O histórico artista Xoán Piñeiro terá unha rúa co seu nome en Goián

O histórico artista Xoán Piñeiro terá unha rúa co seu nome en Goián

A proposta, realizada pola Fundación Xoán Piñeiro, aprobouse no pleno municipal e procura servir como homenaxe ao se cumpliren 100 anos do nacemento do artista

Tomiño, 13 de novembro de 2020

O histórico artista Xoán Piñeiro, vencellado a maior parte da súa vida a Goián, terá finalmente unha rúa dedicada como homenaxe ao se cumpriren 100 anos do seu nacemento. A rúa escollida para este recoñecemento é a que conduce ao antigo obradoiro do artista, situado no número 108 do barrio Tollo, en Goián. A iniciativa da Fundación Xoán Piñeiro contou co total respaldo do Concello de Tomiño, que tal e coma vén facendo cos seus artistas, quere valorizar a súa figura e destacar a contribución do artista á cultura galega e á identidade do concello.

A proposta foi levada ao pleno municipal celebrado este xoves, resultando aprobada co apoio unánime de todos os grupos políticos da corporación. O pleno celebrouse a porta pechada co fin de extremar as precaucións. Para manter as distancias axeitadas de separación entre persoas os concelleiros ocuparon a práctica totalidade do salón de plenos.

Xoán Piñeiro naceu en Nerga (Cangas) en 1920, mais pasou boa parte da súa vida en Goián, lugar que escolleu para instalar o seu estudo e onde o propio artista descansa. Formouse en Madrid, de onde volta en 1962 para instalarse primeiro en Vigo, onde comeza a traballar dentro das murallas do Castro. Dous anos despois trasládase definitivamente a Goián montando alí o seu obradoiro.

A pesar de que a pretensión do artista era o aillamento, o obradoiro de Piñeiro converteuse nun punto de encontro para moitos persoeiros vencellados co mundo da cultura, tales como Eliseo Alonso, Xavier Pousa, Antonio Fernández, ou artistas como Picallo, Antúnez ou Silverio Rivas, así como multitude de aprendices que querían coñecer de preto o oficio da escultura.

Piñeiro conseguiu poñer en marcha unha técnica de fundición inexistente ata o momento en Galicia, baseada na fundición en bronce á cera perdida, polo que pode decirse que é a partir dos anos 70 cando comeza a realizar gran parte da súa obra neste material, converténdose nun auténtico referente escultórico neste eido.

En 1991, unha das súas fillas, Cuqui Piñeiro, reconverte o obradoiro do artista nunha empresa de fundición profesional, perpetuando e ampliando e legado e o espíritu do escultor, con obra en tódalas cidades galegas e con encargos en toda a península.

Primer comentario

Deixa a túa opinión