A quen lle molesta unha carpa diante do centro de saúde de Moaña?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

Aos mandamais da Área Sanitaria de Vigo non lles gosta que o Concello de Moaña coloque unha carpa diante do centro de saúde para poder facer probas serolóxicas ás persoas que poden ser positivos en Covid-19, pese a que manter a distancia social é unha das recomendacións mais repetidas para combater a Covid.

Estes señores tampouco gostan das medidas que improvisamos no centro de saúde para separar as persoas que entran e saen. Así, unha foto nos medios de comunicación dun corredor cunhas cintas plásticas para indicar a entrada e a saída provocan a inmediata orde de retirada.

Realmente do que non gostan é de quedar en evidencia por non poñer os medios necesarios para facilitar o traballo dos traballadores e traballadoras do centro de saúde.

Non é nada novo, desde o inicio da pandemia tivemos que improvisar e improvisar ante a falta de medios para evitar caer contaxiados polo coronavirus.

Colocamos cadeiras diante do mostrador do centro de saúde para “apartar” aos usuarios de nós, xa que esa era a recomendación e a mellor medida de seguranza que nos ofertaban os responsábeis do Sergas.

Tivemos que envolver en plástico as xanelas do mostrador e usar, como método de protección persoal, pantallas cedidas polos veciños e veciñas de Moaña.

Houbo que envolverse en bolsas de lixo por non ter batas axeitadas.

E as máscaras, seica non eran necesaria nos primeiros meses da pandemia pese a ver todos os días nos medios o que estaba acontecendo na China; país onde toda a poboación levábaas postas.

Agora o presidente Feixoo anda demandando do presidente Sánchez que faga obrigatorio o uso de máscaras ffp2 en determinados ámbitos. As mesmas máscaras que se nega a facilitar ao persoal administrativo do Sergas.

Con todo, a sanidade pública galega continua resistindo e enfrontándose a unha pandemia como nunca vimos, pese a padecer nos últimos dez anos o maior recorte dos seus recursos económicos, humanos e materiais da man dun goberno do PP que enche os petos da sanidade privada.

Os mandamais non gostan que sexa o Concello de Moaña o que, a petición dos profesionais do centro de saúde, coloque unha carpa para facilitar o traballo e facer mais fácil a realización de probas a persoas positivas ou con posibilidade de selo. Esas mesmas carpas que vemos no hospital Meixoeiro, Cunqueiro e en tantos outros sitios e que ao centro de saúde de Moaña queren negarlle.

Se tiveran mais preocupación por dotar á sanidade pública de medios materiais e humanos mellor nós iría no combate desta pandemia. Porén, a preocupación dos comisarios políticos do Partido Popular está en non saír sinalados nos medios de comunicación, en evitar que sexa evidente con non están facendo todo o deben facer. 

Como traballador do Sergas en Moaña só podo dar as grazas ao Concello de Moaña por estar cando hai que estar e responder sempre ás peticións de colaboración que se lle fan.

Moaña, 4 de febreiro de 2021