Pepe Represas Alcalde de Ponteareas

Pepe Represas Concello de Ponteareas A Nova Peneira

Rematamos o ano 2.020 e comezamos o 2.021 cunha longa conversa co alcalde de Ponteareas. Con independencia de todo o ruído que poida meter a dereita, que durante décadas someteu a un nefasto goberno caciquil á esta vila, teño a certeza de que Pepe, pasará a historia como o alcalde que, coa súa sensatez e rigor á hora de gobernar, puxo as bases para facer unha vila moderna, sostible e solidaria.

PONTEAREAS É HOXE UN FOGAR SOLVENTE, E CUNHA SITUACIÓN ECONÓMICA ESTABLE”

-Como valoras o grado de cohesión cos vosos socios de goberno do PSOE?

-O grao de cohesión son os intereses dos nosos veciños e veciñas, ese grao mídese en base á capacidade de cumprir cos compromisos adquiridos con elas e eles. Construír unha vila na que atopen todo o que precisen, un fogar agradable, cívico, participativo e responsable. Penso que o goberno de Ponteareas está cumprindo e traballando a diario para mellorar servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga pero tamén novos servizos como a mellora das TICs, ampliación dos servizos á cidadanía, unha oferta cultural de calidade, máis formación, esforzos en crear emprego… Mostra da boa cohesión é o noso crecemento económico, o cumprimento dos compromisos, a construción dunha cidade para as persoas, as liñas de axuda a empresas locais, obter a confianza das administracións nos proxectos presentados…

-Cando asumiches o primeiro mandato a situación económica do Concello era catastrófica. Hoxe, cinco anos despois, podemos dicir que Ponteareas vive unha realidade económica óptima?

-Ponteareas é hoxe un fogar solvente, vimos de aprobar uns orzamentos por máis de 18 millóns de euros e o do ano pasado, de 21 millóns de euros, foi o máis alto da historia. O goberno de Ponteareas vén de asinar co Instituto Galego de Vivenda seis préstamos sen xuros para seis actuacións de conservación, rehabilitación e compra de inmobles por un importe total de 806.650 euros. Un bo exemplo da nosa situación económica estable é o apoio da Consellería de Vivenda que adianta a financiación que o concello devolverá con fondos propios e da estratexia EDUSI e así ir executando as obras para que a nosa cidadanía teña o antes posible unha vila máis humana. O concello devolverá comodamente as cantidades percibidas no prazo de oito anos.

-Varios alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencian coméntannos que esta crise sanitaria produciu un incremento substancial no número de familias que precisan da atención dos servizos sociais do Concello para atender as súas necesidades máis básicas. Como está a situación en Ponteareas?

-Lamentablemente na liña do que me comentas. Nestes últimos meses produciuse un importante aumento de persoas que non teñen ingresos ou que viron drasticamente reducidos os seus recursos económicos. Por este motivo no orzamento para 2021 destinamos máis de tres millóns de euros a políticas sociais. As axudas e subvencións a colectivos máis desfavorecidos reflíctense nunha partida que se duplica respecto a 2019, pasando dos 117.000 euros destinados á axudas de emerxencia social ao 234.000 € que figuran nas previsións do capítulo 4 de subvencións en benestar social para o 2021.

As áreas de Benestar Social, que se incrementaron en 1,3 millóns de euros en 5 anos, pasaron de 1.990.000 euros en 2015 aos 3.310.953,14 € na previsión para 2021. Un 66% máis que en 2015, un exemplo claro da aposta deste goberno polas políticas de benestar, destinando os recursos necesarios para quen máis o necesita.

-Os servizos sociais de Concello están preparados , se fose necesario, para atender un aumento significativo da demanda de axuda?

-Temos un orzamento aprobado que nos da certa seguridade porque ademais de contemplar partidas para atender ás necesidades básicas e as obrigas municipais, conta con partidas por máis dun millón de euros que de entrada non están comprometidas, e que poderán utilizarse en función das necesidades e da evolución da crise da Covid.

