Conclusións do II Workshop “sociedade dixital e xénero. Hackeando ao patriarcado”:

Conclusións do II workshop "sociedade dixital e xénero. Hackeando ao patriarcado"

Necesitamos medidas para evitar o acoso que sufren nas redes o 60% das mozas

Esta afirmación pronunciada por Carmela Silva é unha das conclusións da xornada ogranizada pola Cátedra de Feminismos impulsada conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, onde se puxeron de manifesto tamén outros temas urxentes como a fenda salarial ou a necesidade de incluír mulleres nos equipos que programan algoritmos para corrixir os estereotipos de xénero e evitar que as mulleres queden fóra das grandes decisións no futuro máis inmediato.


A segunda edición do seminario “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado“, convocado pola Cátedra de Feminismos da Universidade de Vigo, desenvolveuse  durante a mañá de hoxe coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger, que lamentaron o asesinato machista de Gondomar e reivindicaron a  importancia do traballo que se está a facer desde a Cátedra de Feminismos.
 
En concreto, Carmela Silva, fixo referencia a un estudo publicado o pasado outubro pola ONG Plan International con motivo do Día Internacional da Nena, no que se plantexa que cerca dun 60% das nenas e adolescentes sufren acoso na rede; delas, un 25% sinte perigo físico derivado dese acoso e un 42%, como consecuencia, perden confianza en si mesmas. Ademais, unha de cada dúas sinte que o acoso no ámbito dixital é máis intenso que o que se sufre na rúa. Este acoso comeza aos 8 anos e intensifícase entre os 14 e os 16 anos. Entre as formas de ciberacoso están as ameazas sexuais, os comentarios racistas e anti-LGTBI, humillacións e burlas. En canto ás redes que se usan, a nivel mundial é Facebook onde se rexistran máis casos de ciberacoso (39%), seguida de Instagram (23%) e Whatsapp (14%); se ben en España é Instagram a que ocupa o primeiro posto.
 
A tenor destes datos, a presidenta da Deputación considera que “as mozas están desprotexidas nos entornos dixitais e que son necesarias medidas para evitar estes acosos“, algo que apoiou o reitor denunciando que “non podemos permitir que os machistas campen ás súas anchas nas redes“. Reigosa falou tamén da necesidade de que as mulleres participen nos ámbitos dixitais e científicos porque “unha sociedade que non conta coa metade da súa poboación é unha sociedade enferma“, e explicou que estudos publicados recentemente en revistas científicas de máximo prestixio demostran que durante a pandemia os homes elevaron considerablemente a súa produción científica, mentres que as das mulleres baixaron “porque segue existindo unha desigualdade grande no tema dos coidados que son asumidos en moita maior proporción por elas“.
 
No primeiro relatorio da xornada, a xornalista Montserrat Boix, alertou sobre sobre a falta de transparencia nos parámetros que usan empresas como Google para deseñar os seus algoritmos, e como as fake news poden estar afectando aos contidos da Wikipedia -que se consideran revisados e contrastados- e mesmo influír en quen gaña as eleccións en USA. En ambos casos, denunciou que “non existen feministas analizando e combatendo estas prácticas porque “as mulleres na rede somos consumidoras, non usuarias” e afirmou que “necesitamos rexistar todo isto con datos e con eles construír argumentos que demostren como as mulleres estamos sendo excluídas e as feministas acosadas“.
 
A catedrática de Economía Aplicada Coral de Río, abordou a problemática dos roles de xénero no mercado laboral, afondando na división sexual do traballo onde se constata que as mulleres ocupan maioritariamente as profesións peor pagadas, e ofrecendo con datos tan impactantes como que a base de cotización dos homes é superior na maioría das profesións -case 3.000€ máis ao ano nas enxeñarías- pese a que elas teñen mellor expediente académico. A relatora rematou a súa intervención cos resultados dunha investigación sueca na que se demostra que “despois da maternidade, nas parellas heterosexuais dóbrase a fenda salarial, mentres que en parellas de lesbianas acaban igualándose”.
 
O relatorio da enxeñeira informática Ana Freire, estivo enfocado a demostrar como funcionan os algoritmos cando son deseñados por homes, o que demostra “a necesidade de grupos de traballo diversos en intelixencia artificial para obter resultados sen nesgos de xénero“. A sesión da mañá rematou cun interesante debate no que participaron a directora da Cátedra de Brecha Digital de Género da Universidad de Valencia, Silvia Rueda Pascual, que explicou as medidas que se están implantando nese territorio para facilitar que as mozas cursen estudos STEAM; a doutora en informática e creadora de videoxogos, Luz Castro, que manifestou a necesidade de que na industria dos videoxogos os equipos non estean formados únicamente por homes brancos, occidentais e heterosexuais; e o colectivo millennial Proyecto UNA, que traballan para desenmascarar as novas formas de fascismo ocultas baixo simboloxías aparentemente inofensivas, recoñecer e dar valor ás alianzas feministas na rede, e investigar sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e tamén na realidad analóxica.
 
Prazas esgotadas nos obradoiros da tarde
Durante a sesión da tarde desenvolveranse dous obradoiros que espertaron grande interese, ata o punto de esgotarse as prazas en ambos. O primeiro é unha Wikimaratón Feminista na que as persoas participantes aprenderán a publicar na Wikipedia biografías de mulleres relevantes que aínda non conten cun perfil público. O obxectivo é visibilizar o traballo das mulleres, que actualmente ocupan só o 15% do total de entradas na Wikipedia. No segundo obradoiro, Stop Machitroles, a activista e investigadora Macarena Hernández Conde, mostrará como analizar as redes sociais para identificar comentarios machistas e misóxinos e, paralelamente, ensinará a crear deseños de “microproductos culturais de difusión virtual” como memes, vídeos, frases ou cancións, para respostar a eses ataques machistas, e facer que circulen pola rede.
 
Investigacións ao amparo da Cátedra
Dentro da sesión tamén se comunicou a publicación das investigacións apoiadas desde a Cátedra de Feminismos que xa están dispoñibles na web, onde se poden coñecer os traballos da profesora Mari Lires acerca das Percepcións do alumnado de Bacharelato sobre as enxeñarías e por que aínda non é unha opción para elas; a investigación de Patricia Valcárcel Fernández sobre Intelixencia Artificial e xénero enumerando as bases éticas e os nesgos de xénero na elaboración de algoritmos para políticas públicas e procedementos administrativos; o traballo feito pola investigadora Rut Martínezarredor dos Imaxinarios de xénero da mocidade comparando os espazos virtuais dos campus galegos; as claves para Unha aprendizaxe feminista corporativa, recollidas pola profesora Soledad Torres; e o proxecto de investigación “Mulleres pontevedresas na rede. Análise do discurso, micromachismos e discurso de odio en Twitter” realizado por Xabier Rolán a raíz da crecente preocupación polo discurso do odio e sexismo que atopamos día a día na internet.
 
A Cátedra, instrumento para promover a igualdade
A Deputación de Pontevedra, xunto coa Universidade de Vigo, teñen como obxectivo, a través da creación da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEAM (siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.