BNG reclama ao Goberno que defenda os intereses da frota pesqueira galega en Europa e evitar un novo recorte nas cotas

Néstor Rego A Nova Peneira

Néstor Rego considera que debe aproveitarse a saída do Reino Unido para abordar o debate sobre o reparto de cotas pesqueiras e fixar criterios que non discriminen a Galiza reformando o principio de estabilidade relativa, así como tamén outorgarlle a protección de Zona Altamente Dependente da Pesca.

Madrid, 1 de xaneiro de 2021

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, lamenta que o Goberno español máis unha vez ignorara os intereses da Galiza e dera o visto bo ao Acordo que suporá unha nova redución das cotas de pesca para a frota galega que porá en risco o futuro desta importante actividade produtiva e sector básico da economía galega.

Un dos principais temas de debate nas negociacións do Brexit foi as cotas de pesca para a frota dos países comunitarios en augas territoriais do Reino Unido despois da súa separación da Unión Europea. Néstor Rego destacou que o acordo aprobado o pasado día 24 de decembro permite unha redución de 25% das cotas de pesca nos caladoiros británicos e esta nova rebaixa suporá un novo golpe para o sector pesqueiro de Galiza, que volve acumular restricións á súa capacidade produtiva que deron comezo desde o momento en que o Estado español entrou na Unión”.

O BNG considera que o Brexit é a oportunidade perfecta para avaliar e reformar os criterios de reparto de cotas pesqueiras na Unión, e concretamente é necesario abordar a revisión do principio de estabilidade relativa que non permite un reparto equitativo e axustado ás capacidades produtivas de cada país e que supuxo desde o momento da entrada do Estado Español na Unión Europea a asignación de cotas insuficientes para a frota galega e en consecuencia a paulatina redución da propia frota pesqueira da Galiza.

Ademais, a formación nacionalista demanda que se recoñeza a Galiza o carácter de Zona Altamente Dependente da Pesca, o que suporía unha maior protección do sector evitando o seu afogamento, pois permitiría melloras no acceso a cotas e no financiamento da actividade produtiva. Esta categoría supón considerar a Galiza como unha poboación onde a contribución do sector pesqueiro para a actividade da zona é tal que as dificultades deste sector dan lugar a reducións de actividade e perdas de emprego que deterioran seriamente o tecido socioeconómico, condicións que claramente se dan no caso de Galiza, como distintos estudos puxeron de manifesto.

En todo caso, o BNG considera que a actuación do Goberno español demostra novamente que para defender adecuadamente os intereses de Galiza e que non se utilicen como moeda de cambio é necesario asegurar a capacidade de decisión da Galiza, e que poda encargarse das negociacións pesqueiras que se desenvolven a nivel internacional, polo gran peso que supón na súa economía. Galiza debe ter voz propia, e por iso Rego reclama capacidade para Galiza para negociar directamente as cuestións de especial relevancia para a súa economía, como é o caso dos acordos en materia de pesca, para evitar así que estas se volvan a considerar prescindíbeis en aras de intereses políticos ou económicos alleos.

“O sector pesqueiro é fundamental na economía da Galiza e debe protexerse para asegurar o seu desenvolvemento futuro, sendo para iso necesario de forma urxente revisar os índices que serven de base para a fixación dos topes de capturas, dar a Galiza a protección adecuada como zona altamente dependente da pesca e asegurar que teña voz propia e voto nas negociacións en materia de pesca” subliñou Rego.

Primer comentario

Deixa a túa opinión