O BNG de Redondela, califica de “labazada á veciñanza o mantemento da Peaxe”

BNG A Nova Peneira

Nun comunicado, consideran que “o PSOE, volve a incumprir os seus acordos, ninguneando a Redondela”. Prantexan as mobilizacións como única alternativa.

Dende a organización nacionalista respostan aos últimos acontecementos que teñen a ver co mantemento e suba da Peaxe de Rande. “Rexeitamos esta política de deixar que Audasa faga, e goberno de Sánchez siga sen solucionar esta débeda histórica con Redondela e bisbarra”, afirman. Critican a falta de rigor e compromiso amosada unha vez máis dende o PSOE, con quen o BNG chegou a un acordo para investir a Pedro Sánchez como presidente, a cambio de eliminar este pago.

A viaxe entre Vigo e Redondela, incrementouse en cinco céntimos dende o un de xaneiro, ata alcanzar o euro por viaxe en cada sentido. “Dos prezos máis altos de todo o estado. Trátase dunha auténtica estafa, á que o goberno de Pedro Sánchez, non lle quere dar solución. Unha actitude prepotente de agravio cara aos veciños e veciñas”, consideran dende o BNG.

Saen ao paso das manifestacións do secretario xeral de infraestructuras, do Ministerio de Transporte, nas que afirma que os descontos das Peaxes da AP9 implementaranse no primeiro semestre do ano. “Descoñece cal é a realidade do noso concello, posto que ademáis do custo económico para particulares e transportistas, súmase a saturación das estradas que cruzan por Chapela, que cómpre aliviar. Isto é unha labazada en toda regra á veciñanza, pola que non imos tolerar”, denuncian.

Consideran os e as nacionalistas que a Supresión da Peaxe de Rande, vai supoñer un aforro económico importante para os usuarios e usuarias, que nunha situación de crise como a actual verán reducido os pagos diarios por só 5qm. “Mesmo será un estímulo para que a empresa de transporte público, aumente as frecuencias na liña Vigo-Redondela, co que se podería reducir o número de vehículos que entran na cidade olívica”, consideran.

Destacan dende a organización nacionalista, “o positivo impacto que vai supoñer para a parroquia de Chapela. Reducirase o paso polas avenidas de Redondela e Vigo de varios miles de vehículos diarios. Deste xeito poderase acometer unha verdadeira humanización destos viais mellorando considerablemente a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Están decididos a loitar pola supresión da Peaxe, forzando a que o PSOE cumpra cos seus compromisos, polo que “ tomarán todas as medidas que estean na súa man para forzar a decisión. As accións na rúa van ser o eixo central desta liña de traballo”, afirman.

Dende o BNG sumanse ao chamamento da Asociación de Veciños e Veciñas de Chapela ás mobilizacións. “Poñémonos á súa enteira disposición, apoiando este tipo de iniciativas. Emprazamos ao conxunto da veciñanza, colectivos e asociacións para sumarse e acadar o obxectivo final da Supresión da Peaxe en Rande”, rematan na súa nota.