Pedro Pereira Tenente de Alcalde de O Porriño

Pedro Pereira Concello do Porirño

Sempre que falo con Pedro Pereira véñenme á memoria as conversas co meu amigo Henrique. El é un home moi afeccionado ao fútbol, estúdiao e coñéceo en profundidade. E malia que a min calquera deporte me resulta aburridísmo e non me interesa o máis mínimo, sei escoitar e escóitoo. El fálame moitas veces dun xogador da época de Maradona, que seica era mellor ou polo menos tan bo como o astro arxentino, pero que na opinión do meu colega non chegou á elite pois non se sabía vender en absoluto. Era do Salvador , chamábase “Mágico” González e creo que foi o Cádiz o equipo no que xogou. Así é Pedro Pereira, un cadro político brillante, un alcalde potencialmente superlativo, pero que precisa , ao meu xuízo claro, un curso de marketing para a súa propia persoa. En calquera caso, novamente foi un pracer conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa charla

O PP ESTÁ VOLUNTARIA E CONSCIENTEMENTE IMPEDINDO AO CONCELLO PAGAR FACTURAS PENDENTES A PROVEEDORES, EN MOITOS CASOS EMPRESAS E AUTÓNOMOS DO PORRIÑO”

A primeira é unha pregunta moi directa Pedro. Estás satisfeito, case un ano e medio despois das eleccións, de ter tomado a decisión de formar parte do goberno local?

Si, sigo considerándoa , no momento presente, unha decisión acertada. Sendo moi consciente que aínda non pasou o tempo necesario para poder levar a cabo o acordo de goberno. A día de hoxe , hai aspectos positivos e tamén hai cousas que deben mellorar

Falemos dos positivos?

Pois o BNG está levando a cabo nas súas áreas, o seu programa de goberno, con total independencia. E creo que podo dicir, con humildade, que nestes meses estamos a desenvolver un volume importante de traballo. Así por exemplo quixera falar das subvencións ás traídas de augas , que é a primeira vez que se instauran en Porriño

Xa foron resoltas esas subvencións?

Si, e as axudas xa están transferidas

Que máis?

A pavimentación de Torneiros. Pavimentación no barrio da Ladeira en Chenlo, recuperación para o espazo natural de rede Natura da superficie do actual aparcamento, remodelación da rúa doantes de Sangue Tres obras xa contratadas pendentes de executar que son a pavimentación no lugar de Centeáns na parroquia de Pontellas, nos barrios das cavadas e Covelo en Atios que están pendentes de rematar este mes a conexión de acometidas, e este mes empezaron as obras de humanización da rúa Aloques

A actuación en Aloques é moi necesaria creo eu

Si, eu créoo tamén. Agardo que nun prazo máximo de 4 meses poida estar esa actuación rematada. Tamén levamos adiante o convenio coa xunta de Montes do Porriño e a permuta dos terreos onde está o centro social coa de Torneiros. Continuamos a regular a situación das canteiras, aprobamos un prego xeral de áridos e temos pendente a aprobación do prego xeral de extracción mineira e estamos tentando regularizar a ocupación e os cobros

Cando falas dos cobros refíreste á chamada débeda histórica das canteiras?

Refírome aos contratos actuais aínda que a débeda histórica hai que abordala tamén, claro que si.

E para anos futuros tes algún proxecto que nos poidas anticipar?

Si, a humanización da rúa Manuel Rodríguez desde Xogo da Ola ata a praza de San Sebastián. E tamén temos redactados proxectos de saneamento nos barrios de Picouzo e Devesa en Budiño, no barrio da da Portela do Souto en Atios e na Rotea e Corzón en Pontellas. E un proxecto que entendo moi importante referente ás dúas antigas estradas nacionais, a que vai a Tui e a que vai a Ponteareas, xa que teñen o pavimento en bastante mal estado e nós temos xa redactado un proxecto para a súa nova pavimentación e para facer un carril bici.

E agora falemos dos aspectos negativos?

A situación política do noso concello cun goberno en minoría e unha oposición , sobre todo a do PP que non sabe ler o contexto actual para diferenciar o traballo de oposición, que o ten que facer, co de posicionarse a favor daquelas decisións que benefician o interese xeral do concello.

Pero iso xa o sabiades?

Si, claro que si, se non é ningunha escusa. Pero iso non quita que gobernar nesas circunstancias aritméticas sexa obxectivamente complexo .E logo o contexto no que se move este goberno

A que te refires?

Á área económica. A min preocúpame moito como se resolve a situación económica do Concello. Sigo mantendo que a xestión económica debe de mellorar. Hai que extremar os esforzos e a miña percepción é que iso non se está facendo

No 2.020 non houbo orzamento Pedro

Xa, e iso pódese explicar pola situación de extrema dificultada derivada do estado de alarma, pero o que non é concibible é que no exercicio 2.021 tampouco o haxa

E se non o hai?

Ten que ser porque a oposición o impida e non porque non se remate o proxecto económico necesario e se presente a debate.

Que vos din os vosos socios do PSOE ao respecto?

