Orzamentos 2021, e para Marín que?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

Se os orzamentos do estado son malos para Galiza os da Xunta para o ano 2021 non son mellores. Buscando Marín polos centos de páxinas só atoparemos unhas poucas veces o nome da nosa vila. Mais concretamente só aparecen as seguintes partidas directas: mellora do colector xeral por 219,115€, mellora do saneamento do río Lameira por 500,835€, e gastos de capital en partidas de dúas consellarías por 719,950€ e 130,000€ respectivamente.

Ulos cartos para o auditorio? Agochados nun convenio, o mesmo que o centro de día da Casa do Mar. E xa sabemos que pasa con eses convenios, xa sabemos en Marín canto tempo, cantos anos, tardou en facerse realidade o novo centro de saúde.

Como ven sendo habitual nos orzamentos do PP para o 2021 hai moitas partidas xenéricas, que serven para que as distintas consellarías repartan os cartos discrecionalmente e de xeito caciquil. Quedan no ar moitos miles de euros que hoxe non sabemos onde van parar, e mañá serán repartidos en moitos convenios feitos á carta. Unha indefinición orzamentaria para favorecer sempre aos concellos e ás empresas “amigas”.

A nosa alcaldesa-deputada valora positivamente estes orzamentos e, facéndose trampas ao solitario, mete no mesmo lote dos investimentos para Marín obras xenéricas en concellos limítrofes. Infraestruturas como o novo Hospital de Montecelo, a mellora da vella estrada a Pontevedra, o Plan de Transporte Metropolitano… É dicir plans xenéricos que van beneficiar a moitos pero que non se poden considerar como propios do noso concello. Bótalle moita imaxinación para tapar as carencias dunhas contas que quedan curtas, unha vez mais, con Marín

E por se tíñamos dúbidas das formas de facer do PP na Xunta, estes días volveu saír publicamente a nosa alcaldesa-deputada a poñer a venda antes da ferida, botándolle a culpa á pandemia dos posíbeis atrasos nas obras do colector e do auditorio.

Un concello da dimensión do noso debería ter uns maiores investimentos que permitiran dotarnos dos servizos necesarios para non ter que ir buscalos a outros concellos. Precisamos maior atención aos maiores, aos novos, unha biblioteca digna, unha oferta cultural de calidade, solucionar o problema da carestía de vivenda, unha mellor protección do noso rico e variado patrimonio histórico e arqueolóxico, etc.

Por iso o BNG presentou as seguintes emendas aos orzamentos con obras e investimentos que consideramos necesarios para Marín e complementan a proposta actual:

  • Posta en valor, sinalización e divulgación do patrimonio arqueolóxico de Marín
  • Escavación completa do Castro de A Subidá
  • Dotación dunha Casa da Mocidade en Marín
  • Inicio do Proxecto de construción dun centro de día en Seixo
  • Actuacións de acondicionamento, limpeza e mellora ambiental do río Loira
  • Dotación dun Pavillón de deportes en Seixo

Con todo estes orzamentos, de saír adiante tal e como están redactados, non van servir para mellorar os servizos públicos, a atención sanitaria e a educación. Non van parar a perda de poboación dos últimos anos nin a desertización do rural.

Estamos ante unhas contas que van perpetuar a dependencia do noso pobo pois consolidan un modelo económico terceiromundista propio de economías dependentes e coloniais. O goberno da Xunta vai seguir apostando por encher os nosos montes de eucaliptos, converténdonos nunha enorme latifundio ao servizo de Ence. Vai continuar vendéndonos ao capital estranxeiro en detrimento das empresas propias. Seguirá afogando a sanidade pública limitando os recursos económicos e humanos para beneficiar aos fondos de investimento que están detrás da sanidade privada.

Estes orzamentos non van evitar a decadencia imposta polo PP a Galiza e a Marín.

Marín, 30 de decembro de 2021

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago

Vice-responsábel do BNG de Marín.