Alberto Vilas Pianista de Redondela

Alberto Vilas
xentileza de MUNDO CAL

Alberto é un pianista do noso pobo que e algún día será fillo predilecto de Redondela, ou terá algunha rúa co seu nome, pois posúe un talento superlativo para o que é a súa profesión e tamén a súa paixón, a música. Alberto é profesor no conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra e desde que presentou o seu traballo “Naialma” tiñamos moitas gañas de conversar con el. Por fin , tivemos a oportunidade de podelo facer nos primeiros días deste me de febreiro. E teño que dicir, que o meu interlocutor alén de ser un excelente músico é un magnífico conversador. É desas persoas que tan ben describía Carmen Martín Gaite cando dixo que” No hay placer más grande que la conversación, cuando quien habla tiene ganas de hablar y quien escuche tiene ganas de escuchar”.Velaí vai o resultado da nosa charla

PARA MIN A CONEXIÓN DA MÚSICA, COMO DE CALQUERA OUTRA ARTE, COA REALIDADE É ESENCIAL”

ESTOU MOI AGRADECIDO AO CONCELLO DE REDONDELA POLO SEU APOIO, E ESPECIALMENTE Á SÚA ALCALDESA DIGNA RIVAS”

A primeira pregunta é obrigada, Alberto. Como levas ti esta situación que desde marzo do ano pasado mudou a vida de toda a humanidade?

Ben, pois entendo que como todo o mundo. O cansazo, a incerteza e o desacougo comezan a ser os compañeiros vitais de todas e todos nós

Durante o confinamento, encantoume unha acción solidaria túa que consistiu en exportar cultura polas redes

Moitas grazas, Marcos. Pois si, foron 50 temas que denominei “ caderno de bitácora”. Fíxenos desde o primeiro día que comezou o confinamento, o 14 de marzo, e a motivación era dupla .Por unha banda quería ter unha actividade que me motivase a min , e por outra parte apetecíame ser solidario con quen precisase algún tipo de luz cultural

Os temas eran inéditos?

Si, inéditos e compostos no día. Eu inicialmente propúxenmo para os 15 días que nun principio nos dixeron que duraría o confinamento. Non esperaba aguantar 50 días compondo un tema diario a verdade.

A música pódese separar da vida do músico Alberto?

Eu entendo que non. A música é vida, son os sentimentos, as experiencias , as alegrías e as frustracións de cada persoa. A música xorde da nosa alma, e se só é un son, sen alma, eu entendo que non chega, ao máis profundo do eu íntimo de quen a escoita, coa mesma intensidade. Para min a conexión da música, como de calquera arte, coa realidade é esencial

Cando eras un rapaz como o pasabas no escenario?

Fatal

Ha ha ha ha .E agora?

Agora gózoo enormemente .A base de subir moitas veces , acabas afacéndoche ao escenario

Como comezaches no mundo da música?

Comecei a finais dos anos 70, cando eu era un neno. Naquel momento en Redondela había moi pouca actividade cultural. Afortunadamente, agora é moi diferente. En 1.979 é o primeiro ano que imparten a materia de música no noso cole. E a min, como a calquera neno a música gustábame e sacaba boas notas. Entón o meu pai e a miña nai ofrecéronme a posibilidade de aprender música cun amigo que eles tiñan

Xa comezaches co piano?

Comecei co solfexo e el ensinoume. E de alí a un tempo o profesor recomendoulles aos meus pais matricularme no conservatorio de Vigo. Estiven un ano con solfexo no conservatorio e logo xa me matricularon en piano.

Como eran as clases de piano naquel momento?

Pois eran clases colectivas. E non foi fácil, pois unha vez que comecei o profesor díxolle ao meu pai que era necesario que eu puidese acceder a un piano para poder practicar na casa. Os meus pais non tiñan posibilidades económicas para iso. Afortunadamente resolvemos cun amigo dun familiar que tiña un piano vello nun almacén e permitiume utilizalo

Que historia máis bonita¡¡

Abofé que si. 40 anos despois estivemos pescudando sobre o piano e, como sospeitaba, xa non existe. Pero souben, que posiblemente no seu momento foi o piano do Cine Fantasio de Redondela

Ti na actualidade, es mestre de piano en Pontevedra. Que diferenzas ves entre a docencia que recibías ti, e a que se imparte agora?

Antes comezábase co solfexo. Agora afortunadamente comézase xa co contacto co instrumento. Como che dixen, antes as clases eran colectivas. Eu admiro a paciencia e o acougo das persoas que a impartían. Agora, un alumno pode ter unha hora de clase individual

Como se che deu polo Jazz?

O meu primeiro encontro foi a través de discos que chegaron a min , de xente algo máis maior ca min cando era moi novo. E gustábame, pero do mesmo xeito que me gustan tamén moitos tipos de música, por iso malia que fixen jazz a min non me gusta definirme como músico de jazz. Eu fixen moitos tipos de música

A finais dos 80 aparece TANGATA, que fundas co mestre ARTIGAS

En realidade fundouno el. Por distintas circunstancias o grupo separouse , eles precisaban un pianista e ofrecéronme entrar. E para min foi moi importante naquel momento

Sabías algo de tango?

