Desigual xustiza!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Estarei mal de percepcións ou parece que hai unha seudo mafia xudicial que cada día manexa gran cantidade de recursos mediáticos en favor do “entramado de estado” e reiteradamente conculca aspectos da lei, a mesma lei que debera empregar para defendernos do mal que se cometa? Parece que o fan como sistema de auto protección. Parece que están moi ben situados, xusto onde se xulga a corrupción dos partidos políticos e claro, son cargos directivos da xudicatura que pagan así o favor anterior de nomeamento, dobregando a lei aos intereses dos padriños que alí os colocaron, o patrocinio en favores e alivios de penas nos casos da Púnica, de enorme caso de Valencia, de Bárcenas, da Caixa B de certos partidos, de portas xiratorias, de especulación e adxudicación de obras a amigos, de favores empresariais, e un sen fin de trampas que non son de enumerar agora. Mesmo asinan manifestos con Pío Moa e Jiménez Losantos! Ah, e parece tamén, foron os que admitiron a querela de Manos Limpias contra o xuíces que quería romper a tónica e dominante actitude, cando quería investigar os crimes do franquismo. Por outra parte, parece que ocultaron a Cospedal na trama Gürtel. E alí, na sala segunda é onde parece tamén, rebaixaron penas a Jaume Matas, arquivaron a querela contra Ignacio González, aquel que estaba nas fotos co fardel de billetes no paraíso fiscal e polo caso do ático en Marbella. Tamén parece pararon a investigación da alcaldesa de Xerez e a corrupción urbanística de Pilar Barreiro, cando ratificaron a absolución de Camps e de Costa. Iso si, arremeten contra o cantautor César Strawberry polos tuits de Carrero Blanco, anque correron estúpido velo na imputación de Acebes -aquel que foi ministro- na Gürtel tamén. En fin, unha morea de pequenos traballiños que se van facendo enormes asuntos de estado e que non nos deixan ver a xustiza, ou parece que non aparece. Pero o peor do asunto é cando parece, agora si, arremeten contra os periféricos nacionalistas, independentistas, roxos separatistas e contrarios. Entón ven armas de destrución masiva, grupos de extrema esquerda que forman bandas terroristas que ninguén coñece nin viu. Algúns xa están penando sen haber delito, nin probas, nin nada. Ah, seica teñen conxecturas e suposicións. E así, desde esa cúpula informativa que todo pode, convencer a gran cantidade de persoas, para que traguen a bola e pensen que son un poder con lexitimidade e certo rigor. A prensa axúdalles moito, logo algo terán que ocultar tamén.  Mais é ben sabido que casos como o de Rato, recentemente tratado, que nos empobreceu a todos e no que nin sequera devolveron os miles de millóns furtados. Ou como o de Villarejo e asociados, que son a perdición de calquera país do mundo que se queira chamar demócrata, cunha situación que puidera considerarse limpa, transparente ou ser medianamente achegada a unha democracia. Non teñen medo, aí hai que escarmentalos, darlles caña, coño! Fálanse entre eles, por güasap, na habilidade da boca pequena e dinse cousas curiosas como que controlan por detrás a Sala correspondente desde o CXPX e ou outras lindezas dos presuntos apaños. Por iso non queren renovar as salas nin o consello, perderían poder para a manipulación. Alí teñen protección diante das vergoñas insultantes como a destrución de probas que tiña Bárcenas ou os pagos en B, as tarxetas negras da realeza que aparecen agora, des que esgotaron os fondos. Están financiados por grandes empresarios, algúns tan antigos como os que perduran do franquismo implicados aínda en negocios fraudulentos e donativos aos partidos da “timba”, involucrados na famosa Caixa B, coñecida de todos, menos deles que seguen a degradar a condición humana e a liberdade que buscamos despois de tanto tempo de ensaio. Eses tribunais e as súas sentenzas, orquestradas na sombra de intereses partidarios extremos, son unha fraude, unha farsa chea de favorecidos, xa que xustificaron as ditaduras, os silencios, os apaños para non buscar un equilibrio, unha harmonía “xusta” que tanto esperamos; porque, segundo din, procuran a paz pública desde eses prexuízos que deben respectar. Algo que ninguén entende, mais ninguén corrixe. Pois eses señores son os que se encargan do xuízo do procés e dos actos de terrorismo aplicados a presas e presos políticos independentistas galegos que, mirade por onde, non se lles considerou o dereito constitucional de presunción de inocencia, senón ao contrario, están xa cumprindo pena dunha sentenza que non se levou a cabo pero xa sentenciou  hai tempo. Así nos van as cousas, o peor é que temos políticos, que din representarnos, e seguen a calar nas instancias do poder político, como se nada de isto pasara! Mentres eles xulgan, sen probas, desde as supostas intencións e as presuntas suposicións.

Primer comentario

Deixa a túa opinión