Digna Rivas, Alcaldesa de Redondela

Alcaldesa de Redondela

Máis dun ano despois de ter acadado a alcaldía do noso pobo a alcaldesa Dina Rivas ten a amabilidade de compartir con nòs a súa valoración sobre a situación política e sanitaria de Redondela. Digna é unha muller moi enérxica que despide ilusión por todos os poros , que amosa unha vontade firme de facer ben as cousas e que transmite confianza ao interlocutor non sei se no éxito da súa xestión pero si en que se vai deixar a pel no intento.

“ A XUNTA DE GALICIA MINTE AOS VECIÑOS E VECIÑAS DE REDONDELA NO QUE RESPECTA ÁS OBRAS DA AVENIDA MENDINHO.NON TEMOS DESDE ABRIL NINGUNHA COMUNICACIÓN DELES NIN DESE CONVENIO NIN DO PROXECTO.”

Como van os ánimos da alcaldesa de Redondela?

Ben, a ninguén se lle escapa que o contexto actual é complexísimo, dos mais complicados da historia recente, pero os meus ánimos están ben, grazas polo interese, estou moi serea , forte, ilusionada e con plena consciencia da miña responsabilidade

Cal é a situación sanitaria concreta do Concello?

A situación é moi variable, pode mudar substancialmente case dun día para outro. Hoxe 9 de novembro Redondela está en alerta vermella e sometida ao confinamento perimetral de área xunto cos concellos de Vigo, Nigrán, Gondomar, Mos e O Porriño.A día de hoxe desde o SERGAS non nos transmitiron ningunha información adicional

Vaia

Pois si, eso mesmo digo eu.O xoves pasado tivemos unha xuntanza telemática co conselleiro de sanidade, as alcaldesas e alcaldes dos concellos que antes mencionei, e tanto o alcalde de Vigo como eu mesma reivindicamos con intensidade a necesidade de recibirmos información máis precisa sobre a cantidade de afectados dos nosos concellos e de onde se situaban os gromos

E que vos respostou?

Que procurarían facelo a semana próxima, por esta, sempre que houbese máis de 10 casos

Algúns alcaldes e alcaldesas manifestáronnos a súa preocupación porque a crise sanitaria está a producir un importante aumento das familias que requiren atención dos servizos sociais do Concello para atender as súas necesidades máis básicas. En Redondela?

Por desgraza si. A situación social é crítica e creo que se nota en todos os sitios. Incremento de demandas notouse, pero estanse atendendo no que depende de nós con dilixencia.Así por exemplo nós o novo contrato do SAD imos ter que doblalo

Ti cando estabas na oposición sempre reivindicabas unha aposta decidida pola atención social

E ben orgullosa que estou de telo feito.E agora como alcaldesa correspóndeme amosalo, de feito anúnciovos que os orzamentos do Concello para o 2.021 van ter un inequívoco e firme perfil social

Contemplas a posibilidade dun novo confinamento domiciliario?

Eu só podo dicir que as medidas que se tomen, con certeza absoluta serán tomadas con estritos criterios científicos , seguindo o consello dos epidemiólogos que son os que entenden de epidemias. Agardo que non sexa necesario, pero sexan as que sexan as medidas, que a ciencia aconselle, a administración municipal de Redondela actuará con absoluta lealdade, sempre.

Unha das medidas impostas no momento actual é o peche da hostalaría. O concello de Redondela contempla algúnha liña de axudas municipal para o sector?

Dende o primeiro momento puxémonos en contacto coa asociación de hosteleiros e precisamente hoxe( 9/11) ás 13, 30 horas temos unha xuntanza con eles para tratar de consensualas

Podes concretar un pouco en que estades pensando?

Nunha modificación da ordenanza das terrazas, e en bonificacións concretas para o sector.Imos intentar concretalas canto antes

Na Peneira De Outubro, Enrique Lago, presidente da Asociación de empresarios de Redondela manifestou que estaba decepcionado co goberno que ti encabezas. Que tes que dicir ao respecto?

Si, teño que dicir que me deixou enormemente sorprendida. A relación que temos neste momento coa asociación de empresarios é enormemente fluída. Creo que nos reunimos todas e cada unha das semanas con eles polo que non entendo onde pode estar a decepción. Estaría encantada de que me comentara cal é en concreto a decepción, para poder solucionala, porque eu non teño constancia dela.

Falemos de Rande, a túa terra.Que pasa cos cheiros que hai nesa zona?

Eu xa non como alcaldesa, senón como veciña estou enormemente cabreada coa situación.E quero asegurar con toda a enerxía que son capaz, e desde o máis íntimo e profundo de min a todas e todos os meus vecinos que estamos facendo todo o que podemos e máis para solucionar o problema

A competencia é vosa?

Non, iso non é certo. O asunto de AUCOSA é medioambiental e a competencia de medio ambiente é da Xunta de Galicia. Nós pedimos a todos os veciños e veciñas que se sintan afectadas que denuncien, que non deixen de facelo porque nós non nos imos cansar de protestar para que a Xunta termine con esta situación. Entendo perfectamente o malestar da veciñanza e pido por favor que comprendan que este goberno e esta alcaldesa están do seu lado, é máis están no seu mesmo lado

Recentemente no parlamento do estado votouse unha proposición da extrema dereita pedindo a ilegalización do BNG, partido votado por milleiros de veciños e veciñas de Redondela, e cun bo número de militantes entre a veciñanza do noso pobo. Javier Bas, non votou en contra, abstívose, cal é a túa opinión ao respecto?

Alá cada un coa súa conciencia. Naturalmente eu estou nas antípodas diso e non o comparto de ningún modo.

Fálanos das obras da avenida Mendinho?

Non teño constancia

Como?

Iso xorde dunha nota de prensa que manda á Xunta na que literalmente minte

Minte?

Pero literalmente e con todas as letras. E non o penso consentir. Non temos desde abril ningunha comunicación da Xunta nin dese convenio, nin do proxecto. Pero nós non imos parar ata que esa arteria tan importante da nosa vila se arranxe porque é necesario para Redondela.

Imos rematar falando de política.Que tal a relación cos socios de goberno?

Moi boa, temos as nosas discrepancias como as poden ter dúas concelleiras do PSOE ou de calquera grupo político pero o goberno é sólido e firmemente cohesionado

E para rematar tócache valorar aos dous grupos de oposición?

Perdoa Marcos pero ti dixéchesme que iamos falar de política e neses parámetros a oposición do PP non se pode valorar, porque eles non fan política. Eles o único que fan é descualificar e mentir por sistema. Eu non vou entrar na lama, ali o PP, como xa lles dixen algunha vez non me van encontrar.No que respecta ao BNG eles si fan oposición política. Hai cousas coas que discrepo e cousas coas que podo concordar pero con eles pódese falar.

Primer comentario

Deixa a túa opinión