Calendario de vacilación

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

Vacilar. Amosarse indecisa. Mentres o mundo anda a voltas co calendario de vacinacións, no meu almanaque vital é tempo de vacilacións. Dubido en que tema escoller para esta opinión. Estaría ben falar de youtubers que marchan a Andorra para non colaborar cos seus impostos no mantemento do Estado de benestar. Que si, que pode que sexa o chocolate do loro comparado cos millóns que perdemos na evasión e o fraude fiscal de ducias de patriotas de boquilla que agroman como followers do Rubius, pero eu nunca entendín que a honradez e o compromiso social fosen cuestión de cantidades, así que é unha opción.

Aínda que igual é mellor falar de Pablo Hasel. Discrepo dalgunhas das súas afirmacións pero, ante tanto barullo de rapaces que se evaden, cando un se molla ata empaparse non deberiamos deixalo pasar de largo. Porque é un escándalo que o Estado siga sufragando o mantemento da seguridade –e a saber que máis- do Borbón fugado, mentres manda á prisión a un rapeiro que lle chamou ladrón.

E logo está o das listaxes de vacinación. Coáronse bispos, militares, cargos políticos, e a guinda, Josefina Fernández. A conselleira delegada de Domus VI é a mantilla española da procesión da indignidade. Dáme moito aquel esta señora, fai que deixe de crer no xénero humano. Como máxima responsábel da meirande rede de xeriátricos privados, non lle pareceu dabondo o esforzo monetario das familias que deixaron maiores ao seu coidado, que para aumentar beneficios aforrou en medios e o exército tivo que intervir os centros, que amoreaban mortes coma tantos por cento.

Daquela non foi quen de tomar decisións que puidesen evitar o dantesco espectáculo mais estivo espelida para apuntarse de primeira na cola da vacinación. Disque, desta volta, estalles prestando ás persoas maiores a atención que nunca pareceu darlles. A Xunta apóiaa sen vacilar, vacilándonos. E eu sigo dubidando.

Mergúllome nas novas dos últimos días para ver se, repugnantiña, me queda atrás algún motivo máis de indignación. Son tantos…

Atopo un que faría baixar do mundo a Mafalda. A OMS afea que o 16 por cento da poboación mundial acapare, cal Domus VI cos dividendos, o 60 por cento da produción mundial de vacinas. Apoiada por un cento de países e ONGs como Médicos sen Fronteiras, a organización pide que se eliminen dereitos sobre a propiedade intelectual e se compartan as fórmulas para que o fármaco poida producirse en todos os territorios. A alegría de ter un goberno estatal de esquerdas e solidario dúrame o mesmo tempo que a Josefina o afán de coidados. Un picado. España apoia a tese da Unión Europea, Estados Unidos e Xapón, é dicir, do capitalismo salvaxe, e esixe libre mercado a favor das empresas farmacéuticas. As mesmas, cómpre recordar, que recibiron millóns de euros de axudas públicas para acadar o achado. Como diría a nena de Quino, a ciencia que era preciso subvencionar converteuse de súpeto en produto de libre mercado. E se acaso houbese unha posibilidade de compartir as patentes sería só, aclaran, entre empresas farmacéuticas asentadas na Unión Europea.

Na cola da desvergoña mundial, España ábrese paso cos cóbados, berra a última é parva, e corre cara á meta deixando atrás centos de persoas. E sen un ápice de remorsos, vendo só a palla na pupila allea e non a viga no propio ollo.

Haberá vacina contra os intereses do capital? Eu sigo dubidándoo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión