Os 250 animais acollidos no Santuario Vacaloura poden quedar sen fogar

Os 250 animais acollidos no Santuario Vacaloura poden quedar sen fogar

As actuais instalacións son moi vellas e non aguantarán outro inverno 

Vacaloura inicia unha campaña contra o reloxo para conseguir un terreo para o refuxio

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

O Santuario Vacaloura ven de anunciar que vai iniciar unha campaña contra o reloxo para acadar os apoios económicos necesarios para a adquisición dun novo terreo para o Santuario. As instalacións actuais onde se atopa o refuxio están moi deterioradas pola súa antigüidade e as humidades, e ameazan con non aguantar este inverno.

Desde a Asociación Vacaloura Santuario Animal levan xa un tempo buscando un terreo que poidan adquirir para poder asentar o refuxio nun lugar definitivo e que conte coas instalacións axeitadas para atender os 250 animais que acollen. O terreo onde actualmente se ubica, nas aforas de Santiago de Compostela, dispón dunhas instalacións moi vellas, dos anos 60, que están xa moi deterioradas e filtran moita auga cando chove. “De feito, xa están a provocar problemas de saúde nos animais, porque a humidade acumulada no chan provócalles pododermatite, un problema importante que lles produce moita dor”, afirma Inés Trillo, fundadora e Presidenta da Asociación Vacaloura Santuario Animal.

Agora veñen de atopar un predio que pode converterse no paraíso soñado para centos de animais abandonados (os que xa están e outros que poderán ser rescatados). Mais “necesitamos axuda para afrontar a compra, xa que, malia as facilidades que nos poñen para a adquisición, non dispoñemos neste momento de toda a cantidade de diñeiro necesaria, os animais poden quedar sen fogar” laméntase Trillo.

No Santuario Vacaloura refúxianse actualmente 31 ovellas, 3 touros, 1 vaca, 6 equinos, 17 porcos, 50 pombas e así ata 250 animais rescatados do abandono ou o maltrato. O refuxio, que non conta con axudas públicas, mantense grazas á solidariedade da xente e ao que conseguen coa venda de diferentes produtos éticos, ecolóxicos e solidarios. Agora, para poder mercar ese terreo, botan a andar a campaña “Un corazón para Vacaloura”, onde convidan ás persoas que apoian o proxecto a achegar o seu corazón, a razón de 5 euros, para xuntar 10.000 corazóns necesarios para poder afrontar a compra.

A campaña lanzarase nas redes co cancelo #UnCorazónParaVacalourae pódese consultar toda a información na webwww.uncorazonparavacaloura.com