Nada, non tiña nin idea. E alí foi onde coñecín a Artigas do que xa non me separei ata que faleceu

Canto tempo, e cantos discos en Tangata?

Trinta e dous e catro discos. Non foron moitos, a gravar non nos dedicamos

Pero o último foi espectacular

Foi pola conmemoración dos 30 anos, v e foi un acerto facer ese disco, si. Por certo o último concerto de Tangata foi en Redondela

Ti colaboraches con moita xente nos seus discos?

Si, con Xulio Lorenzo, Tatán…A min gústame colaborar con quen mo pida. Crea lazos , que ás veces convértense en historias moi bonitas

Dou fe dese espírito solidario que ti tes, porque teño constancia de colaboracións túas os 14 de abril co Colectivo Republicano

Un pracer para min, claro que si.

Seguro que unha “colaboración “ cos que tamén gozaches foi cando tocaches co recen finado, Pedro Iturralde?

E tanto que si. Toquei con el hai pouco máis dun ano e foi unha auténtica honra. Igual de abraiante foi para min cando fun con Vitorino a tocar a Évora, co que tiven a fortuna de convivir cinco días

Cando cumpriches 50 anos quitaches “ Naialma”, ese é un traballo moi persoal, verdade?

Absolutamente Marcos. Nese disco, espinme emocionalmente. É un traballo que considero se pode entender como autobiográfico. E creo que foi o que é resultado de máis paciencia máis , alma e máis corazón de todos os meus traballos

Estreaches o traballo , no “Carballo das 100 pólas”. Que sentiches?

Alí nunca se fixera un concerto de piano. Para min tocar nese espazo tan emblemático do meu pobo foi unha honra inmensa, e o resultado, no que se refire á acollida do público, foi precioso. Tamén teño que dicir que as condicións acústicas dese lugar son realmente boas para poder desenvolver un concerto .

E non te chegaba co noso “ Carballo das 100 pólas” que tiveches que presentalo en Rande tamén¡¡

Tamén foi espectacular para min, enriba do mar con todo iluminado. Foi precioso

Hai un tema nese traballo que ten unha historia preciosa, de Norte a Sur?

Moitas grazas Marcos, para min é moi bonita si. Trátase dun amigo meu, escritor en Andalucía, co que cheguei ao compromiso de compoñer un tema para a súa filla ,ao que el ten que corresponder escribindo un relato para os meus fillos. A protagonista chámase Nora e xunto co seu pai puido estar no Carballo o día do concerto, o que foi enormemente emocionante para min

Non podo deixar de falar deste traballo sen preguntarche polo tema que lle dedicas a Anxo Barros, sen dúbida un dos artistas máis brillantes que deu o pobo de Redondela?

Concordo ao 100% contigo Marcos, un dos mellores artistas e unha das mellores persoas.

Eu tamén coincido contigo, Alberto, abofé que Anxo é unha persoa excelente

Para min compartir a vida con persoas así, é un privilexio. A primeira versión dese tema formaba parte do documental do seu irmán e eu quixen que fose parte de NAIALMA.

Canto tempo tardaches en gravar NAIALMA?

Foi gravado entre decembro de 2.018 e outubro de 2.019.Tardei algo máis de 9 meses, case se podería dicir que foi como un fillo

Un fillo que coincidiu co teu 50 aniversario?

Si efectivamente. Eu teño certa teima coas relacións numéricas, e o primeiro tema do disco está dedicado ao meu pai, que faleceu con 50 anos. En certo modo eu quería que o traballo coincidise con meu medio século de vida

Algunha persoa especial á que lle queiras agradecer a súa colaboración?

O disco é un agasallo especial de amigos moi queridos para min como por exemplo Mundo Cal, Santi Barciela Pancho Salmerón, Fernando Morales, Rosa Mozo, Manolo Castro ou Paco Barreiro que fixeron, cada un no seu campo, achegas moi importantes no resultado final do traba-llo no seu conxunto.NA IALMA é un disco de piano só, e é o disco no que estou menos só

As críticas que tivo o teu traballo foron moi boas, pero unha que o iguala en calidade á banda sonora de Cinema Paradiso foi alucinante. Supoño que esa crítica chegaríache á ialma?

Ha ha ha ha. Pois si, chegoume ao máis profundo de min claro. A verdade houbo críticas moi bonitas e para min foi emocionante claro.

Que valoración fas de como van as vendas?

Non hai queixa

Onde o podemos adquirir?

No Café da Vila, na librería Carambola e na miña páxina web. Desde a web se mándase a todo o mundo sen problema. Quero expresar o meu agradecemento ao concello de Redondela, especialmente á súa alcaldesa Digna Rivas, pois grazas a súa colaboración logramos un prezo realmente económico.

Ben, pero ti tamén levas o nome de Redondela a moitas partes

Si, vale, pero o nivel de implicación do noso concello e da súa alcaldesa foi moi elevado, e é de xustiza que eu o recoñeza porque así o sinto.

Rematamos Alberto. Cales son os momentos máis máxicos de todo o proceso creativo, o cariño do público?

O cariño do público é impagable, ten un valor incalculable, pero eu creo que o momento máis “máxico” é cando estou compondo eu só, no meu taller. Alí e así, eu desaparezo do mundo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión