Dar a volta

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

A pesar dos días transcorridos, permíteme a insistencia de dedicar esta opinión á polémica xurdida tras a morte de Diego Armando Maradona, que me ensinou tanto.

Ensinoume, sobre todo, que non avanzamos demasiado na loita feminista. Pensaba que eramos moitas máis as persoas que esixíamos tolerancia cero co maltrato e unha postura firme nas manifestacións públicas, que fose quen de transmitirlles ás vítimas que estabamos do seu lado e non iamos minimizar nin un ápice a gravidade do problema. Mais non. Representantes políticos, feministas declaradas e amizades coas que cría compartir ideoloxía e valores, encheron os seus muros de gabanzas a un maltratador finado. 

Enténdeme. Esta polémica non vai de xulgar os mortos, vai de xulgar as actitudes dos vivos, das vivas. De persoas que logo de manifestarse reiteradamente como aliadas feministas, desculparon actitudes inaceptábeis porque era un bo xogador de fútbol, porque nacera nun berce humilde ou mesmo porque defendera causas para min tan xustas como a loita das avoas da Praza de Maio. De que me vale? De que vale erguer o puño para denunciar a opresión se ao baixalo bates na cara dunha compañeira? Eu bórrome de calquera revolución que non sexa feminista, e tamén de calquera feminismo que non sexa contundente coa violencia machista. 

O rexeitamento ten que ser total, sexa a agresión que sexa e veña de quen veña, ou non servirá de nada. Pedides que separemos o mito dos seus actos, sen darvos conta de que o que nos proe non é Maradona, es ti, o noso aliado, que de súpeto minimizas un feito que noutrora reprobabas porque vén de alguén que admiras. Un clásico. Sinalas co dedo ao asasino do Telexornal mais cuestionas a vítima se o acusado é o teu artista favorito, o teu amigo ou o teu irmán. “Levámola clara se nos viola ou nos pega un futbolista famoso” sentenciaba con acerto a artista vasca Izaro Andrés nun incontestábel vídeo que se fixo viral. 

Incrédulas advertímosche do erro. E o maltrato? Non o sabías, nos pasa nada. Borrarás o post, desculparaste. Mais non. Non, na maioría dos casos. Úneste a quen nos nega, aos que din que somos unhas feminazis que nin gozar do fútbol deixamos os homes sequera. Unhas violentas. Nós, que estamos pedindo, precisamente, que condenedes a violencia! Nas redes tolérase calquera cousa menos que as feministas nos ofendamos. Ata nos din que estigmatizamos as drogadiccións, cando precisamente insistimos en que o maltrato non ten nada que ver con iso, que hai moita xente adicta que non pega. Pero non van marcar catro tolas o que mundo ten que pensar. E tiran para adiante, mentres ti, no mellor dos casos, calas.

Foi desolador que todo pasase no 25N. Daría igual a data, mais a coincidencia agrandou a imaxe do paradoxo. Post contra a violencia e post a favor de Maradona. Todo a un tempo. Ata a televisión pública estatal mudou a emisión dun documental sobre a trata de mulleres por outro contando o futbolista.

O mundo ao revés. 

Ata que chegou Paula.

Foi un aceno pequeno: sentar nun campo e dar as costas ás ondas do machismo que nos estaban abafando. Pero dou a volta ao mundo. Porque a historia está chea de pequenos xestos. De mulleres, como Rosa Parks, que co simple aceno de sentar, foron quen de cambiar as cousas. Así que remato este mal novembro pensando que quizás, só quizás, aínda quede esperanza. Quen sabe se Paula non che fará dar a ti tamén a volta, para ser, de novo, o noso aliado.