Aparcadoiro de A Ramallosa: reapertura ou rescate da concesión

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

Xa durante o anterior mandato municipal, a empresa concesionaria do aparcamento público soterrado de A Ramallosa demandou ao concello o restablecemento do equilibrio económico da concesión, alegando a rotura do mesmo en base a unha serie de peregrinas consideracións como a crise económica, a competencia desleal de algún outro estacionamento que prestaba os seus servizos de maneira irregular, ou, sorprendédevos, a existencia de prazas de aparcamento en superficie.

Evidentemente tal despropósito foi rexeitado polo consistorio, pero a pretensión desta adxudicataria non é en absoluto unha ocorrencia. Observamos cada vez con máis frecuencia como as empresas concesionarias reclaman indemnizacións ás administracións por causas igual de esperpénticas que estas. Iso si, raramente solicitan a resolución do contrato, antes ben, acostuman a pedir a prolongación do mesmo como suposta compensación. Por suposto tal foi tamén o caso da mercantil que nos ocupa.

Ante a negativa do concello a ceder ás aspiracións da empresa, esta optou pola vía dos feitos consumados. Dadas as supostas perdas que o negocio xeraba, decidiu unilateralmente pechar o aparcadoiro, e nesa situación pasamos de estar meses a falar xa de anos cun estacionamento público pechado á beira da piscina mancomunada e na zona comercial por excelencia do Val Miñor.

O dano que o mantemento desta situación provoca aos comerciantes e oficinas do entorno é enorme e ten consecuencias concretas. Non é extraordinario que haxa usuarios que deixaron de acudir á piscina ante os problemas de aparcamento.

E isto coa pasividade cómplice do goberno municipal que asiste impertérrito á decisión dunha adxudicataria de non prestar o servizo obxecto do concurso. Así nos atopamos cun aparcadoiro público municipal pechado nunha zona con graves problemas de aparcamento. Un absurdo consentido pola administración local.

A problemática só ten dúas solucións, ou o contratista volve a abrir inmediatamente o estacionamento restablecendo os termos da concesión, ao cal lle debe instar de maneira imperativa o concello, ou este debe iniciar un expediente á concesionaria por incumprimento do obxecto do contrato que, finalmente, debera conducir ao rescate da concesión.

Dende logo a administración municipal non pode ser refén dunha empresa que non obtén os beneficios esperados , e moito menos os veciños de A Ramallosa e todos os usuarios do Val Miñor. Por suposto que no ánimo do consistorio non debera estar obrigar a unha concesionaria a manter un servizo que, nos termos nos que o presta, lle resulte deficitario. A resolución viría polo rescate para o público da súa xestión, na que necesariamente se deben ter en conta criterios económicos, pero tamén os beneficios sociais que reporta en cuestións tan básicas como a mobilidade ou a promoción económica.

Preto de Nigrán temos un bo exemplo disto. O baionés aparcamento do Aral foi obxecto de disputa legal entre a adxudicataria e o concello, rematando coa resolución do contrato previa indemnización millonaria ao contratista, inda que en cantidade sensiblemente inferior ao que pretendía. O ruinoso negocio que segundo a empresa era anteriormente, deu paso, á falla do balance económico final, a unha notábel actividade do mesmo en beneficio dos seus veciños e visitantes.

Primer comentario

Deixa a túa opinión