-Como é a vosa relación coa DEP?

-Tal e como dicía no comezo da entrevista, as administracións confían en Ponteareas e nós sempre nos pomos a súa disposición en todo o que poidamos colaborar dentro do ámbito das nosas competencias porque o obxectivo é sempre conseguir melloras para a nosa cidadanía. Coa Deputación temos en marcha un importe proxecto, a través do plan DepoRemse, que é a mellora da contorna do complexo deportivo Álvaro Pino e centro de saúde. A tarxeta de presentación para todos os que entren ao núcleo urbano dende Mondariz ou dende as nosas parroquias de Areas, Arnoso ou Xinzo. Estamos adscritos á rede ÁGORA para valorizar o espazo público e a través do Plan Concellos executamos distintos proxectos relevantes. Ademais, vimos de asinar o convenio para a musealización do Castelo do Sobroso, entre outras accións nas que traballamos en conxunto coa Deputación de Pontevedra.

-E coa Xunta?

-Nós estamos sempre dispostos a traballar con todas as administracións que apoien o crecemento sostíbel e responsable da nosa cidade e o benestar da nosa veciñanza. Coa Xunta, co Estado, coa Unión Europea… Ponteareas traballa a día de hoxe con todas as administracións nos grandes proxectos que configurarán o noso presente e o noso futuro seguindo sempre a estratexia “Ponteareas, hábitat saudábel”.

– A día de hoxe cal é a situación epidémica de Ponteareas?

-Na reunión que acabamos de ter comunicáronnos que temos 24 casos activos e seguimos no nivel máximo de alerta. Levamos un mes xa no nivel vermello e sinto unha profunda preocupación que hoxe mesmo trasladei á Xunta a través do secretario xeral da Consellería de Sanidade pedíndolle un reforzo nos controis perimetrais xa que os concellos non dispomos de ferramentas para controlar o noso perímetro. Por suposto, pido a todas as familias que colaboren, que a cidadanía cumpra con todas as normas para que pronto todos e todas poidamos recuperarnos e volver celebrar e reabrir os nosos negocios… agora o que importa é a saúde e temos que pór tódolos medios. É fundamental a concienciación individual porque o 80% dos contaxios prodúcense no noso espazo de confianza coas amizades, compañeiros/as e familiares. Esa relaxación non axuda.

-Como valora a relación do SERGAS co goberno municipal no que atinxe a este tema?. Sentícheste adecuadamente informado da situación sanitaria da vila polos responsables sanitarios da Xunta?

-Sentimos que son moi importantes as reunións semanais e a información o máis actualizada posible pero é certo que seguimos reclamando máis PCRs, un control máis exhaustivo, a información máis detallada e maior asesoramento. Hoxe mesmo ofrecémonos para pór a disposición do SERGAS toda a nosa infraestrutura para a realización de controis sanitarios.

-Como valoras o grado de civismo amosado pola sociedade pontareá neste contexto de confinamentos e restricións?

-As e os nosos veciños son os primeiros en querer que todo isto pase o máis pronto posible e coas menores consecuencias que se poidan dar. Sempre pedimos a súa colaboración, sabemos que son tempos difíciles nos que dun día para outro tivemos que mudar os nosos costumes pero temos que seguir facéndoo. Eu pídolles que sigan en contacto cos seus pero facendo uso das novas tecnoloxías, que salven as distancias con vídeo chamadas, que este nadal entendan que o máis importante é seguir con boa saúde para poder celebrar moitos nadais xuntos. De súpeto tivemos que facer un cambio radical e as administracións vémonos fomentando o uso da tecnoloxía para socializarnos xusto nun momento no que tentábamos concienciar á sociedade do importante que eran as relacións coas persoas deixando a un lado os móbiles…

-A sensación que transmitía o PP local é que as distintas peonalizacións supuxeron unha moi elevada oposición veciñal. Iso é así, ou ao teu xuízo a realidade é outra?

