Lucía Santos Voceira do BNG de Marín

Lucía Santos Voceira do BNG de Marín

Unha vez máis a voceira do BNG de Marín, Lucía, tivo a xentileza de achegarse ás nosas páxinas para explicarnos a súa visión sobre a situación política da súa localidade. E, unha vez máis, foi para min un pracer conversar cunha muller brillante, que, algún día, vai ser alcaldesa de Marín.

QUE COA MAIORÍA TAN AMPLA QUE TEN, O PP DE MARÍN NON SEXA QUEN DE LEVAR UN ORZAMENTO A PLENO, FALA BEN ÁS CLARAS DA INEFICACIA E A DESIDIA DO GOBERNO DE MARÍA RAMALLO”

Nas últimas eleccións municipais, os resultados electorais que obtivo a candidatura do Bng de Marín que ti encabezaches foron malos, fostes un pouco a excepción a uns resultados comarcais esencialmente bos. Semellaba que o BNG de Marín podería correr o risco de que entrase nunha etapa un tanto depresiva ,pero nas autonómicas tivestes un resultado espectacular na túa localidade. Que valoración fas?

Efectivamente os resultados nas municipais foron malos. Pero teño que dicir, Tino, que a saúde da nosa organización, na nosa localidade, é tan robusta, o ambiente de traballo tan agradable, e por desgraza a necesidade das políticas transformadoras do BNG, que ten Marín, é tan urxente, que eu estaba convencida de que máis cedo que tarde boa parte da sociedade de Marín nos ía distinguir coa súa confianza.

Nas autonómicas quitamos 2.187 votos, fomos segunda forza política e subimos un 142%.Eu son, ou polo menos procuro ser, unha persoa realista e sei que unha parte dese voto insírese na ondada de positividade na que se atopa o BNG nacional, pero teño a certeza íntima de que outra parte responde a que a veciñanza de Marín está comezando a ver a necesidade do BNG e a recoñecer, isto dito con toda a humildade, o traballo dos meus compañeiros e compañeiras.

Dicíame o teu compañeiro Bieito Lobeira , nunha conversa que tivemos hai varios meses, que el estaba convencido de que en Marín había un gran potencial de crecemento para o nacionalismo e que tiña a convicción, de que como moito a medio prazo, o Bloque ía experimentar un crecemento substancial. Estamos xa nesa fase?

O lugar que ten que ocupar o BNG , non só en Marín, senón en todo o país é estar en disposición de pelexar a maioría social de Galicia co PP. Estou convencida de que en Marín tamén vai ser así. Ogallá as mulleres e homes do Bloque local saibamos estar á altura para que as mulleres e homes do noso pobo nos queiran acompañar. No que a miña humilde persoa respecta, a miña disposición para que esa situación sexa unha realidade tanxible é total e absoluta.

Aquela etapa, que viviu o BNG, de tantos “cristos” internos , que foi especialmente significada en Marín, rematou?

Si, afortunadamente si, definitivamente si. Agardo que teñamos aprendido dos erros pasados para que aquela época non se repita nunca.

A aritmética de Marín, na que o PP ten unha maioría tan abafadora, 15 de 21, non fai moi difícil facer oposición?

Neste asunto polo que me preguntas vasme permitir citar a Kant que dicía que a boa vontade é aquela que actúa exclusivamente por deber

Caramba Lucía, véxoche moi filosófica

Non, é que eu estou orgullosísima de militar no BNG, porque independentemente das coiunturas políticas o conxunto dos meus compañeiros e compañeiras teñen unha vontade firme de actuar sen descanso para cumprir o noso deber co pobo galego. Fíxate por exemplo no noso deputado Néstor Rego, el está só, pero acada máis beneficios para o noso pobo ca todos os demais deputados e deputadas do PP, do PSOE e de Podemos Galicia xuntos.

Non é fácil estar soa, claro que non, pero o noso deber e compromiso cara á veciñanza de Marín é inquebrantable, e así vai ser sempre, cunha concelleira, con 15, ou con ningunha.