Din que están traballando con intervención. Como che dixen antes cómpre esforzarse ao máximo para facer o traballo que nos corresponde como goberno, independentemente da actitude do PP

Concrétame iso da actitude do PP?

O concello ten un remanente positivo que pode servir para efectuar o pago das facturas, ou polo menos de parte delas, que o concello ten pendente de pago, e o bloqueo constante do PP, incluso en contra do criterio que aplica o consello consultivo ao respecto deste tipo de facturas, impide que poidamos pagalas

Estás dicindo Pedro, que o PP de Porriño está, voluntaria e conscientemente, impedindo que o Concello pague facturas que debe, en moitos casos a empresas e autónomos do propio Porriño?

Si, rotundamente si. Temos un remanente dispoñible, despois de axustes por obrigas pendentes, de .5.179.000€ e unha débeda de exercicios anteriores de 4.800.000€. Deses 4.800.000 , os técnicos xa informaron de que 3 millóns son pagos procedentes e que deben de ser efectuados. Levouse ao pleno e o PP bloquea o seu pago

Pero por que non se aproba coa maioría que investíu a Eva?

Porque Esquerda Unida non o considera e non vota a favor. Eles ligaban o seu voto favorable á dimisión da alcaldesa. Penso que deberían repensar algunhas das súas decisións políticas. e non facerlle o caldo gordo ao Partido Popular.

Antes mencionaches o traballo desenvolto na túa área e agora quixera coñecer o da área que leva a túa compañeira Camila?

Ben, ela leva a área de Cultura e este non é o mellor ano para valorar pois o contexto sanitario púxollo enormemente complicado a toda a actividade cultural en xeral. Ela tivo unha interlocución con todas as asociación con algún aspecto que creou controversia, non tanto porque as propostas fosen desacertadas senón por non telas transmitido da maneira máis adecuada, e o BNG non debe descoidar ao tecido asociativo en xeral do concello do Porriño. Iso non implica que renunciemos a posta en marcha do noso programa cultural, mais a interlocución sempre ten que ser fluída. En calquera caso ela puxo en marcha unha programación cultural de moita calidade , de proximidade e na liña da nosa visión da realidade. Estou seguro de que na programación prima o interese xeral e nese sentido a valoración do seu traballo é positiva.

A oposición denunciou un acto en concreto referente ao intento de compra que supostamente fixo esta concelleira ,do material dunha empresa vinculada a un familiar directo dela mesma. Que tes que dicir ao respecto?

Ben , o BNG ao longo da súa historia sempre defendeu a ética na práctica política e así ten que seguir sendo sempre porque ese forma de actuar está por riba de calquera persoa, sexa quen sexa. Cando o BNG tivo coñecemento dese expediente considerou que non era compatible co noso código ético e nunha xuntanza interna, no mes de setembro, decidiu que ese expediente tiña que arquivarse e non podía ser executado.

Pero o expediente era legal?

Si. Pero insisto en que consideramos que non era compatible co noso código ético. Nós entendemos que ese tipo de relacións contractuais con familiares directos non deben de levarse adiante. O expediente xa se arquivou e esa operación non se vai a executar

Na última entrevista que lle fixemos á alcaldesa, ela laiábase de que o PP xudicializa a acción política municipal de maneira constante para impedir de maneira consciente ao goberno exercer as súas funcións. Estás de acordo?

Si, estou de acordo. O PP está instalado no revanchismo xudicial sen preocuparlle o máis mínimo as consecuencias tan negativas que esa actitude irresponsable ocasiona na veciñanza do noso pobo.

O responsable é entón Alejadro Lorenzo?

Para min é tan responsable el como o último dos seus concelleiros. Os responsables son todos os concelleiros e concelleiras do PP. Non poden dicir que se paguen as facturas e ao mesmo tempo bloquear o seu pagamento.

En relación ao rumor referente á próxima dimisión da alcaldesa, que tes que dicir?

Eu non sei se vai dimitir ou non. Calquera dimisión que non sexa forzosa, por decisión xudicial, é decisión exclusiva de quen a ten que tomar.

Se se producira a dimisión afectaría ao pacto de goberno?

Temos un acordo co PSOE, non coa alcaldesa, pensado para catro anos Pero, ben, se iso fose así, e en base a quen fose o relevo que decidise o PSOE nós teriamos que estudar a situación claro.

Os resultados das elección autonómicas no Porriño foron moi bos para o BNG non?

Pois si. Falo de memoria pero creo que sacamos 2.362 votos, quedamos de segunda forza a 500 votos de distancia da terceira. Uns bos resultados 

Recordo unha conversa contigo, en tempos de vacas flacas para o nacionalismo galego, na que me dicías que non era nada fácil ensanchar a base social do nacionalismo no Porriño. A partir deses resultados tan bos pódese soñar con mudar esa realidade?

Eu sempre fun partidario de non extrapolar resultados. Agora ben, é incuestionable que o BNG vive un bo momento e se queremos que algún día o nacionalismo sexa maioritario neste país deberiamos, co exemplo dos nosos actos, os nosos comportamentos e un traballo local e axeitado e coherente, tratar de aproveitalo para ensanchar o noso apoio.