Antonio Lomba Alcalde de A Guarda

Antonio Lomba Alcalde de A Guarda

Como é tradición no noso xornal, rematamos o ano achegándonos á fermosa vila de A Guarda a conversarmos co seu alcalde para coñecer a súa visión sobre o estado das cousas na localidade. E como tamén é habitual, Antonio atendeunos con moita amabilidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

TEMOS PREPARADO O ORZAMENTO PARA O 2.021 E ESTAMOS EN FASE DE NEGOCIALO COS DISTINTOS GRUPOS DA CORPORACIÓN.POR DESGRAZA O BNG NEGOUSE A SENTARSE A NEGOCIAR CON NÓS”

A día de hoxe, Antonio, 3 de decembro, cal é en concreto a situación epidemiolóxica de A Guarda?

A nós o día un pola noite chámanos o Conselleiro ,e aínda que no mapa que publica a Xunta aparecían 35 casos, el dinos que temos 37.Ao día seguinte,2 de decembro aparecían xa 40 casos. Entón el dinos que como o número de afectados é elevado pois vannos a aplicar as restricións

E cal foi a túa reacción?

Quedei un tanto abraiado porque nós levabamos cun abano de 30-36 os últimos dez días.

Chegarades a estar con 40 nalgunha ocasión anterior?

Chegaramos a ter ata 68.E así llo transmitín ao conselleiro. Nós agora estamos mellor que hai 15 días. Quero supor que as medidas restritivas que se van a tomar con nós obedecen a un cambio e criterio, senón non mo explico.

Sabes cales son as medidas concretas que pensan tomar con vós?

Non, non as sei porque non mas trasladaron. Todo o que sei é pola prensa

Varios alcaldes e alcaldesas cos que temos falado láianse de que o nivel de información que lles transmite o SERGAS, acerca da situación epidémica dos seus concellos, é inexistente, e que todo o que saben ao respecto, é polo persoal sanitario dos centros de saúde. No caso de A Guarda?

Pasa exactamente o mesmo. Eu teño contacto diario co centro de saúde para coñecer a situación e eles son os que me informan de como están as cousas. A consellería a nós non nos traslada nada. Eles pídennos a nós colaboración, pero nos dan ningún tipo de información. Eu creo que debera existir algún tipo de figura que coordinara a información da Xunta aos concellos, pois a colaboración entre administracións é esencial para atenuar os efectos da pandemia

Outro aspecto no que, segundo me trasladan distintos alcaldes e alcaldesas, se produciu un significativo aumento é no de familias que, a partir do confinamento, requiren da a atención dos servizos sociais do Concello para atender as súas necesidades máis básicas. No caso da vosa vila?

Si, no noso caso pasou exactamente o mesmo. Acentuouse durante o confinamento e logo iniciou unha curva descendente. Nós tivemos que facer un reforzo importante da axuda no fogar, da protección civil do Concello ( incluso para facer compras de xente que non podía facelas), tivemos un servizo de voluntariado que se dedicaba a visitar e comprobar as necesidades das persoas que puidesen estar en situación de vulnerabilidade.

Notamos que a xente que precisaba de axuda de emerxencia social aumentou, e nós tanto reforzamos este apartado como foimos moito menos estritos no nivel de exixencia que aplicamos para conceder estas axudas por mor de que non se produzan abusos.

Se nos situaramos na peor das hipóteses posibles, os servizos sociais do Concello estarían preparados para atender un aumento significativo de demandantes de axuda?

Si. Agora temos un novo orzamento xa preparado para o 2.021, estamos en fase de negociacións cos distintos grupos da corporación, e ese orzamento xa contempla un reforzo significativo nas partidas de atención social polo que puidera pasar

Estades negociando o orzamento cos tres grupos da oposición?

Si, nós mandámoslle o documento aos tres grupos, por desgraza o BNG díxonos que non quería sentarse con nós, e seguimos conversando co independente e co PP. Nós traballamos co orzamento do 2.018 prorrogado e fai falta un novo, especialmente para os asuntos sociais.

Que argumentou o BNG como razón para non sentarse con vós?

Nada. Démoslle o orzamento para que o estudaran, e eles despois de velo dixéronme que non se querían sentar a negociar con nós

Quen vos transmitiu esa mensaxe?

O seu portavoz, Anxo Baz

Ben, despois deste inciso orzamentario sigamos coa sanidade. Creo que foi no mes de febreiro, estaba eu facendo unha reportaxe sobre as protestas da veciñanza esixindo melloras para o centro de saúde de A Guarda e coincidín contigo nunha concentración ás súas portas. Hoxe, 10 meses despois, como está a situación do centro de saúde?