A situación da sanidade en Marín está tan deteriorada como denunciades?

Lamentablemente si. O servizo é insuficiente, o persoal escasea e por momentos a situación bordea as fronteiras do colapso. Ás veces polas tardes, nunha vila da dimensión da nosa, só hai unha persoa traballando de cara ao público

Pero tedes un centro de saúde como quen di novo?

Xa, pero ter un novo edificio sen os servizos adecuados e sen o persoal necesario non é suficiente.

A día de hoxe( 29/11) como está a situación epidemiolóxica de Marín?

Moi preocupante. Desde o mes de setembro non damos conseguido baixar os contaxios de maneira significativa, e xa levamos varias semanas coa hostalería pechada e sometidos ao peche perimetral sen que se albisquen resultados significativos.

María Ramallo alén de alcaldesa é agora deputada. Como valoras esa duplicidade de cargos?

Eu entendo que unha alcaldesa ou alcalde ten que ter dedicación exclusiva ao seu cargo. Ela, que eu saiba, non ten o don da ubicuidade, polo tanto cando está en Madrid non pode estar aquí, e non lle queda máis remedio que delegar. Ao meu xuízo, esa situación implica que non cumpre de maneira adecuada o seu compromiso coa veciñanza do noso pobo.

Se ti foses alcaldesa de Marín e o BNG falara contigo para que encabezaras unha lista ao congreso estatal, ou ao parlamento de Santiago, aceptarías a proposta?

Non.

Cando o partido de ultradereita, Vox, formulou unha proposta no congreso do estado que , entre outros partidos , pedía ilegalizar ao BNG, a túa veciña María Ramallo, mirou para outro lado, non votou en contra, e abstívose nunha proposta que pedía ilegalizarche a ti. Como te sentiches?

Enormemente decepcionada. Por desgraza este tipo de cousas dannos a razón cando dicimos que a liña que separa ao PP de VOX é moi delgada, ás veces é imperceptible. Eu lin a entrevista que lle fixo o voso xornal á alcaldesa, e alí dicía que “en VOX hai xente moi interesante”.

Que pensaches cando liches esas declaracións?

Preocupoume moito, claro.

Como é posible que cunha maioría tan enorme como ten o PP, Marín leve dous anos sen orzamentos?

É intolerable, e só se pode explicar por falta de dilixencia e carencias notorias tanto de aptitude como de actitude.

A semana pasada tiven que ir un día a Marín, non era xoves( o día do mercado), e o que tiven que pasar para aparcar foi un auténtico pesadelo. É unha apreciación subxectiva ou Marín padece un grave problema de falta de aparcamento?

É unha evidencia que precisamos melloras substanciais no que a este asunto se refire. E estamos no BNG moi preocupados pola inminencia da creación da zona azul. Moito nos tememos que sexa unha volta de porca máis que incida en agravar este importante problema que padece a nosa vila

Imos ter auditorio por fin en Marín?

Como che dixen antes, eu procuro ser unha muller moi realista. E a realidade dos feitos amosa que nos orzamentos da Xunta non se recolle esa partida. Xa que logo, por moitas chamadas á tranquilidade que faga a alcaldesa, mentres non haxa unha partida orzamentaria concreta ,consignada para a súa execución, non se pode dicir que si o imos ter.

Como valoras o recente acordo entre Estrela de Marín e Fecimo?

Paréceme unha magnífica nova. Marín en moitas circunstancias vive á marxe do Morrazo, e todo tipo de acordos que impliquen unha maior cooperación comarcal son positivos. Neste caso considero que pode ser moi interesante para o pequeno comercio tanto de Marín como de todo o Morrazo.

Explícanos a campaña que estades a desenvolver en relación co castro de Subidá?

Estamos esixindo a paralización inmediata das obras que se están a desenvolver nesa zona, pois consideramos que o que se está a producir é por en risco moi grave a unha zona de altísimo valor patrimonial.