Manuel Gómez, propietario do Restaurante As Pedriñas Novas de Madrid.

As Pedrinas Novas Restaurante Madrid

As Pedriñas Novas C/ de Ortega y Gasset, 66 Tel.: 91 401 44 45

Estamos a piques de cumprir un ano da viaxe d’A Nova Peneira ata Madrid na procura de entrevistarmos ao deputado Néstor Rego no congreso. Unha viaxe moi divertida e interesante que rematamos xantando nun restaurante de comida caseira galega chamado As Pedriñas Novas, rexentado por Manuel, nativo de Madrid, pero fillo de inmigrantes galegos. Neste ano tan atípico cunha pandemia mundial e crise sanitaria global, queremos conversar con el para que nos conte como están as cousas pola cidade madrileña.

“Creo que as medidas de axuda ao noso sector das distintas administracións quédanse como publicidade institucional”

Manuel, cóntame brevemente a historia de como a túa familia de As Neves, chegou a Madrid.

Como moitos outros galegos da época. Non había traballo e o meu pai decidiu emigrar na procura del. Estivo en Vigo, Palma de Mallorca, Madrid, León, Xixón e retornou de volta a Madrid para traballar na hostalería, como camareiro nun restaurante que abriu o meu padriño.

Como comezastes co restaurante, é negocio familiar?

Despois de nacer eu, o meu pai montou un negocio propio, que é este. Eu sempre traballei aquí, no restaurante da familia.

Que relación segues tendo con Galicia?

Sigo tendo familia nas Neves e cando podo, escapo para alá. Os produtos que temos son de alí. Lamprea, mel, polvo, empanada, pescada, cacheira. Todo de alí e cociñado coma antes, eu fago todo o que me ensinaron eles, cociña tradicional galega.

Cal é a situación epidémica en Madrid na actualidade, como estades?

Aquí despois do nadal está a cousa parada, esperando a ver como evolucionan as cousas por se nos volven confinar. Vendo como están noutras comunidades, a nivel profesional tes un pouco de medo. Medo pola saúde e medo porque nos pechen os negocios.

Aquí puxéronse todos os medios, investiuse en equipos nos locais, a administración local facilitounos para poder abrir terrazas e sacar os negocios ao exterior e poder traballar na rúa. Hai moita xente con medo que non se quere meter no interior dos establecementos.

Temos que limpar a todas horas con produtos específicos para desinfección e loita contra o covid, xeles hidroalcohólicos, máscaras. Aínda que a xente cando se senta xa retira a máscara e non fan caso de poñela mentres non estean comendo, sácana e parece que o covid xa non existe. É complicado, pero hai que insistir que é pola saúde do cliente e de nós, os que estamos traballando.

Aquí tivemos que facer probas e pechar 10 día por corentena por un positivo dun camareiro que se contaxiou polo neto dun amigo, de aquí saíron cinco positivos e afortunadamente ningún grave. Como consecuencia contaxieime eu, pero paseina como unha gripe dun par de días. Xa tivemos que desinfectar o local tres veces.

Tamén teño que dicir que a resposta do público en xeral é boa, que a xente está acostumada a que temos que pechar ás 9 da noite, e dez minutos antes xa che pagan as súas contas e retíranse para que poidas recoller e pechar a túa hora, ao final todos nos adaptamos a estas novas normas e é de agradecer.

Como valora as medidas anti-COVID, do concello de Madrid, da comunidade de Madrid e do goberno central.

Creo que as medidas quédanse como publicidade institucional, tanto da Comunidade, do Goberno Central coma do Concello.

Si teño que dicir que o Concello facilitounos as cousas para poder ampliar as terrazas e traballar na rúa, e ampliou os espazos nas beirarrúas, mesmo eu que tiña catro mesas na terraza, agora pasei a ter 18. Neste sentido coas medidas anti-covid eu vinme beneficiado. Esta ampliación sérvenos para paliar os meses de peche e esta si que é unha axuda eficaz e directa.

Din que van dar axudas económicas para sufragar os gastos polo material anti-covid, esta é da Comunidade de Madrid, pero de momento aínda non nós deron nada, din que a partir de marzo e eu xa cubrín todos os formularios correspondentes.

No confinamento de marzo si que o Goberno Central facilitou os créditos ICO do que eu me beneficiei. Isto ten o seu lado negativo, porque para cancelar calquera tipo de préstamo, primeiro estás obrigado a cancelar o ICO. Se cho dan para axudarte e logo che fan devolvelo de primeiro, igual te están afogando e tirando ao traste as túas previsións económicas.

Tiñan que facer máis e que se note, non que só se quede en palabras.

Como valoras o trato á hostalería das 3 administracións: autonómica, municipal e central.

Creo que somos o “pin, pan, pun”. Como a administración de Madrid decidiu non pechar a hostalería na comunidade, parecemos o demos para o resto de autonomías e do goberno central, que non ve con bos ollos que esteamos abertos.

