Sobre o nacionalismo galego, a utilidade do BNG, e os orzamentos do estado

Bandeira galega civil

A semana pasada lía un estupendo artigo no xornal Público titulado “las feministas no odian a los hombres” que forneceu o meu convencemento de que cando é imprecindible reafirmar o obvio, estamos vivindo tempos moi escuros. Se cadra, no que se refire ao título deste artigo tamén sexa preciso reafirmar o obvio, que é: O BNG é unha forza política nacionalista galega e a práctica totalidade de persoas que constitúen o seu corpus de militantes e votantes tamén o son. As persoas que acreditan no bloque outórganlle a súa confianza para que a súa praxe política se desenvolva na procura da defensa dos intereses colectivos das mulleres e homes que aquí vivimos.

Galicia é unha nación. Así foi recoñecido no IX congreso de nacionalidades europeas celebrado en Berna no mes de setembro do ano 1.933. Galicia é unha realidade nacional diferenciada pois posúe todos os riscos definitorios de tal condición xa que : Ten un idioma propio, un territorio xeográfico físicamente diferenciado, unha tradición cultural de seu e un conxunto significativo de hábitos psicolóxicos inseridos na personalidade colectiva do pobo galego, incluso na das persoas que negan a súa existencia.

Sentirse parte dunha comunidade diferenciada é inherente á especie humana, pois non existe ninguén que non se considere identificado con algunha realidade colectiva. O nacionalismo galego nin é excluinte nin é identitario.Todo o contrario, é solidario, fraternal e internacionalista .Aqueles que tratan de denigralo adxectivándoo de maneira pexorativa son ,en realidade, o problema. Eles son incluíntes, si, pero incluíntes a golpe de porra e tribunais de excepción, pois non son capaces de aceptar a liberdade do outro para decidir se quere camiñar só, ou acompañado. O nacionalismo político en Galicia é minoritario pois as forzas políticas que non entenden como pertinente asumir esa posición concitan unha ampla maioría de apoios na sociedade galega. Esta é unha realidade obxectivamente incontrovertible no momento presente. Agora ben:

1)Ás forzas políticas galegas que entenden que o mellor para Galicia é formar parte do proxecto político estatal español tal como está constituído actualmente, non lles queda outra que considerar colectivamente á realidade española para decidir as súas posicións políticas. É lícito ,lexítimo e perfectamente respectable. Pero o que non parece moi razonable é considerar que 900 millóns de investimento son unha labazada ao pobo galego, e pola contra 800 millóns son o maná caido dos ceos porque o gasto per cápita é superior a outras zonas do estado. É que ese investimento per cápita non era entón superior nos orzamentos do PP, cualificados como unha labazada a Galicia?.O que resulta moi difícil de comprender é que das máis de 200 enmendas que presentou o BNG ningunha fose aprobada pola actual coalición de goberno .Non son capaz de atopar ningunha razón que xustifique que se negocie con todas as forzas políticas que formaron o bloque que lle deu a investidura a Pedro Sánchez menos co BNG. No dou entendido que se aproben enmendas para mellorar o financiamento doutras zonas do estado, pero non en Galicia.

Agardo que o boicot a todo o que presentou o BNG non se trate dunha operación política para tratar de erosionar ao bloque , derivada do medo que o seus resultados nas autonómicas causou no PSOE e en UP, porque de ser así as deputadas e deputados galegos destas dúas organizacións estarían participando dunha operación contra os intereses do seu pobo, non por erosionar ao BNG, senón por negar, co seu voto, un maior financiamento para os seus veciños e veciñas.

2) As forzas que como o BNG entenden que o nacionalismo político non só é unha posición emocional ou metafísica, que tamén, senón que supón o camiño para acadar unhas mellores condición de vida para as maiorías sociais de Galicia, deben de actuar en consonancia co seu corpus teórico e traballar para conseguiren dous obxecticos: -Tratar de mudar a percepción da realidade da maioría social de Galicia, e como o mar que bate nas rochas e aos poucos modifica a arquitectura das pedras que semellaban inmutables, conseguir que o nacionalismo sexa maioría algún día en Galicia.-Defender no día a día os intereses colectivos do noso pobo. E un orzamento estatal, expansivo como poucos, que recorta 11 puntos o investimento no noso país, só pode ser rexeitado, por quen de verdade defende, e non di defender, os intereses do pobo galego.