Xose Manuel Rodríguez Méndez Alcalde de As Neves

Xosé Manuel Rodríguez Concello de As Neves A Nova Peneira

O alcalde de As Neves repasa nas nosas páxinas o estado de saúde da política local con especial incidencia no tema sanitario, que ten ao mundo paralizado e, que nos últimos meses mudou a vida de todos e todas.

QUEREMOS QUE QUEN VIVE NO NOSO POBO RECUPERE O ORGULLO DE VIVIR NAS NEVES, E QUE QUEN PUIDESE ESTAR INTERESADO EN FACELO COÑEZA AS INMENSAS AVANTAXES QUE TEN”

Aínda que a situación varía pouco menos ca dun día para outro,;a día de hoxe, 5 de novembro, como está a situación sanitaria no teu Concello?

Ben, como ti apuntas a situación é moi variable, pero a día de hoxe no noso pobo a situación é moi positiva. Agora mesmo só temos dous casos activos perfectamente controlado polo SERGAS

Estades no semáforo verde logo?

Si, levamos varios días así, de feito nós nunca chegamos a pasar de amarelo. Estou moi orgulloso do nivel de responsabilidade e civismo que amosa a veciñanza do noso pobo

Ti sempre defendiches as avantaxes da vida no rural . Se cadra esta desgraciada situación sanitaria veno a amosar?

Para min sempre estivo claro, pero creo que a raíz do contexto no que estamos actualmente, moita xente está comezando a velo. Por fin o factor dispersión , que fai máis difícil a vida cotiá no noso mundo, pode ser visto como un elemento positivo. Como xa che dixen moitas veces Tino, eu creo que debemos de valorar en positivo, tanto o noso entorno como a nosa maneira de vida

E ti cres que se pode dar ese tipo de valoración?

Eu creo que por primeira vez en moitas décadas estase vendo con envexa a quen vivimos no rural. De feito notamos unha maior demanda de ocupacións de vivendas

As Neves non vai estar afectada polo peche da hostalería que entrará en vigor o día de mañá, nin polo peche perimetral que teremos que padecer os que vivimos nalgún dos 60 concellos afectados, pero supoño que o peche de Ponteareas si que será un grave atranco para a vosa veciñanza?

Si claro que o é. Calquera limitación da mobilidade é un atranco importante, tanto físico como psicolóxico. E a vinculación de As Neves co resto de vilas da comarca é indiscutible

Como valoras as relacións que tiveron co Concello os responsables do SERGAS en referencia á situación da COVID no voso pobo?

Eu creo que cómpre distinguir dous ámbitos , nun primeiro lugar teño que dicir que no que respecta ao SERGAS como institución, ou incluso á propia conselleira, a relación deles co goberno municipal foi inexistente

Inexistente? Así tal cal?

Nestes momentos non temos unha consellería que se dirixa aos concellos e nos indique como están as cousas. Non sei noutros de maior número de habitantes, pero nos da nosa dimensión non existe relación

E o segundo ámbito do que falabas?

Referíame aos profesionais que traballan no centro de saúde cos que si contamos desde o minuto 0.Eles si son marabillosos e no que a eles respecta mantéñenos perfectamente informados e dannos moita tranquilidade e confianza

Fora da cuestión sanitaria. Existe unha pequena rúa no teu pobo chamada “General Franco”?

Non, de ningunha maneira

Pois teño novas de que alguén manifesta vivir en tal rúa?

Non sei a quen te refires, pero sexa quen sexa pode manifestar o que queira pero a realidade é a realidade. E a realidade é que esa suposta rúa, que mencionas, no noso pobo non existe.

Ben entendo que neste contexto tan complexo é difícil facer algo que non teña relación coa COVID 19, pero imaxino que a acción de goberno non se pode parar?

Abofé que non. Así a modo de síntese dicirche que tratamos de darlle un pulo moi importante aos servizos sociais. Este traballo debemos destacalo ao marxe das decisións que nos vemos obrigados a tomar como consecuencia da situación de pandemia que estamos a vivir, de feito o impulso que o noso goberno lle deu a esta área tan importante deixounos nunha situación moito máis favorable para afrontar as consecuencias que nos trouxo a crise sanitaria.

Menciona algunha medida concreta ao respecto desta situación?

A rehabilitación de vivendas para as persoas que tiñan pouco menos que infra vivendas como domicilio

Iso supón algún gasto para os beneficiarios?

Non. O financiamento asumímolo o concello e a consellería. Ademais este é un traballo sostido no tempo, xa o fixemos o ano pasado. Tamén quixera salientar o noso programa de recuperación das antigas vivendas de mestres nas escolas unitarias. Pero se me permites eu creo que o máis relevante da nosa acción de goberno é o traballo para tratar de mudar o modelo de relación das persoas co espazo público alén da comunicación que o concello realiza con todas e cada unha das persoas

Concreta un pouco máis esta cuestión?

Pois puxemos en marcha un programa que pretendemos desenvolver neste mandato, que se chama: ”Vive nas Neves” que pretende recuperar o orgullo de vivir no noso pobo e trasladarlle á xente que queira vir vivir aquí de que maneira pode facelo

A variante de Setados?

A nosa demanda de solución deste tema é permanente, e por desgraza a inactividade da Xunta ao respecto de darlle unha solución parece tamén permanente. Reiteramos a petición da posta en marcha da rotonda de Setados. A situación mellorou un pouquiño co repintado da estrada pero esa non é nin moito menos a solución definitiva

Para rematar, as relacións co voso socio de goberno, como son?

As relacións co PSOE das Neves nestes momentos son espectaculares, a convivencia e o entendemento con eles é moi boa e alén de todas as avantaxes para o goberno que iso supón , estou convencido de que vai incidir en positivo en que as nosas formulacións en torno á PLISAN sexan tidas en conta.