Conflito en Urbaser Redondela

Manu Urbaser Redondela

A representación sindical da CUT en Urbaser, empresa que recolle o lixo do Concello de Redondela, denuncia que están sometidos a un enorme sobre esforzo pois eles entenden que a plantilla de persoal que realiza o traballo de recoller os residuos é claramente insuficiente. Manifestan terse dirixido á empresa para tratar de solucionar a situación e que estes fixeron caso omiso. Nós falamos co delegado sindical da CUT na devandita empresa

MANUEL IGLESIAS DELEGADO DA CUT EN URBASER REDONDELA

“ ESTAMOS SOMETIDOS A UNHA ENORME SOBRECARGA DE TRABALLO”

Ti traballas en Urbaser Redondela,non?

Si desde hai 16 anos ininterrompidos

Caramba debiches de comezar moi noviño?

Non tanto, aínda que non os aparento xa teño 45 anos

En que zonas xeográficas prestas servizo?

En todo o territorio do concello de Redondela, tanto do centro como das súas parroquias

Ti es militante da CUT?

Si, afilieime no ano 2.007 a consecuencia dunha folga que tivemos ese ano. A CUT foi a única central sindical na que estiven

Na vosa empresa es ti o delegado?

Si, só presentamos candidatura, nas eleccións, Ugt e Nós, e a CUT obtivo a confianza maioritaria dos compañeiros

Canto tempo levas como delegado?

Pronto fará un ano

Podes desenvolver a túa actividade sindical con normalidade ou sofres algún tipo de presión?

Máis que presións eu diría que intentos de torpedear a acción sindical, que só procura mellorar a situación de todos

Ben, cal é exactamente o conflito que estades a ter coa empresa?

A escaseza de persoal.A empresa ten unha contrata co Concello de Redondela que remata no ano 2.027, e nas condicións da mesma estipúlase que está obrigada a ter 18 persoas traballando de maneira indefinida

E non as ten?

Non

Cantas sodes agora mesmo( 9 de novembro)?

Estamos moi por debaixo, somos entre 11 e 12 persoas traballando diariamente, sen contar co persoal de oficina. Como mínimo precisábamos 3 persoas máis para podermos desenvolver o traballo de maneira adecuada

E ti como traballador podes dicir que esa escaseza de persoal supón un sobre esforzo para as persoas que estades nas rúas?

Si, sen ningún tipo de dúbida. De feito mandámoslle un escrito á empresa denunciando que os compañeiros estamos expostos a un sobre esforzo físico e psicolóxico derivado da falta de persoal

En que termos os contestou a empresa?

A ese punto en concreto non nos contestou

Como que a ese punto en concreto?

Si, é que nos contestan a outros do escrito pero ao asunto do persoal e ao recoñecemento que lle demandamos polo noso traballo brutal no tempo do confinamento fixeron caso omiso

E en realidade tivestes un aumento significativo do volume de traballo nos meses do confinamento?

Un aumento enorme. Podo dicirche que na zona de Chapela, que é a que habitualmente traballo eu, naqueles meses houbo momentos en que se multiplicou por dous o volume de residuos que recolliamos.

A empresa non fixo nada para compensar a sobrecarga de traballo?

Non. Como che dixen antes, a resposta, á compensación que lle reclamamos á empresa, por aqueles meses non existíu

Cando o Concello de Redondela recoñeceu o traballo dos colectivos que estiveron dándoo todo nos meses de confinamento non vos chamou a vós?

Non, o servizo de limpeza quedamos fóra daquel recoñecemento.Se nos chamaran non sei eu se asistiriamos, teriamos que debatelo , pero creo que aínda que só fose o recoñecemento moral non estaría de máis

Que tal son as vosas relación co Concello de Redondela?

A nosa relación con esta administración é boa. A súa disposición é moi boa e hai unha diferencia abismal á anterior administración do PP

Primer comentario

Deixa a túa opinión