Comunicado á prensa

Artigo de opinión A Nova Peneira

O pasado 7 de outubro ficou constituida en Salvaterra de Miño a Plataforma pro monumento ás vítimas do golpe de estado de 1936

Tendo en conta que de Salvaterra fusilaron a máis de once persoas, entre eles o Tte. de Alcalde José Domínguez de Corzáns, no territorio do concello pasearon a uns dez, entre eles o concelleiro Bernardo Bernárdez de Alxén, o Alcalde Manuel Mariño logrou fuxir, represaliaron e depuraron a bastantes máis e obrigaron a ir á guerra a moitisimos máis.

Faise imprescindible que estes feitos non queden no esquecemento polo que Salvaterra non pode quedar indiferente ante o sucedido. É de xustiza, despois de tantos anos, que esas vítimas teñan o recoñecemento que se merecen, do mesmo xeito que para os seus descendentes e os veciños en xeral non caian no esquecimento. 

As persoas adheridas a esta plataforma fano voluntariamente a título individual, sen xerarquías nin estrutura piramidal, pluralista e incluinte, intentando acadar a maior amplitude de participación responsable e respectuosa con todas as opinións e visións.

Como tal non pertence a ningún partido político, é un medio onde se asumen e se exercen os dereitos e obrigacións como cidadanía. Non hai estatutos, nin se vai a dar de alta en ningún lugar, tan só defende uns obxectivos prioritarios.

Dadas as dificultades de reunión nestes intres polo Covid-19, casi tódalas participacións fanse a través de correo-e, teléfones e grupo de wasab.

SONOBXECTIVOS DA PLATAFORMA:

a) Acadar que se erga un monumento na honra das vítimas do golpe de estado de 1936 en Salvaterra.

b) Fomentar a publicación dun libro sobre o que aconteceu en Salvaterra.

c) Lograr a exhumación dos 5 asasinados que están soterrados no adro da igrexa de Cabreira.

d) Traballar para que desaparezan todos os vestixios de exaltación fascista no Concello.

e) Intentar recuperar un baúl con documentos pertencentes ao Tte. de alcalde José Domínguez.

Todo elo ao amparo da nova lei de Memoria Democrática.

CAMIÑO ANDADO

O pasado martes día 13 xa houbo unha reunión con representantes do grupo de goberno municipal (alcaldesa Marta e ttes. alcaldes Ernesto e Andrés) onde se trataron dous dos temas básicos para acadar o primeiro dos obxectivos, erguer o monumento, relativos ao texto e ao lugar onde ubicalo.

– O texto recollería. “ESPAZO DA MEMORIA”,“ O pobo de Salvaterra de Miño en recoñecemento ás vítimas do golpe de Estado de 1936”

– O lugar. A proposta da plataforma foi a colocación da placa na fonte ubicada no parque que está diante do mercado municipal. (Deste xeito transformamos unha fonte con vestixios franquistas nun espazo da memoria)

Estas dúas propostas, texto e lugar, están pendentes da aprobación do resto de compoñentes do grupo municipal.

En Salvaterra de Miño a 20 de outubro de 2020.

A PLATAFORMA

A cerca de admin 49 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.