Goián homenaxea ás súas ‘Madriñas’

Goián homenaxea ás súas ‘Madriñas’

Vén de editarse un catálogo para divulgar a vida e obra das mulleres que poñen nome ás aulas do centro

Tomiño, 27 de novembro de 2020.

Reivindicar os valores que representan as mulleres exemplares para inspirar ás futuras xeracións no horizonte dunha sociedade máis libre, consciente, igualitaria e culta. É o propósito que desde o CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián tiveron desde que puxeron en marcha un proxecto de ‘amadriñamento’ das estancias do centro, bautizadas con nomes de mulleres destacadas pola súa traxectoria vital e profesional, moitas delas vencelladas á vila de Goián e á comarca do Baixo Miño.

A iniciativa comezou a realizarse no curso 2018-2019 e vén de culminar recentemente, coa edición e reparto dun catálogo entre o alumnado do centro —tamén entre o alumnado de primeiro e segundo da ESO que participou no proxecto—co que se pretende divulgar a modo de homenaxe a vida e obra destas mulleres, que son xa un símbolo para inspirar ás máis novas e novos.

Entre as galardoadas pódense atopar importantes personalidades da contorna:

  • A pedagoga Antía Cal, educadora, defensora da cultura galega e fundadora do Centro Rosalía de Castro.
  • A redeira e argaceira guardesa Mercedes Lomba dedicada á vida mariñeira durante máis de 60 anos.
  • A escritora e activista agrarista Isaura Gomes, loitadora incansable pola xustiza e a igualdade.
  • As mestras goianesas Eva Ozores e Idalia Sobreira, polo valor do seu incalculable traballo educativo en moitas xeracións de Goián, personificando o traballo de moitas outras docentes.
  • A médica e cirurxiá África González, pola súa destacada traxectoria laboral —Recentemente galardoada co Premio Executivas 2020 por este motivo—.
  • A profesora e escritora Clementina ‘Tinita’ Ozores, destacada veciña da vila de Goián e viaxeira empedernida.
  • A música e cantante Uxía “Lambona”, polo seu labor de transmisión aos máis novos e novas da lingua e a tradición galegas a través da música.
  • A estudante e deportista Desirée Vila, exemplo de superación e inspiración tanto na súa traxectoria deportiva como vital.
  • Á escritora e profesora Iria Misa, galardoada co premio Jules Vernepola súa obra Xa non estou aquí.
  • Todas as “viúvas de vivos”, loitadoras incansables que non se renderon na procura dunha vida mellor.

A idea partiu inicialmente do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro co gallo da conmemoración do 8 de Marzo, coa intención de destacar e poñer en valor a traxectoria vital as mulleres galegas, e máis concretamente aquelas vinculadas coa contorna da vila. Axiña se sumou toda a comunidade do centro, o que fixo que o proxecto non quedase limitado a un simple ‘bautismo’ das aulas, senón que serviu para estudar e recuperar a vida e obra das madriñas. “Os distintos grupos do alumnado implicáronse moitísimo e cada un foi elixindo quen ía ser a súa madriña. Investigaron moito sobre as súas vidas e entrevistaron ás que puideron”, comenta Mirta Misa, directora do centro.

Malia que o reparto do catálogo supón unha culminación ao traballo de ‘amadriñamento’ e estudo biográfico feito durante os últimos anos, desde a dirección do CEIP Pintor Antonio Fernández teñen claro que o proxecto ten que continuar dun xeito aínda máis amplo, sempre fomentando a inclusión e a igualdade, seguindo a liña de outros proxectos levados a cabo na institución como a entrega dos Premios pola Diversidade a distintos colectivos, entre outras moitas actividades.