Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda

Loli Castiñeira Alcaldesa de Salceda de Caselas

Cando Loli Castiñeira comezou a súa andaina como primeira alcaldesa de Salceda conversamos con ela para que nos falara das súas ilusións e dos seus proxectos. A piques de rematar o seu mandato queremos falar de novo coa alcaldesa para que nos conte se se puideron levar cabo e como pasaron estes case dous anos cunha pandemia mundial causada por unha crise sanitaria polo medio

Os que amamos a política e nos dedicamos a ela con todo o corazón, o que buscamos é mellorar a vida da nosa veciñanza”

O primeiro Loli, como estades en Salceda, tanto de saúde como de ánimo polo Covid19 e como levades as novas restrición para intentar frear os contaxios?

Esta xa é a terceira vaga e o cansazo vaise acumulando, tamén a inquedanza pola situación laboral e económica. Hoxe temos 89 novos casos positivos ( 26 de xaneiro), esta cifra é a máis alta desde o inicio da pandemia e a transmisión é comunitaria.Esta situación é semellante nos concellos que nos rodean e en toda Galicia en xeral. Fai que teñamos que extremar moitísimo as precaucións e outra vez máis pedir un maior esforzo á poboación, sei que a maioría da xente cumpre, pero ata que consigamos que sexamos toda a poboación a que cumpra, non imos a poder parar esta transmisión comunitaria.

Ao longo de toda a pandemia, no noso concello conseguimos a manter uns bos datos, sempre por debaixo dos concellos limítrofes, pero creo que baixamos a garda no nadal e as consecuencias son estas, esta terceira vaga que nos trae datos demoledores.

Como te sentes agora que está a piques de acabar a súa etapa de alcaldesa?

Para min foron un ano e seis meses de mandato cheos de emocións. Marcado pola crise sanitaria onde a xestionamos con acertos e erros, pero sempre con coordinación e chegando a acordos co comité de seguimento, co único obxectivo de traballar por e para a veciñanza de Salceda. Os que amamos a política e nos dedicamos a ela con todo o corazón, o que buscamos é mellorar a vida da nosa veciñanza, tocoume o momento político de coidar á xente durante esta aniño da covid19.

Que valoración fas da mesma?

Foi un tempo moi positivo. Rematamos moitísimas obras que estaban en marcha do anterior mandato e foron fundamentais para levar con solvencia e bo resultado esta crise.

Cales foron as principais actuación desenvolvidas nestes dous anos?

Rematamos a Praza da Devesa, a humanización da Rúa Compostela, a humanización da Rúa Gándara. Actuamos en moitísimas parroquias e xeramos espazos pensados para a xente e cobraron moitísimo protagonismo na crise do Covid. Cando estivemos confinados e comezamos a saír puxemos en valor, se cadra un pouquiño máis, todos estes espazos recuperados e humanizados para a xente.

O Centro de Saúde, inauguralo foi unha demanda histórica e non puido chegar en mellor momento. Tiñamos unha necesidade brutal de espazo e desde logo que para min foi o logro deste ano.

Puxemos en marcha o Gabinete de Atención Temperán, no que atendemos máis de 60 nenos e nenas do concello. Este servizo compartímolo coas Neves e xa nos está facendo falta o servizo para nós sos, son moitísimos nenos e nenas para este gabinete.

Creamos o Gabinete de Psicoloxía, no que están sendo atendidos máis de 40 veciños e veciñas. A creación de este gabinete xusto na segunda vaga do covid foi moi importante.

E agora estamos a piques de inaugurar o “Centro de Enfermidades Neurodexenerativas”, que está na antiga escola de Vendanova. Acabamos de asinar o convenio con AFAGA e para a semana comezamos a realizar os dous programas que temos en marcha, “Activa a mente” e “Cultiva a mente”.

Tamén aprobamos o segundo Plan de Igualdade e levamos un montón de medidas postas en marcha tamén.

Moi orgullosa destes tres gabinetes porque son todos para coidar aos veciños e veciñas da nosa vila.

