Decencia e indecencia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Comezamos o ano con unha boa nova e outra non tan boa nova. A boa nova refírese aos da Operación Jaro que quedaron, como era debido, limpos dos delitos que -desde falsos informes- os imputaban. Certamente, a min, sorprendeume que a xustiza exercera a limpeza e proclamase a falsidade e impropia condición de privar da liberdade a unha xente que é independentista, e pode selo. Cando por riba exercen a dinamización cultural e a asistencia social. Eu aledeime moito. Un xuízo que non debera, despois de tanto tempo, falsear a realidade e castigar a quen sinalaban.

Á vista das poucas certezas e das mentiras que se manexaban, nin deberan chegar a xuízo, nin dar lugar aos danos colaterais que se produciron. Hoxe anovamos a mesma afirmación. Bo é que todo  fose así, pois o contrario suporía unha inxustiza manifesta creada nos salóns de partidos adversos e de certos medios de comunicación que, en base á subvención, menten ata onde lles ordenen. Eran moi lamentables as informacións de medios privados e públicos, como a TVGa que encirraron constantemente, vertendo informacións mentidas e perversas. Anque a min, hanme perdoar, quédame unha mágoa enorme ao comprobar que nin a tele, nin a radio, nin a prensa -sobre todo A Voz- tivesen a mínima pulcritude de desculpa, de tentar corrixir o mal que fixeron e o dano que  intencionadamente provocaron. Mal como aquel que, en días previos ao xuízo, sacaban a relucir un zulo en Portugal que, seica, lles pertencía. Pois moi mal, a información era tendenciosa e ruín. E agora, non teñen valor a corrixir o mal que fixeron? É mágoa que non poidamos confiar, xa nunca, no que pregoan, seguen a ser obxectos de manipulación e desexo, subvencionados e malditos.

A mesma xustiza debería castigar a evidente difamación e obrigar a unha compensación polo menos moral, das súas infamias. Habería que empezar a cambiar as cousas e chamalos á orde para que non puidesen libremente detraer a tanta xente, crear deshonras en quen non cometeron falta algunha. Agora quen paga a desfeita?

A outra nova, anque neste caso menos boa, é a dunha nova lei de educación. Eu, que fun mestre durante corenta anos, sei o maligna que foi a lei anterior, a dun tal Wert. Aquel ministro que despois foi premiado e destinado nun posto de moita fachenda en París. Alí o mandaron con grande soldo e acompañado do seu amor. Ninguén dixo que fixera unha lei desastrosa, unha lei que permitiu, por exemplo, o arredamento do noso idioma, amén doutros mesteres de incualificable dano para a dignidade, como priorizar a educación privada, e darlles “alas” aos que querendo liberdade, teñen moitos cartos e entón queren para os seus fillos un ensino de distinguidas elites. Os outros xa se amañarán como poidan. Eles queren colexios de pimpón, cos uniformes, transportes, actividades complementarias, multilingües e todo preparado para, ao final, aprobar cun lauden ás súas criaturas.

Mais, agora, coa nova lei -que devolve un pouco cara ao ensino público, dándolle algo do seu debido protagonismo igualitario- protestan e piden liberdade das familias para escoller escola. É para botar pecados, cousa que non faremos por educación de cara a vostedes. Empregan a liberdade, eles, os que privaron aos demais -seleccionando en base a recursos económicos- de poder achegarse a un mesmo ensino. Xa Franco alegaba liberdades que el mesmo extinguía, a liberdade é un comodín que empregan con frecuencia os que a reprimen e, anque se agachen, véselles o plumeiro. A liberdade vai a carón de dignidade e moi pegada á igualdade. Por iso é tan complicado entendela debidamente. Só pode saberse a liberdade cando hai igualdade, é dicir, cando todos -todos, non só uns poucos- somos iguais. Sen señoritos nin señores, porque senón son eles os libres e os demais roen nos cravos de seren servos. Que non protesten argumentando que a lei Celaá -que non é panacea de nada- atenta contra a liberdade das familias, se non engaden “ricas”. Deixan de recibir axudas os centros non públicos que, por exemplo, segregan por sexos, pois isto vai contra a liberdade mesma -a carón da igualdade, onde non se ve nin se respecta. Por riba a “desigualdade” na que están, permítelles pagar centros selectos e selectivos, mais só a eles, os que poden. Igual que tampouco permiten asistir a universidades privadas nas que, como todos ben sabemos tamén, se vulneran os dereitos de accesibilidade igualitaria. Lembremos moitos ministros e opositores, con títulos amañados, sen asistencia nin existencia. Aquel concepto sublime de “liberdade” que tanto eles argumentan, refírese só á liberdade deles, os que mercan todo, sen propiedade debida e sen acceso para os demais. Que non volvan as falsidades, nin as irregulares equidistancias na nosa cara. Xa está ben!    

Primer comentario

Deixa a túa opinión