O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) denuncia a fragmentación artificial dos parques eólicos da Serra da Groba, un procedemento que abrevia e evita a intervención do Goberno estatal na autorización dos parques

Parque eólico Serra da Groba

Na Serra da Groba a Xunta de Galicia ten previsto a instalación de 6 parques eólicos que espallarán 44 aeroxeradores por toda Serra. Na actualidade están en fase de tramitación o parque eólico do Rosal e o Parque eólico Torroña I, e as estes sumaranse os parques eólicos Toroña, Torroña III, Merendón e Albariño I. As infraestruturas eólicas afectarán ós concellos de Baiona, Oia, Tomiño, e O Rosal.

A denuncia pública presentada polo IEM baséase nos seguintes feitos:

Por un lado e tal e como se recolle no documento inicial de Avaliación de Impacto Ambiental do parque eólico Torroña I, promovido pola empresa ACCIONA Energía e que actualmente se atopa en fase de exposición pública, “a enerxía xerada polo parque eólico evacuarase a través da subestación prevista para o parque eólico Albariño I… Dita subestación servirá de infraestructura elevadora, ademáis, para o futuro parque eólico Torroña III”.

Por outro lado a distribución dos aeroxeradores nos diferentes parques eólicos, tal e como constan nos proxectos en tramitación e no Rexistro Eólico de Galicia, están mesturados e non existe una discontinuidade xeográfica entre eles especialmente no que atinxe ós parques eólicos Toroña e Torroña III, tal e como se pode apreciar na seguinte imaxe.

Polo tanto, debido a que comparten infraestruturas e que as áreas dos distintos parques eólicos se solapan, a tramitación como parques eólicos individuais resulta presuntamentemente ilegal. Esta presunta fragmentación artificial dos parques eólicos ten por obxectivo non superar os 30 MW xa que deste xeito, a tramitación dos seus expedientes faise pola vía simplificada e a autorización queda en mans da Xunta de Galicia, burlando así a obriga legal que establece que ós parques eólicos de máis de 30 MW deban tramitarse pola vía ordinaria e os de máis de 50 MW, correspondelle ó Goberno estatal a súa autorización.

Este xeito fragmentado de tramitación dos proxectos eólicos supón unha deficiente avaliación dos efectos ambientais que se xeran pola totalidade das infraestruturas eólicas á vez que se conculcan os dereitos de información e participación da cidadanía.

A fragmentación artificial dos parques eólicos ven sendo unha práctica moi frecuente que se ten denunciado en numerosas ocasións ata o punto de que os tribunais anularon o procedemento de tramitación dalgúns parques, recoñecendo esta práctica ilegal.

Ademáis destas presuntas prácticas ilegais, nas últimas semanas iniciouse o procedemento de tramitación de numerosos parques eólicos por toda Galicia. A Administración autonómica está aproveitando a situación de confinamento e limitacións de mobilidade da ciudadanía para tramitar os proxectos eólicos sabendo que os cidadáns non poden informarse convintemente e sen que se poidan celebrarse as asembleas preceptivas das diferentes comunidades de montes afectadas.

Resulta chamativo o feito de que a pesar destas claras vulneracións dos dereitos da ciudadanía, as administracións non garantan os dereitos dos cidadáns de xeito activo e teñan que ser a propia cidadanía a que se vexa na obriga de enfrontarse soa a estes procedementos de tramitación administrativa. “Non entendemos que é o que están a facer os concellos que terán que asumir estes proxectos eólicos en contra dos acordos plenarios e mesmo o Ministerio para a transición ecolóxica e o reto demográfico que asiste impasible á fragmentación artificial dos proxectos coa finalidade de burlar as súas competencias”. “A cidadanía está soa e ninguén vela polos seus dereitos

O IEM xa impulsou a elaboración dun manifesto apoiado por máis de 70 colectivos en contra da instalación dos parques eólicos na Serra da Groba. “Non se trata de estar en contra ou a favor das enerxías renovables, ese non é o debate. Trátase de opoñernos a un modelo enerxético que favorece o enriquecemento de fondos de inversión estranxeiros mentres a poboación local sofre as graves consecuencias medioambientais deste tipo de infaestruturas mentres seguimos sendo un dos países que mais cara paga a electricidade de Europa”.

Malia a falta de información pública e a tramitación tan opaca destes proxectos sabemos, a partir dos dous documentos que se atopan a exposición pública (O Rosal e Torroña I) que para a instalación de tan só 6 aeroxeradores serán necesarias,

  • 17 millóns de metros cadrados (case 1.700 hectáreas) de monte público afectadas.
  • Máis de 26.000 metros cadrados de superficie explanación para plataformas de montaxe
  • Máis de 20.000 metros cadrados de explanación para zonas de traballo.
  • Maís de 5 km de novos viais de acceso.
  • Case 13 km de gabias para a condución da electricidade producida.

As afeccións ó territorio serán fondas e irreversibles, non só alterando a paisaxe natural que se transformará nunha paisaxe industrial senón estragando tamén hábitats e especies de interés comunitario nunha comunidade (Galicia) que se atopa á cola do estado español en superficie protexida pola Rede Natura 2000. Os danos ó patrimonio arqueolóxico serán tamén graves, tendo en conta ademáis que na Serra da Groba está a maior concentración de xacementos arqueolóxicos de Galicia. Serán graves tamén os impactos sobre os recursos hídricos superficiais e subterráneos que abastecen de auga potable ás poboacións humanas da contorna e que acentuarán os problemas xa existentes de escaseza de auga en épocas de sequía.

Primer comentario

Deixa a túa opinión