A Comunidade promete, o Goberno Central non fai nada desde os créditos ICO e o único, o Concello, que nós facilitou o poder traballar na rúa desde o primeiro momento despois do peche de tres meses do confinamento xeral de fai case un ano.

Cal é a situación da hostalería en Madrid?

Desde o comezo de apertura en xuño eu xa saquei a todos os empregados de ERTE, e máis, tiven que contratar a dúas persoas máis para cubrir todas as novas mesas da terraza.

Desde setembro si que comezamos a notar o baixón, aínda que eu sigo mantendo todo o persoal, e agora co novo horario estou aproveitando para que marchen de vacacións a espera de como evolucionan as cousas.

En xeral, a hostalería está sufrindo moito e por desgraza, hai negocios familiares moi antigos e con moito nome, que xa non levantan máis a persiana, pecharon para sempre. É unha mágoa que só poidan resistir as grandes marcas multinacionais e de grandes fondos, e os do trato próximo e persoal queden polo camiño, está cambiando moito as costumes da hostalería en Madrid.

Percibe que hai diferencia de trato por parte da administración entre os barrios obreiros e os mellor situados economicamente?

Non. O meu negocio está no barrio de Salamanca, pero eu vivo nun barrio máis humilde, o barrio de San Blas. O que percibo é o mesmo nun sitio ca noutro, mesmo podo dicir que está máis limpo o meu barrio ca este onde teño o restaurante.

O tema das axudas creo que é moi xeral, non vai por barrios, senón que depende da consellería que estea nese momento. Aquí vai distribuído por xuntas de distrito e as cousas funcionan segundo a consellería que toque nesa tempada. Asignan unha cantidade de diñeiro e se o administrador do momento é capaz de que a cousa funcione ben, se soamente vai ao traballo para estar sentado nunha cadeira, entón e cando as cousas non van ben.

Indiferentemente do partido que goberne é máis cousa da persoa que estea a desenvolver ese posto no distrito.

Segundo a túa opinión. Que se deberá facer para implementar axudas efectivas para o sector da hostalería?

Flexibilidade nos créditos ICO para que non te obriguen a devolvelo íntegro antes de facer fronte a outros créditos, así poderiamos investir eses créditos en sanear as empresas e así non ter que chagar ao peche como lle pasa a moitas.

Os impostos, tería que estar suxeitos e ser eficaces segundo o que cada negocio xere. Eu tiven xusto antes do covid unha inspección e chegaron a dicirme que facturaba moito en efectivo. Eu non podo obrigar aos cliente a que me paguen con tarxeta bancaria, cada cliente paga co que estime. Si que é certo que desde a pandemia agora a xente para máis con tarxeta, nestes momentos un 70% ou 80% do que recadamos faixe por este método. A fiscalización cara os negocios angustia un pouco.

Que non suban impostos e non conteñan un pouco os gatos, como a luz que é competencia do estado e pode minimizar os impostos.

Flexibilizar os postos de traballo para poder despedir a algún empregado e así non ter que pechar o negocio. Isto si que se solucionou nun inicio cos ERTE, pero despois de tanto tempo xa non chega. No meu caso persoal contratei a dúas persoa a maiores no verán, agora non teño traballo para elas e non podo despedilas. Un non quere despedir a ninguén porque si, todo o contrario, pero se nun momento dado tes que prescindir dalgún empregado para poder manter o negocio e seguir dando traballo ao resto do persoal, considero que é mellor poder despedir a alguén, que ter que manter todos os postos de traballo e acabar pechando o negocio. Nestas circunstancias deberían permitirnos poder contratar e despedir a unha persoa segundo o necesites. Isto permitiríanos aguantar os alti-baixos producidos polos horarios reducidos e as restricións oportunas.

Tamén deberían regular o tema dos ERTE e que toda a xente que estea neta situación cobre desde o minuto un, non tarde meses en cobrar, iso non hai economía familiar que o resista.

Considero que hai axudas e plans de rescate abondo, o que teñen que facer e aplicalas e que sexan efectivas para que cheguen a todo o mundo desde o primeiro momento.

Se as cousas se fan ben desde o inicio, aínda que é normal que haxa algún erro e nunca estamos todos conformes co mesmo, axudaría moito máis que andar a facer propostas novas e promesas de seguido.

Confiemos en que as axudas que van chegar da Unión Europea sexan destinadas para o que son e non caían en saco roto e queden polo camiño. Confío en que sexa unha boa administración dos recursos por parte de todas as administracións que lles toque facelo.

Moitas grazas por conversar con nós Manuel. Esperemos que todo isto remate axiña e poder volver degustar eses marabillosos pratos no teu local, mesmo que cando poidas volver a Galicia de vacacións veñas facernos unha visita.

Moitas grazas a vós, esperemos poder facelo pronto.

Primer comentario

Deixa a túa opinión