O BNG de Marín continua coas concentracións en defensa da sanidade pública

BNG A Nova Peneira

Marín, 5 de xaneiro de 2021.

O próximo xoves 14 de xaneiro o BNG convoca aos veciños e veciñas de Marín a unha nova concentración en defensa da sanidade pública e por unha atención sanitaria presencial.

Para informar desta concentración imos estar o próximo xoves 7 de xaneiro no mercado repartindo información sobre as nosas demandas e convocando á participación nesta mobilización.

O ano 2021 comeza como o anterior sen melloras na atención no centro de saúde de Marín, e sen reforzo de persoal administrativo e sanitario, o que continua provocando demoras para ser atendidos. 

Esta situación parece que non vai mudar se temos en conta as partidas orzamentarias en materia de sanidade para o este exercicio 2021. 

O PP vai continuar co seu modelo sanitario, un modelo de precariedade laboral e de medios, sen reforzar o sistema sanitario público. Vai continuar priorizando unha atención telefónica fronte á presencial, o que provoca unha maior dificultade nos prognósticos e polo tanto unha tardanza en detectar patoloxías graves e derivalas á atención especializada. Todas estas dificultades para acceder á sanidade pública só benefician á sanidade privada.

Temos que lembrar que cando comeza a vacinación contra a Covid a presión asistencial vai ser aínda maior. Urxe tomar medidas con antelación para que non se de a problemática da campaña da gripe

Desde o BNG demandamos unha mellora e actuacións inmediatas no centro de saúde de Marín para rematar coas listas de agarda, queremos unha cobertura ao 100% das ausencias do persoal e un incremento dos administrativos na quenda de tarde. Actualmente só hai unha persoa atendendo ao público e collendo as chamadas telefónicas pola tarde no centro de saúde de Marín.

Primer comentario

Deixa a túa opinión