Exiliados urbanísticos

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

A finais do ano recentemente rematado, Nigrán situouse como o concello coa vivenda máis cara de toda Galicia, segundo un informe do portal inmobiliario Fotocasa. Case 2.500 euros por metro cadrado. E isto non é algo puntual, é o cumio dunha tendencia que se ven dando dende fai décadas.

O problema do prohibitivo prezo dos inmobles non se circunscribe exclusivamente á compra, maniféstase de igual xeito no mercado do alugueiro, que tamén se dispara ante a escaseza de oferta de pisos para todo o ano, pois son moitos os propietarios que prefiren sacar o maior rendemento posíbel a tempada de verán.

Esta carestía da vivenda leva moito tempo provocando o mesmo efecto que ata a pandemia ocasionaron os alugueiros turísticos en innumerábeis cidades de todo o mundo, expulsando á poboación local, que nos convertemos en auténticos exiliados urbanísticos. Xente que non se vai a outro lugar a vivir por elección propia, ou por razóns laborais, ou por amor. Non. Vanse expulsados polo mercado inmobiliario que non lles permite vivir alí onde vivían cos seus pais e onde desexaban seguir habitando.

A explicación especulativa acode sempre a falla de oferta, é dicir, fai falla poñer máis solo no mercado para construír máis. No caso de Nigrán, ao igual que o doutras localidades turísticas, isto non é certo. Efectivamente existe unha escaseza de oferta, pero de oferta de vivenda de prezo regulado e de alugueiro de longa duración. Non hai falla de vivendas, máis da metade das existentes están baleiras pero non están postas nese mercado.

A consecuencia desta situación é a substitución, que leva anos producíndose, de parte da poboación local que se ve obrigada a migrar en busca de pisos que poidan pagar, por persoas acomodadas, na súa maioría de Vigo, que establecen aquí a súa segunda residencia ou, nalgúns casos, a primeira.

Isto constátase coa posición de Nigrán como o primeiro concello da provincia e terceiro de Galicia con maior renda per cápita, non pola gran cantidade de veciños cuns altos ingresos, senón pola distorsión que introduce que se convertera no sitio preferido por algúns dos maiores patrimonios de Pontevedra.

Ao mesmo tempo, moitos mozos e mozas do concello, e non tan mozos, ten que irse a Navia, Tomiño, Salvaterra ou, no mellor dos casos, Gondomar, para atopar unha vivenda asumíbel.

Nigrán leva sendo obxecto de especulación urbanística dende o século pasado sen que os poderes públicos fagan nada por mitigalo. A única actuación de promoción pública que se recorda foron as vivendas de mariñeiros de Patos construídas polo réxime franquista xa hai máis de 60 anos. Fóra diso tan só o intento desgraciadamente non nato, a pesar de posíbeis erros no proxecto que se poderían corrixir, do Plan Sectorial de Vivenda Protexida do bipartito, dentro do cal, o departamento que dirixía Teresa Táboas tiña previstas varias actuacións no concello.

A chegada de Feijóo truncouno. Como o plan eólico, o banco de terras e tantos outros proxectos transformadores da parte nacionalista daquel goberno.

Agora urxe mobilizar vivenda baleira para abaratar os alugueiros. Nesa liña o BNG ten proposto a nivel nacional medidas de presión fiscal sobre os grandes propietarios para conseguilo. Ao mesmo tempo a deputada Alexandra Fernández reclamoulle á Xunta que no novo Plan de Vivenda 2021-2025, asuma como un obxectivo estratéxico o abaratamento do prezo dese mercado.

Tamén urxe a regulación que sobre o mesmo se proxecta no estado para poder actuar en zonas nas que os prezos están distorsionados como ocorre neste caso. Para poder facer o mesmo que xa se fai en Berlín, por exemplo, que como todos sabemos é un templo social-comunista.