Petrona en “La Toja”

Artigo Editorial A Nova Peneira Tino Lago
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

Cando eu era nena había un dito moi machista que se aplicaba a unha persoa que acumulaba moitas desgrazas ou, nomeadamente, moitos defectos: “Esta tenas todas como Petrona, que era puta, fea e ladrona”. Lembreino hai uns días coa celebración na illa da Toxa do congreso para a reconstrución do mundo (tal cousa dicía a prensa) logo da pandemia da COVID. Parecíame que o foro, como Petrona, tíñaas todas. Primeiro esa visión do Imperio como medida do universo. Segundo, a práctica desaparición das mulleres no programa, que tan graficamente resumía un medio non público -pero que pagamos todas nós-, ao ilustrar coa imaxe dunha ducia de ponentes masculinos, a grandilocuente nova de que as “mellores mentes” se reunían na Toxa. E terceiro, a patada na boca que lle daban á nosa lingua ao denominar o evento: “Foro La Toja”, deturpando por completo o topónimo da marabillosa illa meca. Que digo eu, polo menos escribilo coa gheada propia da zona. 

Pero aínda hai máis. A esta Petrona caghoulle un can diante, -que dicía outro dito cando alguén tiña aires de marquesa sen ter que levar á boca-, e levaba un tufo clasista que tiraba para atrás. Por iso, non é de estrañar que os anuncios chegados dos masculinos, españolistas e podentes próceres da nosa patria, apunten que nesta crise, como na anterior, os chalecos salvavidas van ir para primeira clase e DiCaprio vai afogar no titánico esforzo de sobrevivir ao naufraxio dos autónomos da hostalaría. 

Unha vez máis, os grandes proxectos que propón á Xunta para os fondos europeos non miran polo traballo autónomo, polas pemes, polas conserveiras, polas explotacións gandeiras ou agrícolas da nosa Terra, por moito que lles chamen proxectos tractor. Se daquela a prioridade foi salvar os bancos, o que urxe agora é salvar as grandes empresas como ENCE, Iberdrola, Inditex e a multinacionais estranxeiras, que son as que van levar os cartos segundo anuncia San Caetano, mentres os medios afíns aplauden coas orellas e corren a explicarnos a nós, que somos populacho, que grazas a darlles 1.300 millóns de euros van crear, nada máis e nada menos, que 1.700 postos de traballo. Carallo, sae a millón por emprego!

A oposición fai o cálculo e o goberno galego rectifica: pois crearán 18.000!!!, mais sen explicar que pasou entre titular e titular para posibilitar o cambio. Isto é como as vodas de Canaán ou o milagre dos pans e os peixes: temos que ter fe e acreditar que non vai pasar como con Pemex ou como cos postos que ía haber na ría de Arousa grazas aos depósitos de Ferrazo. 

Mais eu, desta volta, ando un pouco atea e non acredito nada. Temo que o país, o sector público e a clase traballadora van saír de novo magoados. Venderannos que non hai nada máis positivo para o medio ambiente que darlle cartos a ENCE mentres acaba co bosque autóctono. Dirán que non hai nada máis produtivo que investir en hidróxeno, sen explicarnos porqué os beneficios en vez de reverter non país acabarán en mans privadas. E presumirán de bos xestores por posibilitar que o cadro de persoal de Alcoa sexa absorbido por unha multinacional en vez de garantirlle estabilidade e mellores condicións laborais nunha empresa pública. 

Fico ata sen a esperanza que queda no indignarse ao ver a loitadoras feministas posar sobre a alfombra vermella de “La Toja” sen que a cor lles suba á faciana. Ai!