CSIF e CIG denuncian desigualdades e presións contra os traballadores/as do Concello de Redondela

Confederación Intersindical Galega A Nova Peneira

Redondela, 3 de decembro de 2020

A mellora dos servizos públicos pasa por garantir unhas óptimas condicións laborais. Os sindicatos levan meses reclamando medidas concretas do Goberno que pasan, entre outras, pola cobertura das baixas, convocatoria da oferta pública de emprego, recoñecemento dos traballos realizados efectivamente polo seu persoal ou igualdade nas condicións laborais.

Nesta altura os sindicatos CSIF e CIG vense obrigados a solicitar do Concello que se establezan uns criterios obxectivos e maior transparencia nas decisión que afectan ao cadro de persoal, para evitar que se creen ou manteñan situacións de desigualdade. Estas desigualdades están provocando un sistema de castas, con privilexios para algunhas persoas en detrimento dos dereitos doutras. Así mesmo tense constancia de que varios traballadores e traballadoras, porque así o teñen denunciado ante os sindicatos, sofren presións por parte do Goberno, tanto en horas laborais como fóra do horario estipulado. Chegouse, incluso, a medidas de represión contra os representantes sindicais por exercer e defender os dereitos laborais.

Por todo isto, os sindicatos CSIF e CIG non poden tolerar que o guión sexa a presión ou a represión directa contra traballadores, traballadoras ou contra a representación sindical. Solicitamos ao Goberno un diálogo honesto que poña por diante a mellora dos servizos públicos, a transparencia nas decisión, o respecto aos dereitos laborais e a defensa das condicións óptimas de traballo fronte a situacións de desigualdade.

Esta nota que antecede a estas liñas, asinada polas dúas principais centrais sindicais do comité de empresa do Concello de Redondela, é realmente dura. Fala de supostas prácticas de represión laboral, intolerables en calquera empresa, e moito máis nunha administración pública. Cando a recibimos puxémonos en contacto cos voceiros da sección sindical da CIG para coñecer a súa versión destes feitos

SECCIÓN SINDICAL DA CIG DO CONCELLO DE REDONDELA.

A PRÁCTICA HABITUAL DO GOBERNO MUNICIPAL, É FACER CASO OMISO AO COMITÉ DE EMPRESA”

Hai uns días mandastes unha nota de prensa na que faciades referencia a supostas prácticas de acoso laboral no Concello de Redondela. Que foi o que pasou?

Na última xuntanza do comité de seguridade, unha delegada da CIG solicitou que se fixeran as coberturas das diversas baixas que hai no Concello e que nalgúns casos afectan a servizos esenciais. Como é un tema que levamos reclamando desde hai un ano, sen unha solución satisfactoria, a conversa foise tensionando

De que maneira se lle deu traslado ao goberno desta situación?

Primeiro en xuntanzas coa xunta de persoal e como non facían caso, por escrito

Quen asiste , por parte do goberno, a esas xuntanzas?

Normalmente o responsable de persoal, que é Alberto, ás veces María Castro a antiga responsable de persoal e por AER nesta última reunión veu Roberto.

Nas xuntanzas da xunta de persoal estabades os tres sindicatos que tedes representación no comité?

Si, CSIF, CIG e UXT

Cando lle destes traslado por escrito ao goberno do que vós considerades unha anomalía na cobertura das baixas, cal foi a súa resposta?

Fixéronnos caso omiso. É a súa práctica habitual

Ben, antes comentabas que na última xuntanza da xunta de persoal a conversa foise tensionando, como se resolveu esa tensión?

Unha Concelleira, nun tono moi severo, díxolle á nosa delegada que non se preocupase que “ mañá mesmo ía estar cuberta a praza” e ao día seguinte comunicáronlle o seu traslado a Chapela, que era onde se producía unha das baixas. Esta traballadora levaba 5 anos adscrita a un departamento, e dun día para outro mándana para Chapela. Aínda que eles din que xa o tiñan pensado desde hai tempo. Nós entendemos que é unha medida de represión sindical. De feito , na propia xuntanza, membros de Uxt interpelaron á concelleira sobre se estaba realizando algún tipo de amenaza.

Que curioso.Nesa xuntanza que mencionas membros da UXT fan referencia á suposta emisión dunha amenaza e logo non asinan, cos otros dous sindicatos, a nota que enviastes á prensa.Por que?

Que nós saibamos tiveron unha dimisión interna, e finalmente a maioría deles decidiu que non.

A suposta represión que denunciades cínguese a ese caso concreto ou existen máis semellantes?

Nós o que denunciamos ademáis, é casos de presión laboral. O que me gustaría deixar claro é que os sindicatos non estamos a demandar ningún tipo de privilexio nin sequera , ningún dereito. O que estamos pedindo é que os servizos públicos sexan de garantía, que se cubran as prazas en departamentos esenciais, como servizos sociais.O que pedimos é que a veciñanza estea atendida da maneira máis adecuada posible.

Hai moitas baixas?

Varias: Servizos sociais, tanto en Chapela como en Redondela, a avogada da muller , o enxeñeiro de urbanismo e moitas outras persoas máis, co que a calidade do servizo é moi inferior ao que debera

Por que sucede esta situación?

Nós o que percibimos nas xuntanzas co goberno é unha desatención absoluta

En comparación coa administración anterior é mellor ,peor ou igual?

Nós non debemos de entrar aí.Somos unha central sindical e danos a nosa opinión sobre as cuestións de índole laboral. Logo, nas sucesivas eleccións a veciñanza debe de decidir que administración prefire