O nariz de Montse

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira

Que queres que faga? Buscar un protector, un amo tal vez? e como hedra escura que sobe á parede medrando sibilina e con adulación cambiar de camisa para obter posición? 

NON, GRAZAS.

Dedicar se vén ao caso versos aos banqueiros, converterme en pallaso, adular con vileza os cornos dun cabestro por temor a que me lance un xesto sinistro? NON, GRAZAS.

Almorzar cada día un sapo? Ter o ventre panzón? Un papo que me chegue os xeonllos con doenzas pestilentes de tanto facer reverencias? 

NON, GRAZAS.

Adular o talento dos canelos, vivir atemorizado por infames libelos, e repetir sen tregua: Señores, son un loro, quero ver o meu nome en letras de ouro?

NON, GRAZAS.

Sentir temor aos anatemas? Preferir as calumnias aos poemas, coleccionar medallas, urdir falacias? 

NON, GRAZAS; NON, GRAZAS; NON GRAZAS…

O propietario do apéndice nasal máis famoso da historia ,con permiso do descoñecido nariz da esfinxe de Guiza, Cyrano de Bergerac, foi o que pronunciou este impactante monólogo que é toda unha epopea en honor da honestidade, o compromiso e a lealdade a uns principios éticos. Ao longo do noso camiño vital cruzámonos con moitas persoas. Hainas desde as que pasan por onda nós sen chamarnos a atención, deixando como unha leve imaxe que ao longo do tempo se volve imperceptible, ata as que deixan unha pegada indeleble no máis profundo e íntimo do noso corazón, como a deixa o máis inmenso aceno de amor e solidariedade que teñamos recibido nas nosas propias carnes. Neste ano que remata , dunha dureza extraordinaria para toda a sociedade, moita xente ,como en todos e cada un dos anos anteriores, cruzouse no camiño de A Nova Peneira, e nada foi diferente, pois houbo alegrías, decepcións, sorpresas, e como sempre un enorme océano de compromiso solidario dos nosos anunciantes, clientes, subscritores, subscritoras, colaboradoras e colaboradores. Sen a compañía xenerosa de todas e todos eles non sería en absoluto posible manter con vida un medio como este, totalmente alonxado dos circuítos de poder. Así por exemplo, cada día das letras ou cada 25 de xullo, vemos como xornais que desprezan o noso idioma reciben inxentes cantidades de cartos da Xunta para promocionar esas dúas datas ,ou como periódicos que non son tal , senón negocios con forma de periódico, sen o máis mínimo contido de produción propia, sen artigos, sen entrevistas, sen reportaxes, só con notas de prensa copiadas e pegadas, reciben tamén publicidade institucional eses días para adornar o que nin unha soa persoa se vai parar a ler, mentres que o noso humilde medio , cunha liña editorial clara e nidia, e ateigado de contido de produción propia, un ano si e outro tamén, é sistematicamente ignorado no reparto de publicidade institucional do goberno galego. Arredor de 2.000 anunciantes, pequenos comercios minoristas do país galego, nos permiten superar esa situación e, como Cyrano, espetar con desprezo un “Non grazas” a todos aqueles e aquelas que nalgún momento tiveron a ousadía de tentar influír na nosa forma de contar a realidade, que describimos tal cal a entendemos nós. E a valentía e firmeza das persoas que me acompañan nesta viaxe tamén esixe o meu recoñecemento, pois sen o talento de Gladys, a habilidade de Alberto, o compromiso de Marcos, a lealdade de Dani, a xenerosidade de Susana A Nova Peneira non podería existir. Todas e todos eles, están comigo desde o principio, ou case desde o principio, e agardo que estean ata o final, ata o meu final, pois cando se produza A Nova Peneira debe de seguir existindo tal como foi concibida. A min sempre houbo tres características que me seduciron das persoas: a bondade, a intelixencia e a coherencia cos valores e principios éticos. E neste ano terrible, tamén houbo espazo para que a luz da intelixencia e a coherencia ética, se achegase ao noso xornal, pois neste ano coñecemos a Montse, que posúe un talento fóra do común para escribir, e ela, como Cyrano, tamén é capaz de desprezar con elegancia poética as chamadas a escribir versos aos banqueiros, pois ela , como Cyrano, tamén é capaz de arriscar o seu benestar persoal para defender con valentía e firmeza as súas posicións intelectuais. Agardo que no sitio que ela queira, teña a ben acompañarnos neste 2.021 e en todos os anos que ela desexe, pois a súa compañía profesional é un pracer dun volume semellante ao do apéndice nasal, de quen escribiu o monólogo inicial.

SAÚDE, FELICIDADE E PAZ, NESTE ANO QUE COMEZA, PARA TODAS E TODOS.

Tino Lago.