Artigo de opinión

Xoan Carlos Montes Bugarín "Calis" Ex alcalde de Mondariz

Hai organizacións políticas que eleccións tras eleccións utilizan as mesmas mensaxes como solución para todos os males dun concello. No caso do BNG son as “políticas transformadoras”, que aparte de ser un eslogan terían que estar chea de contido e feitos. 

No ano 2015 os veciños de Mondariz deciden cambiar o rumbo político da vila e outorgan a AxM a oportunidade de liderar o cambio con outras forzas da esquerda. O BNG decide non formar parte deste novo escenario porque consideraba que os gañadores das eleccións carecían de proxecto político e social para Mondariz. AxM vese obrigado a gobernar en minoría todo o mandato, no que se demostrou que sí existía proxecto: cambios na política cultural, aposta polo medioambiente, melloras en saneamento e plan revitaliza, programas de emprego, cambios en materia de igualdade…

Nas eleccións do 2019 os veciños aproban a xestión realizada por AxM, volvendo a gañar as eleccións e o BNG acada un concelleiro máis. O mandato era claro, pedíase un goberno estable de esquerdas liderado por AxM, pero o BNG xa tiña outros plans. Tras 2 reunións o resultado e as acusacións non cambian: recrimínase unha vez máis a falta de proxecto de AxM. A sensación era que o entendemento era imposible, algo que me confirmou nestes días o máximo responsable do BNG de Mondariz cando lle preguntei se en algún momento contemplaran formar parte dun goberno liderado por AxM. O silencio foi a súa resposta. O resultado do desacordo foi un goberno BNG-PSOE apoiado polo PP, facendo oídos xordos ao demandado polas urnas. 

Despois de case 30 anos na oposición e ano e medio de goberno seguimos sen saber en que consiste o seu proxecto para Mondariz e as chamadas “políticas transformadoras”. Chama a atención o descoñecemento total do funcionamento do concello e dos seus servizos, con temas tan básicos coma sorprenderse polo custe da recollida de lixo e saneamento e a auga, entre outras cousas. Este goberno está máis preocupado polo tacticismo político e nas próximas eleccións municipais que nos problemas dos veciños. Neste ano non se aprobaron os presupostos e non quixeron ir a unha moción de confianza, pero xa anunciaron que os próximos do 2021 serán aprobados si ou si, con acordos ou mediante dita moción. Así serán tamén os de 2022 para chegar ao 2023 cuns presupostos a súa medida. 

Fai 5 anos esta situación sería impensable: un goberno do BNG apoiado pola dereita. É sorprendente como cambia o discurso en base a intereses persoais e políticos.

Despois de 30 anos na oposición e ano e medio no goberno seguimos esperando por políticas transformadoras. Chegarán?