoas que coñezo, durante ao confinamento, leron un libro, escoitaron música, viron series, cine, realmente a cultura foi imprescindible para nosa saúde mental.

Alén da cultura, o deporte local, en concreto o remo, fixo unha temporada espectacular?. 

Si que fixeron un ano extraordinario . Tirán e Meira déronos un duelo na liga galega espectacular, nunca se vira tal emoción competitiva entre estes dous grandes

Tamén teño que falar das Tripulacións femininas das dúas sociedades. O equipo xuvenil da Sociedade Deportiva Tirán de bateis, primeiro campioas galegas e logo campioas de España no campionato de bateis que se celebrou en Meira. Tamén as senior da Sociedade deportiva San Bartolomeu que acabaron o terceiro posto no campionato de España. Temos unhas mulleres loitadoras, bravas e fortes que tamén dan boa mostra da capacidade deportiva que ten Moaña. Quero felicitar a todas as entidades deportivas da nosa vila por manter vivo o deporte, a pesar das circunstancias, o deporte tamén é fundamental nas nosas vidas.

Como están as relacións co PSOE local?

A relacións son boas, somos un equipo de goberno único. Cada forza política ten as súas directrices pero o equipo de goberno é sólido e está firmemente cohesionado.

E segues considerando que o PP fai oposición destrutiva?

Sinxelamente, o PP en Moaña non se achega nin a ser oposición nestes intres. Hai un desleixo tan importante da actividade política que estou abraiada. Como se pode ir pedir o voto hai pouco máis dun ano, e hoxe por hoxe nin sequera prepararse os asuntos do pleno.

Durante a pandemia este goberno estivo só, ninguén da oposición fixeron achegas en nada, non axudaron en ningún momento. So viñan a boicotear todas as iniciativas que propuxemos sen tan sequera ofrecer ningunha alternativa. Creo que isto non é facer oposición. En vez de contribuír para que a veciñanza puidese saír dunha situación de incerteza o mellor posible, só puxeron obstáculos.

Neste sentido estou moi decepcionada .

Cando estabamos no confinamento, nunha conversa telefónica que tiven contigo dixérasme algo que a min pareceume moi bonito

Recordo esa conversa, pero non a que te refires Tino

Dixéchesme que esperabas que ao estar encerrados, o confinamento non ensinara a ser mellores persoas e que foramos capaces de apreciar o bonito, o positivo e o importante que é poder compartir o noso tempo coas persoas queridas. Cres que se conseguiu?

Eu creo que si, que valoramos máis o poder estar coa familia e cos amigos, pero a súa vez, tamén hai moita xente que quedou moi crispada pola situación. Hai moitas persoas que quedaron moi afectadas e os medios de comunicación non axudan, temos que ter coidado e coidarnos enfronte a pandemia, pero non podemos vivir con medo e nun estado de crispación constante.