Jesús Cameselle Ben activista cultural de Redondela

Jesús Cameselle Ben

Nado no barrio de Lavadores do que reivindica con orgullo a súa individualidade que xorde da súa antiga condición de Concello ,e veciño de Redondela desde 1.976, Suso é unha das persoas máis vinculadas coa actividade cultural do noso pobo, e A Nova Peneira non podía deixar de falar con el.

O MARATÓN CULTURAL DE REDONDELA É ALGO IRREPETIBLE”

Es un artista tan polifacético que non teño claro como definirte?

Ben, eu creo que todos os camiños da arte están inter relacionados e a min gústame explorar vías diversas: a escrita, a musical, o teatro o debuxo…

Hai pouco que te xubilaches do teu traballo como docente, e creo que o botas de menos , verdade?

Pois si, abofé que é así. De feito fago algo de actividade docente polas redes sociais, e en breve gustaríame facelo de maneira presencial, non como actividade económica, senón como actividade que me enriquece de verdade e cun matiz lúdico tamén.

Cando un artista coma ti se xubila da súa actividade profesional, tamén o fai da súa faceta creativa?

Non, de ningunha maneira. Eu quero seguir producindo ,e tamén aprendendo, todo o tempo que poida. De feito quixera facer un máster sobre dirección e composición de orquestras pero a situación sanitaria non o permite de momento

Agora debes de ter moito tempo libre?

Non te creas, estou bastante activo a verdade. Ando a rematar dous retratos e unha novela

Ben, ti malia que es de Lavadores, es todo un referente no universo cultural de Redondela?

Eu levo en Redondela desde 1.976 e son case máis desta vila que de onde eu nacín. Asemade eu traballei moito tempo de dinamizador cultural nesta vila e, non sei se un referente, pero si que teño moitos vínculos co tecido cultural local

E coa administración local, tamén?

Si, tamén, claro que si

Javier Bas?

Un tipo moi implicado no desenvolvemento da cultura do seu pobo

De toda a cultura, incluso da que non lle gusta a el?

Si, implicado con todo tipo de expresións culturais, tanto as que lle gustan como as que non. Javier é un tipo moi especial, un gran traballador que se implica emocionalmente en grado superlativo en todo o que fai

O primeiro e único maratón cultural que se fixo en Redondela organizáchelo ti?

E que bonito foi. Creo que che podo contar como foi cada minuto da súa organización. Durou 24 horas, comezamos un sábado ás 6 da tarde e rematamos ao domingo seguinte ás 6 da tarde. Ben , en realidade durou algo máis, creo que estivemos 25 ou 26 horas

Eu lembro aquel día .Ás 6 da mañá o José Figueroa ateigado de xente que escoitaba as lecturas de poesía

Foi algo máxico, abofé que si

Faltou algo, aquel día marabilloso?

Tanxarina. E non foi porque non quixesen, que quede claro, senón porque estaban de xira fóra de Redondela. Creo recordar que foi a única ausencia significativa, pois que eu lembre participou todo o universo cultural de Redondela

Unha persoa que, coma ti, leva toda a vida no mundo da cultura, que importancia lle dá ao tecido asociativo cultural redondelán?

Agora mesmo é moi importante, desde logo que si. Cando eu comecei no mundo da cultura no ano 1.986 as cousas eran diferentes. Nos anos oitenta non había nada.

Cal é a relación adecuada que debe de ter o artista co seu público?

Ao meu xuízo debe de producirse a interacción máis elevada que sexa posible

Ti coñeciches e traballaches con Suso Vaamonde, como era el?

Era unha persoa íntegra, rotundamente íntegra e enormemente simpática. Eu compartín moito con el, e pasei momentos verdadeiramente marabillosos con Suso.

Hai algunha persoa que influíra especialmente na túa traxectoria artística?

Hai varias, se cadra por destacar a algunha mencionar a Paco Barreiro, que foi o que me ensinou a tocar a guitarra a min. El ten unha actividade cultural moi importante. Agora acaba de publicar un conto :”O pirata Ataripo”.En xeral na construción do meu universo mental foi o Ateneo de Vigo , se cadra, o que achegou unha influencia máis relevante. Naquel momento chegamos a alugar o García Barbón e fixemos un festival cultural moi importante, no que participaron os grupos de Vigo máis relevantes dos anos sesenta.

Ti ensinaches a diversas persoas que logo se converteron en artistas moi importantes. Que se sente cando acontece iso?

Unha satisfacción brutal. Que un alumno te supere é o mellor que lle pode suceder a un mestre

Como fas para abranguer unha gama tan ampla de actividades artísticas?

Só se pode facer dedicándolle moito tempo

E iso non te ocasionou problemas familiares?

A miña familia é marabillosa e levouno moi ben. Se non fose pola miña muller non podería facer todo o que fixen

En que faceta de creación artística te sentes máis cómodo?

Non podo separar ningunha das facetas. A miña vinculación coa produción cultural comezou cando eu tiña 10 anos. Púxenme enfermo de gravidade e cheguei a estar un ano e medio na cama. Daquela, en 1.964 non había os medios que hai hoxe para entreterse e o meu pai traíame folios para pintar e escribir, e libros para ler. E desde aquel momento xa non me puiden separar da faceta da creación artística. Todo é moi importante para min, pero se tivera que quedarme con unha , sería a miña faceta de mestre de nenos.

O Himno de Redondela compuxéchelo ti, cóntanos como foi iso?

Ben é un himno a Redondela, porque himno oficial Redondela non ten. Eu sei que está moi espallado e que tivo moito éxito. Nalgunha páxina que está pendurado ten máis de 60.000 visitas. E teño constancia de que foi a moitas partes do mundo. Pero ben, eu teño máis de 600 composicións

Tes un método propio para aprender a tocar, verdade?

Si, o Suseo. Teño unhas 3.000 partituras. Algún día terei que escribir un libro ao respecto

Creo que as túas fillas seguiron o teu camiño artístico?

A verdade é que estou moi orgulloso das 3

E a túas netas?

Xa apuntan maneiras

Para rematar quixera resaltar a túa faceta altruísta, pois ves de doar un importantísimo material, refírome ao seu valor económico , a Sinha Paca?

Ben, considerei que Sinha Paca ía sacarlle máis proveito e decidín doarllo, non ten máis importancia

Agora si que rematamos Suso. Agora que estás xubilado, para cando outro maratón cultural?

Buf. Eu creo que iso é irrepetible