Xosé Manuel Pazos. Alcalde de Cangas

Manuel Pazos A Nova Peneira Alcalde de Cangas

O alcalde de Pazos afronta os últimos anos do que será o seu derradeiro mandato , pois manifesta a súa intención de retirarse da práctica política , nunha situación política moi complexa, coa esquerda canguesa ,que representa ao seu espazo político, en pleno e complexo proceso de recomposición, cunha evolución de moi difícil prognóstico.Malia todo, reivindica con orgullo os anos de goberno de ACE e apela á necesidade de deixar paso ás novas xeracións para poderen recompoñer a unidade do que un día foi o xermolo en Galicia do que agromou AGE e as Mareas. Pazos é un gran conversador co que sempre é un pracer compartir unha caña e coñecer a súa visión da realidade política. Cando a súa alcaldía sexa xa historia, será un pracer, para min, poder seguir gozando das conversas con el.

A MIÑA VONTADE DE QUE ACE E AVANTE ACABEN SENDO, ANTES DAS PRÓXIMAS MUNICIPAIS, UN ESPAZO ÚNICO É INEQUÍVOCA”

A última vez que falamos dixérasme que este era o teu último mandato e que non tiñas previsto volverte presentar nas municipais do 2.023. Segues mantendo a mesma posición?

Eu sigo mantendendo esa posición, que é firme. Nesta vida non hai ninguén imprescindible e, como che dixen no seu momento, este será o meu último mandato

No 2.023 vaste retirar definitivamente da vida política , ou só dos cargos institucionais?

Eu seguirei en Esquerda Unida, pero como militante de base , botando unha man no que poida. Non teño pensado ocupar ningún tipo de cargo, nin institucional nin na miña organización política.

Falando de Esquerda Unida. Avalas a xestión da executiva nacional galega liderara por Eva Solla?

Teño unha posición crítica coa xestión da executiva actual. O noso resultado electoral non se deu por casualidade.

Esquerda Unida como organización política autónoma e independente ten futuro?

Eu creo que si, sempre que saiba buscar o seu camiño que é contribuír con lealdade e intelixencia á unidade da esquerda que está fóra do espazo da esquerda nacionalista

Ti es unha persoa con moitas inquedanzas culturais , e apaixoado do teatro en particular.Corríxeme se me equivoco pero creo que cando te retires da política vaslle dedicar moito tempo ás túas grandes paixóns?

Non te equivocas. Deixei de facer moitas cousas no eido da cultura porque a política é moi absorvente, e teño a ilusión de recuperalas todas. Asegúroche que cando abandone a vida política, non teño a intención de aburrirme.

Ben , Falemos de Cangas.A día de hoxe, 5 de xaneiro, malia que pode ser moi cambiante en pouco tempo, cal é a situación epidemiolóxica do teu pobo?

Como ti dis, pode mudar, pero agora mesmo temos 53 casos activos e estamos en tendencia descendente. Insisto en que esto pode cambiar, a situación segue sendo moi perigosa. E a prudencia debe de ser extrema

En Cangas xa se comezou( 5 de xaneiro) a vacinar á xente?

De momento só aos usuarios e usuarias da residencia de Aldán

Nas túas redes sociais publicaches unhas fotos, moi duras, de persoas facendo extensas colas ao frío, nas portas do centro de saúde. Contextualíza esa situación? 

Ese é un serio problema que temos. Desde o centro de saúde fálase da falta de espazos para a xente, pero eu creo que se pode remodelar e acondicionar eses espazos, xa que persoas que acoden a facer análises radiografías ou calquera outro tipo de proba teñen que esperar fóra, nunhas circunstancias climatolóxicas moi adversas

Non se tomou ningunha medida?

Si, pero ao meu xuízo claramente insuficiente .Cubrir cunha mampara a zona de urxencias co cal se habilta un espazo para a xente pero segue habendo frío porque está no exterior. Nós aprobamos no pleno unha moción para esixirlle ao Sergas unha remodelación, pero non moveron ficha. Seguiremos pelexando, porque non se pode consentir esa situación propia do terceiro mundo.

A concelleira Dolores Hermelo, do PP de Cangas, manifestabase moi crítica no Faro de Vigo, co que ele definía como o “ desparrame ilegal de pintura na rúa Méndez Núñez”, que tes que dicir?

Esa actuación supuxo un gasto só de 600€.O que se fixo nesa rúa está na liña de traballo de moitas ciudades de Europa, que procuran espazos humanos e sostibles.O que fixemos en Méndez Núñez foi pintala, adecuala ao que é unha rúa peonil, e xerar espazos para os peóns nunha rúa innecesaria para o tráfico rodado .O PP ten alí a súa sede e non lle debe de gustar que pase a xente por aí.Esta actuación propiciou que se unisen dúas zonas peonís e se construíse un espazo urbano humano e accesible para as persoas.