Por desgraza, non está mellor. A través dos deputados do PSdG presentamos iniciativas parlamentares reclamando solucións para os problemas que padece. O que nos trasladaron os nosos deputados é que o SERGAS deu moi boas palabras, pero , a día de hoxe, a situación non mellorou senón todo o contrario. O noso centro de saúde non só atende á veciñanza de A Guarda, tamén, para determinadas cuestións faino cos veciños e veciñas de Oia e O Rosal, e require unha atención urxente para poder estar á altura das necesidades dos seus usuarios.

Non sei como estará por dentro, pero por fóra dá a sensación de certa decrepitude?

Un lavado de cara tamén necesita, si.

O concello aplicou, ou ten contemplado aplicar algunha liña de axuda para o comercio local, en xeral, e ou para o sector da hostalaría en particular?

Xa habilitamos algunha, como por exemplo unha modificación do calendario impositivo municipal para que non pagaran nos peores momentos. Aprobamos unha rebaixa do 50% nas novas licencias de actividade e empregamos 100.000€ de fondos propios do concello en campañas de activación do consumo, como por exemplo unha plataforma de venda on line ou outra de xeración de menús a través de código QR.

Ben, alén da situación sanitaria na Guarda hai vida política, e eu quero preguntarche polo episodio que motivou a vosa ruptura co BNG, a reforma da rúa Concepción Areal. Que pasou? E como está o tema na actualidade?

Ben foi un problema que xeramos os políticos e que trasladamos á cidadanía que acabou polarizada .Os que daquela eramos socios de goberno tivemos unha diferencia de criterio ao respecto da reforma desta rúa non fomos capaces de pornos de acordo.

Estás satisfeito de como funciona Concepción Areal?

Si, cada vez vai mellor. Nós consideramos que a chave da cuestión está na concienciación progresiva da cidadanía de que estamos ante unha rúa de preferencia peonil e o noso modelo chocaba co do BNG que se baseaba máis na imposición

Esa polarización da que falabas , da sociedade guardesa, ao respecto deste tema, desapareceu ou sigue existindo?

Eu agora non a percibo.

Máis dun ano despois da ruptura co Bloque segues gobernando con 5 de 17

Pois si, con moito dialogo con todos, e cun traballo inmenso do equipo de goberno que ao ser só 5 persoas ten que multiplicar os esforzos. Creo que o resultado é satisfactorio e a cidadanía non percibe que haxa un goberno en minoría ou en crise.

Como está a situación da policía local de A Guarda?

Agora mesmo temos 3 axentes fixos e dous auxiliares. O día 20 entrarán 3 axentes fixos máis

Entón o día 20 teremos 8 axentes?

Non, teremos 6 porque aos dous auxiliares remátaselle o contrato.

A min 6 policías para atender ao volume de poboación da vosa vila paréceme moi pouco?

Si, a min tamén. En xaneiro valoraremos a posibilidade de incorporar algún auxiliar

En Camposancos hai inseguridade viaria?

Indo cara a Camposancos si. Se vas a pé ou en bicicleta tela por calquera dos sitios que vaias, por iso nós temos unha actuación carteira que é a senda de circunvalación ao monte que conduciría á xente de maneira segura ata as praias e ata Camposancos.

Para estas festas de Nadal, facemos algo? Ou a situación epidemiolóxica non o vai permitir?

Si, imos ter unha axenda moi completa adaptada a calquera situación epidémica que haxa. A maioría de eventos témolos en exteriores. Algúns eventos serán a modo de pasarúas para evitar as aglomeracións. E a cabalgata de reis vai ser invertida , no canto de ir os nenos e nenas a vela, irán os reis a ver aos nenos e nenas. A recepción real será tamén por vídeo conferencia

O Concello voso é esteticamente moi bonito, pero quedan partes por rematar. Avanzamos algo?

Non. Aí uns días mandamos unhas emendas aos orzamentos da Xunta entre as que estaban pedirmos financiamento para rematar a obra. É necesario rematalo, e a ver como encaixamos para podelo facer.

Tocábanos gala en xaneiro do 2.021.Obviamente non vai quedar máis remedio que adiala para cando a situación epidémica o permita, pero, sexa na segunda metade do ano próximo ou ao longo do 2.022 agardo que manteñas o teu compromiso de asistir e de entregar o premio ao concello que o gañe nesa edición?

Por descontado, xa me comprometera contigo a que así sería, e manteño o meu compromiso, claro.

Rematamos Antonio, vaste volver presentar no 2.023?

Agora mesmo a miña mentalidade é pelexar día a día tanto para que a situación sanitaria do noso pobo mellore como por superar todos os desafíos que ten o noso Concello. Non me atrevo a pensar a dous anos vista