40.000€ por unha “volta”

Gustavo Barcia BNG Mos
Gustavo Barcia Seijo - Portavoz Municipal do BNG de Mos

O pasado día 5 de novembro viviuse en Mos un feito único na historia do noso concello, hai quen pensará na Volta Ciclista a España pero non, o verdadeiro fito histórico foi a “volta” que deu a alcaldesa de Mos subida nun coche, diante do pelotón de ciclistas, vestida cunha camisola ciclista e saudando á xente imitando á raíña de Inglaterra.

Esta historia, que parece un “sketch” do Land Rober, sería ata gracioso se non custase a broma 40.000€. Algo que confirmou a propia alcaldesa nun pleno municipal aclarando que o erario municipal non tería que pagar nada (iso está por ver) e que sería asumido pola administración autonómica, que tamén é diñeiro público, e achegas de empresarios do concello, esperemos que por que son moi afeccionados ao ciclismo e non por contrapartidas. E todo isto no medio dunha pandemia que está esnaquizando a saúde e a economía da cidadanía.

Díxose que a Volta sería algo positivo para Mos porque traería beneficios para o concello. A realidade é que trouxo prexuízos mais que outra cousa. Eses supostos beneficios poderían darse, supoñendo que non estiveramos nunha pandemia, se existise un núcleo urbano onde os hosteleiros puideran beneficiarse da chegada de visitantes e tiveramos hoteis onde aloxar as equipas ciclistas, que se aloxaron en Vigo, Baiona… incluso a repercusión nos medios era un dos alicientes e viuse reducido a un minuto de reportaxe no mellor dos casos. Pola contra prexudicouse á cidadanía, pois por exemplo non se avisou aos donos dos locais da contorna do Pazo de Mos, de onde saía a Volta, de que as estradas ían estar cortadas non podendo acceder aos seus locais, nalgúns casos ata dúas ou tres horas despois da hora de apertura, pero tampouco se avisou aos pais da escola Mestre Martínez Alonso. A iso hai que sumarlle que en plena pandemia, e estando o concello en alerta vermella pola incidencia da Covid, o goberno municipal decidiu facer un acto público onde acudiron decenas de persoas onde, como se pode ver en imaxes, os protocolos sanitarios apenas se cumpriron, sendo totalmente irresponsables e incluso neglixentes.

Eu como concelleiro e como veciño do concello sempre me mostrei en contra da saída da Volta dende Mos, non por estar en contra do ciclismo ou o deporte se non por todo o que aconteceu.

40.000€ porque a alcaldesa dese unha “volta” vestida de ciclista, pero montada nun coche, saudando á xente como cando o gañadores dunha medalla de ouro dan a volta ao estadio saudando aos afeccionados ou como cando coroan a un rei ou raíña que sae en carruaxe saudando á plebe, neste caso como saíu do Pazo dos marqueses de Mos o día 5 de novembro coroouse unha nova marquesa e todo por só 40.000€.

Primer comentario

Deixa a túa opinión