-Non sentimos que as peonalizacións desgusten á veciñanza, ao contrario, sentimos que están desexando poder pasear e ocupar os espazos públicos. O que ocasionan molestias son as obras pero iso é o normal e sabemos que a cidadanía entende que é unha incomodidade temporal para conseguir unha importante mellora.

-Cóntanos o máis salientable das actuacións que tedes previsto executar no casco urbano da Vila?

-Non temos pensado facer, estamos facendo xa a humanización da rúa Redondela, rematando xa o primeiro tramo de San Roque, comezando coas obras de mellora da praza de Bugallal, construíndo a nosa rede de calor con biomasa e xa rematamos as obras de eficiencia enerxética do conservatorio municipal, da escola infantil municipal e da biblioteca pública municipal. Tamén avanza a bo ritmo a mellora da contorna do centro de saúde. Xa comezamos a executar a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público a través dunha axuda do IDAE que nos permitirá cambiar a led o alumeado público tanto no rural como no centro urbano.

-E nas parroquias?

Nas parroquias ofrecemos unha programación cultural estable (suspendida por mor da COVID), dispomos de axudas ás casas e centros culturais, acometeremos a mellora do alumeado público, ampliamos a rede de abastecemento…

-Que aceptación percibes na veciñanza en referencia ás limitacións de velocidade impostas aos vehículos?

-As noticias e as novidades sempre xeran certa expectación que co uso e coa cotidianidade desaparecen. A veciñanza valora o esforzo en seguridade viaria e moitas das accións responden a peticións veciñais ou de colectivos.

-En canto ás obras na praza Bugallal o concello expresou a súa sorpresa pola aparición de tubaxes que non constaban dicindo que non é a primeira vez. Que pasa no subsolo de Ponteareas?

-O que pasa no subsolo de Ponteareas é o similar ao que pasaba no día a día de Ponteareas durante décadas. Falta de planificación e de previsión. Falta de análise das carencias e das necesidades e falta de visión de futuro. En Ponteareas non estaba practicamente nada inventariado e nada se programaba pensando no que se ía precisar nun futuro próximo. Atopamos unhas tubaxes diferentes ás que tiñamos previstas e o seu tratamento está en mans de profesionais.

-Os deportistas de Ponteareas están , como di o PP local, maltratados?

-Para resolver as dúbidas o mellor é sempre ir aos casos prácticos, aos números, ás evidencias. Falar sen datos é doado. Ao PP dígolle que me amose os seus números. No 2019 a nosa liquidación do investido en deportes foi máis de 500.000€ e no 2020 arredor de 700.000€… agora que digan eles canto investiron.

-E rematamos falado de hostalaría. Contempla o goberno local algunha liña municipal de axudas para este sector tan maltratado neste contexto histórico?. E para o pequeno comercio en xeral?

-Ademais das dúas liñas de axudas para empresas e autónomos/as locais, por máis de 400.000€ entre as dúas, vimos de sacar unha nova axuda específica para hostalaría de 25.000 euros pero que poderá incrementarse para atender todas as solicitudes como é a nosa intención. Outra das medidas que xa está vixente para apoiar á hostalaría é a bonificación do 95% das taxas das terrazas ata ó 31 de decembro de 2021, ademais das axudas directas, postas en marcha polo Concello, con motivo do estado de alarma do mes de marzo, axudas que foron pagadas a todos os que cumprían as condicións da convocatoria, que no caso da hostalaría foron un total de 70 negocios. Nestes meses ademais hai que sumarlle os cambios realizados para facilitar a ampliación das terrazas en novas zonas, ao tempo que se gañou espazos para os peóns.

Dentro das nosas competencias, tamén contempla eximir do pago ou compensar os recibos municipais do lixo e da auga a todos os negocios durante o período que tiveron que pechar pola pandemia, tanto nestas semanas decretadas pola Xunta para a hostalaría como durante o estado de alarma que afectou a todo tipo de negocios.

Primer comentario

Deixa a túa opinión