Verónica Tourón Tenente de Alcaldesa de Salceda

Verónica Tourón Tenente de Alcaldesa de Salceda

O concello de Salceda vive unha situación política peculiar pois a complexa situación aritmética resultante das eleccións do 2.019 propiciou un acordo de goberno de ultimísima hora entre Movemento Salceda e o Partido Socialista polo que os primeiros, na persoa de Loli Castiñeiras, asumirían a alcaldía os dous primeiros anos de mandato, e os segundos, na persoa de Veronica Tourón, farían o propio os dous últimos anos do mandato. A pouco máis de medio ano para que se produza o cambio de alcaldesa falamos con Verónica, actual tenente de alcaldesa , e próxima alcaldesa socialista, a partir da segunda metade do ano próximo, da vila de Salceda. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

AS RELACIÓNS CON MOVEMENTO SALCEDA SON MOI BOAS E ASÍ VAI SEGUIR SENDO CANDO SE PRODUZA O CAMBIO NA ALCALDÍA”

Ben é certo Verónica que a situación sanitaria é moi cambiante, pero a dia de hoxe , 7 de novembro, case todas as localidades da contorna están afectadas por peches perimeterais e obrigadas a manter pechados os seus locais de hostalaría, e en Salceda non. Facedes algo especial para ter un menor número de contaxios?

Eu creo que non facemos nada especial. Ben é certo que procuramos no que á nosa responsabilidade como administración municipal respecta cumprir e facer cumprir de maneira escrupulosa todas as indicacións das autoridades sanitarias. Pero estou segura de que exactamente o mesmo tratan de facer todos os concellos. Simplemente o azar fixo que nós, de momento, teñamos menos contaxios que outros. Agardo ferventemente que poidamos seguir mantendo a situación baixo control, pero son consciente de que en calquera momento podemos sufrir un pico que obrigue a que as medidas restrictivas que se aplican nas vilas veciñas sexan tamén obrigatorias en Salceda. O goberno municipal, e o seu equipo COVID, desde logo, van facer todo o que estea na súa man para que non sexa así.

Aínda que non esteades pechados , eu creo que de facto si que o estades porque Salceda limita con Porriño, Tui e Salvaterra e se non me equivoco só podedes ir a Salvaterra verdade?

Si, só podemos ir a Salvaterra co cal realmente temos a mobilidade máis limitada que calquera dos concellos que tocan con Vigo e que están en alerta vermella pois eles poden desprazarse por máis sitios ca nós

A vida no interior de Salceda desenvólvese con normalidade?

Pois si, dentro do cumprimento das normas sanitarias e as restriccións de movemento nocturno a vida social e comercial do meu pobo flue normalmente

O equipo COVID do concello que antes mencionabas, quen o compón?

É unha comisión tripartita formada polo concello, representado pola alcaldesa e a concelleira de sanidade, o centro saúde , representado pola súa coordinadora e a pediatra, e finamente os centros escolares cun representante por cada un dos que hai no noso concello

Dicíame o alcalde de As Neves que a relación entre o seu concello e o SERGAS non existe, que non hai comunicación da consellería de sanidade co concello para informar da situación epidemiolóxoca local .En Salceda pasa o mesmo?

Por desgraza si, exactamente o mesmo. A nós toda a información vennos sempre desde o centro de saúde pero desde o SERGAS non temos ningún tipo de comunicación

E do traballo dos profesioais do centro de saúde de Salceda que nos dis?

O seu traballo é espectacular o seu interese e esforzo en comunicar e en facer todo o que estea na súa man para mellorar a situación é impagable. Ás veces o seu bo facer non pode ser percibido con claridade debido á imposición da atención telefónica pero abofé que o traballo do persoal sanitario é excelente

Lin nalgún sitio queixas do sector da hostalería sobre un suposto exceso de celo da policía local de Salceda no control dos seus locais. Que tes que dicir ao respecto?

Eu levo como concelleira de comercio e hostalaría máis dun ano, desde que iniciamos este goberno de coalición, e teño que dicir que o trato que recibín de todo o comercio e de toda a hostalaría foi excelente. Creo que non debemos crear un recelo da veciñanza cara a un sector moi castigado. A ampla maioría da hostalaría cumpre as normas sanitarias con rigor e responsabilidade e non penso contribuir a ningún tipo de polémica ao respecto.

Xa , pero existe ese exceso de celo da policía local?

Eu quero dicir que as incidencias son mínimas e os hostaleiros entenden, na súa ampla maioría, que o lóxico é que a policía faga o seu traballo e asegure o cumprimento das normas, pois é en beneficio de todos.

Varios alcaldes e alcaldesas manifestáronme a súa preocupación porque como consecencia da crise sanitaria incrementáronse substancialmente as familias que requiren da axuda dos serrvizos sociais dos concellos para atender as súas necesidades máis básicas. No caso de Salceda como o levades?

Nós tivemos un repunte moi importante durante o confinamento de marzo e abril pois as familias que necesitaron atención dos servizos sociais multiplicáronse por dous. Cando se reabriron os negocios e a actividade económica baixou un pouco o número de persoas que estaban nesa situación, pero segue a ser superior a como estabamos antes de marzo

Están os servizos sociais do concello preparados por se se dese un repunte de familias que precisen da súa axuda?

Eu penso que si. A verdade é que a concellería de servizos sociais dirixida pola compañeira Gela Ledo, conta cun equipo humano excepcional e teño a certeza de que, por difícil que sexa a circunstancia a atender, saberán estar á altura. Xa o amosaron na época do confinamento e volverano a amosar todas as veces que faga falta

E a parte económica?

Como fixemos en marzo, a atención ás necesidades máis básicas da nosa veciñanza é esencial para nós e o xiro económico que sexa necesario para que ninguén veciño ou veciña quede atrás será executado sen ningún tipo de dúbida.

Fóra da pandemia hai vida política e máis en Salceda cunha aritmética municipal tan peculiar.Como está sendo a convivencia cos vosos socios de goberno de Movemento Salceda?

As relacións son moi boas. E o equipo de goberno está cohesionado e funcionando moi ben.

Dentro de máis ou menos medio ano vas ser alcaldesa de Salceda. Xa o tes interiorizado?

Creo que o teño interiorizado xa desde o primeiro momento. Non só eu senón todo o grupo municipal.

Prevés que cando ti pases a ser a alcaldesa e Loli a ser tenente de alcaldesa a armonía entre o PSOE e MS vaise seguir mantendo?

Por descontado. Non contemplo outra hipótese.

Rematamos pedíndoche que valores á oposición do PP?

No que respecta á situación sanitaria o PP de Salceda si soubo estar á altura, foron leais e construtivos. No que respecta ao resto da vida política eu creo que a súa forma de exercer a oposición alónxase bastante de seren construtivos

Primer comentario

Deixa a túa opinión