Cales son os principais obxectivos para os dous últimos anos de mandato nos que ti serás tenenta de alcaldesa?

Son obxectivos de equipo pensados nun mandato de catro anos. Non hai primeiras nin segundas, independentemente de que ocupe eu a alcaldía ou a miña compañeira Verónica. Ata o de agora funcionamos así e estou segura que imos seguir así, cuns obxectivos claros.

Os máis próximos, aprobar no vindeiro pleno a RPT (relación de postos de traballo). Este é un compromiso cos traballadores e traballadoras deste concello e formaba parte do acordo de goberno.

Levaremos tamén os terceiros orzamentos para aprobar en ano e medio. Xestionar economicamente é moi importante.

Posto en marcha tamén en cuestións de semana porque xa 16 empresas presentaron proxecto para a Senda de Parderrubias. Esta é unha senda cicloturista que conecta o centro co IES Pedrarrubias por unha zona moi perigosa. Esta obra está financiada pola Xunta e ademais recolle moitas melloras no espazo como o saneamento, pero sobre todo o que mellora é a seguridade viaria para toda a veciñanza de Parderrubias e todo o alumnado que usa ese treito para ir ao instituto.

Moito traballo por diante, e traballo en equipo.

A relación cos teus socios do PSOE sempre a valoraches moi positivamente, agora que estás a piques de rematar a túa etapa como alcaldesa segues pensando o mesmo?

Hai cousas que dificilmente se poden disimular e cando un goberno está compartido por dous partidos políticos que temos as nosas diferenzas en canto a proxectos de ideoloxía é moi fácil que haxa diferenzas, que transcendan e a opinión pública o saiba. No noso caso isto non aconteceu porque a relación de equipo é oi boa, discutimos cando non estamos de acordo no enfoque dos proxectos, da metodoloxía ou da xestión, pero discutímolo e aportamos solucións en equipo. Temos claro, tanto Movemento Salceda como Psoe que o noso obxectivo é mellorar Salceda. A nosa relación é moi boa e o funcionamento do equipo tamén.

Movemento Salceda ten futuro na  escena política de Salceda despois do 2.023?

Ese será un debate que teñamos que dar no seno do partido. A nosa ideoloxía é a mesma e teremos que debater no seno de Movemento Salceda cos nosos militantes cal é o futuro se é que algo ten que mudar en Movemento Salceda. Somos un proxecto pensado por e para Salceda e así seguirá sendo.

Considerades algún tipo de colaboración co BNG local, co gallo de volver unificar o nacionalismo na vosa vila?

Eu non me pecha a nada, son unha persoa de talante, consenso, dialogo e de chegar a acordos se os obxectivos son comúns.

E o futuro de Loli Castiñeiras no 2.023?, tes pensado seguir no mundo da política?

Risas….. Eu sempre teño na cabeza o día que fun nomeada alcaldesa, para min foi un dos días máis felices da miña vida e sempre dixen que había dúas cousas das que me ía sentir moi orgullosa sempre. Unha é ser a primeira alcaldesa do meu concello e a outra é ser galega, son moi afortunada por estes dous feitos, teño que estar a altura e facer que os meus veciños e veciñas se sintan orgullosos da súa alcaldesa.

Agora imos falar dun feito ben triste que acaba de acontecer. O recente falecemento do alcalde de Cangas, Xose Manuel Pazos, deixa un baleiro ben grande no corazón de moitas persoas. Pazos tiña moito vínculo con Salceda, queres deixar unha palabras na súa memoria?

Pouco che podo dicir, creo que a todos nos doeu moito a morte de Pazos. Coñecíamos o seu estado de saúde, eu mesmo berregaba con el porque fumaba moito. Creo que nos doeu a todos un montón. Era un tipo incríbel, un sabio, un retranqueiro…. un tipo de esquerdas coas ideas moi claras, de país, de construír. Un tipo adorable e moi afable no trato, do que había moito que aprender e que eu vou botar moitísimo de menos.

Moitas grazas Loli pola túa conversa con nós.

Gracias a vós.