Que vai pasar co aparcadoiro de Altamira?

Ese aparcadoiro vai estar aínda tempo, porque esa actuación non se desenvolve da noite para a mañá

E no que respecta á piscina de Balea?

Coa piscina temos un problema relacionado co momento no que estamos. Hai dúas posibilidades : a municipalización do servizo, que é claramente a nosa posición, algo que non sería excesivamente costoso, aínda que habería que sair do plan de axuste pois ata ese momento non podemos asumila, e a outra opción é a que defende o PP que é unha concesión, algo que non é viable pois nesta situación ningunha empresa iría xa que a situación sanitaria impide a asistencia suficiente de usuarios para que lles sexa rentable. Xa que logo, moi ao meu pesar, de momento teremos que seguir cunha prestación de servizo, como estamos agora.

Un dos eixos cos que chegou ACE ao goberno de Cangas, foi o contecioso con Aqualia.Cando deixes a alcaldía será posible ter ese asunto arranxado, ou polo menos encamiñado?

Encamiñado eu creo que si. Agora mesmo estamos nos últimos esforzos do pulso .Aqualia acaba de gañarnos unha sentenza xudicial polo tema das tarifas.Nós recurrímolo e volvemos a inistir na nulidade do contrato.Agardo que a xustiza nos dea finalmente a razón.Se non nola dan, teremos que aguantar os 20 anos que quedan dese contrato que, non nos esquezamos, asinou Sotelo e actuaremos en consecuencia

Que significa “ actuar en consecuencia”?

Obrigar a empresa a cumplir estritamente todo o que asinaron.Estaremos enriba deles ata o máximo, sancionando calquera comportamiento que se aparte do contrato.Eu non me quero marchar da alcaldía sen deixar encamiñado o problema con Aqualia

Outro tema recorrente na oposición do PP é o asunto do CIS( centro integral de saúde).Cal é a túa posición?

O PP só se quere enterar do que lle mandan desde Santiago, que están empeñados en facer un CIS para substituir ao centro de saúde actual.Pero o pobo de Cangas de forma abrumadoramente maioritaria, 2/3 da corporación municipal, xa nos manifestamos dicindo que o que queremos é un CAR( un centro de alta resolución) que nos permita cubrir as nosas necesidades sanitarias sen termos que ir a Vigo. Se a Xunta nos di que se constrúe un CAR, nós pomos o terreo ao seu dispór de inmediato.

Como valoras o Plan da Mancomunidade do Morrazo sobre a vosa comarca como destino turístico sostible?

Valóroo de maneira moi positiva.O plan de desenvolvemento común do Morrazo como unha unidade apoiámolo con toda a enerxía do mundo. En xeral a valoración positiva exténdese non só a ese plan en concreto, senón tamén á Mancomunidade en si, que comeza a traballar por obxectivos moito máis amplos que ser unha xestora do lixo. Camiñando cara a ser un organismo útil e funcional que foi para o que foi creado.

A situación política da esquerda de Cangas é máis complexa có máis complexo texto ao que se enfrentara calquera exiptólogo ao longo da historia. Confésome incapaz de predecir que é o que pode ocorrer de aquí ás próximas municipais

Un alcalde que xa morreu dicía “Cangas é moito Cangas”, e efectivamente Cangas é moi complexa.Eu saudei o nacemento doutras alternativas á tradicional división en 3 do espazo político galego(PP,PSOE,BNG).En Cangas sempre houbo unha situación máis complexa que esa, pero agora mesmo, concordo contigo en que é complexa de máis.Eu agardo que de aquí ás próximas municipais haxa unha peneirada na política local e o espazo político de ACE e de AVANTE ten que ser un , porque é o mesmo en realidade, pero por desgraza algunha xente sobramos para poder remodelar ese espazo político.

Mariano Abalo é un dos que sobran?

Eu voume retirar e esa é unha decisión miña.O que faga Mariano Abalo, Tomás Hermelo, ou Ánxela Vizoso terá que ser decisión de cada un deles. Hai unha serie de persoas que levamos moito tempo e cada quen terá que tomar a decisión que lle pareza, pero a situación de que o que é o mesmo espazo se presente en dúas candidaturas, non pode nin debe continuar así.

Entón, ti afirmas rotundamente que a túa vontade de que ACE e AVANTE sexa un espazo só, é inequívoca?

Si. E reafírmome no que che dixen antes.Non estaría mal cambiar de caras

Cangas é unha vila socioloxicamente de esquerdas.En verdade non sería unha irresponsabilidade manifesta que no 2.023 o PP recuperase a alcaldía?

Sería máis que iso, sería un delicto político de primeira liña

Primer comentario

Deixa a túa opinión