A viaxe

Artigo de opinión A Nova Peneira

Hai cousa dun ano, por estas mesmas datas, na casa xa andabamos arranxando os derradeiros detalles para a nosa viaxe de volta á Galiza, e así, poder despedir e recibir un novo ano arrodeados da miña família e dos nosos amigos cos beizos mollados.

Hei de recoñecer que son un auténtico desastre á hora de deixar atados todos os cabos que supón un traslado familiar, can incluído. Eu son dos que poderían sobrevivir con dúas mudas dez días coma pouco. Polo tanto, é a miña muller, a miña compañeira a que leva todo o peso deste simulacro de mudanza de toda a família.

A verdade é que non sei como demo fai as contas ou que sistema organizativo emprega para meter nas maletas todo canto precisamos, sen deixar nada atrás.

Dame envexa a ilusión e a intensidade que pon cada vez que saímos de viaxe. De non ser por ela, non teriamos celebrado ningún solsticio no tempo que levamos xuntos.

¡O meu é fungar por todo! Onde imos con tanta roupa, meu amor? Para que raios levamos tanto calzado? Non nos chega cun abrigo para cada un? Non son moitos calcetíns, meu ben? 

E así ata que arrancamos o coche e poñemos o conta quilómetros á cero coma se non soubésemos de memoria a distancia entre Errentería e Redondela. Xa son moitos anos indo e vindo. Fuxindo e voltando pola mesma autoestrada, e, a terra, non da encollido.

Este ano non imos facer viaxe algunha. Non está a situación para andar correndo riscos innecesarios que poderían traer algún problema serio para a xente que amamos ou para nós mesmos.

Este ano, o noso maior acto de amor, o noso mellor agasallo vai ser a prudencia e a responsabilidade.

Non sei si chegarán outros tempos nos que poidamos voltar a arrincarnos a pel coma tolos, coma adoitabamos facer antes de que chegaran malas novas alén das nosas fronteiras, pero, para cando cheguen eses tempos, agardo poder contárvolo todo coas miñas palabras, sen medo.

Polo de agora, imos deixar nun caixón todos os excesos de afectividade destas datas para outra ocasión mellor.

Xa nos decatamos de que as calores do verán non foron quen de manternos a salvo ainda que foron moitos os chamáns que falaban dos poderes milagreiros das altas temperaturas.

É curioso o doado que resulta convencer á xente dunha idea por moi tola que esta pareza. Abonda con repetir unha frase dúas veces e xa tes o circo montado. Logo dunha semana, xa tes un feixe de seguidores capaces de meter a man no lume e asegurar que a Terra é plana, que Cristo fundou a nosa civilizacíón ou mesmo que Franco era un bo home e mellor avó.

Días atrás, o meu amigo Luis guindaba unha pregunta ó aire,” a ignorancia facilita a manipulación ou a manipulación deriva da ignoracia? Ahí vos deixo o meu agasallo de Nadal, xa tendes traballo para estes días.

Nós, imos ficar na casa. Polo de agora, nada de viaxes. Xa haberá tempo de arrincarnos a pel e durmir nos vosos bébedos brazos.