Marín: 10 anos perdendo poboación

Artigo de opinión A Nova Peneira
Lucía Santos Omil – Voceira do BNG de Marín

O pasado mes de xaneiro o INE publicou os datos do padrón de habitantes, nos que se recolle que o concello de Marín volta perder poboación por décimo ano consecutivo. Concretamente, o censo descendeu en 77 persoas no 2020, polo que o número de habitantes en Marín a data 1 de xaneiro é de 24.242 habitantes.

Marín é un concello que viña medrando ininterrompidamente, acadando no ano 2010 o maior rexistro con 25.997 habitantes. É a partir do 2011, coincidindo coa chegada ao Goberno Municipal do Partido Popular, cando Marín comeza a perder poboación, ano tras ano e nunhas proporcións realmente dramáticas. Nestes últimos dez anos, o censo do noso concello descendeu en 1.755 persoas, unha perda nada máis e nada menos que do 6´75%.

Mais a esta nefasta tendencia temos que engadirlle que mentres Marín perde poboación a pasos axigantados, os concellos da nosa contorna como Cangas, Moaña, Poio, Pontevedra ou Soutomaior aumentan poboación no mesmo período de tempo, e os concellos que perden poboación, como Vilaboa, Bueu ou Sanxenxo, fanno moi lixeiramente e nunhas proporcións infinitamente menores que as que presenta o noso concello.

En 2010 Marín tiña 84 habitantes máis que Cangas, sendo a primeira vila en poboación da comarca do Morrazo. Hoxe Cangas ten 2.340 habitantes máis que Marín.

Mais se a dramática perda de poboación e a comparación cos concellos da nosa contorna fora pouco, a isto hai que engadir outro dato que fala ás claras de que en Marín algo se está a facer moi mal nestes últimos 10 anos. Marín presenta os peores datos demográficos dos concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes.

Os datos demográficos reflicten a preocupante situación na que se atopa o noso “Marín da alma”. O noso concello atópase ubicado nun lugar estratéxico, no corazón das Rías Baixas, porta de entrada ao Morrazo, con boas conexións ás grandes cidades e ao carón da capital da provincia, e cun porto de Interese Xeral do Estado.

Durante os últimos 10 anos, o goberno de María Ramallo limitouse a xestionar, con maior ou menor acerto, asuntos menores do concello, mais resultou evidente a absoluta falta de proxecto e de solucións aos problemas importantes de Marín. No BNG temos moi claro que a decadencia do noso concello débese á funesta xestión do PP, que ven destacando por gobernar o noso concello a base de ocurrencias e improvisacións.

Haberá quen poida pensar que esta situación non é responsabilidade directa do PP ou que é consecuencia dunhas hipotéticas circunstancias adversas, mais en calquera caso o que é indiscutíbel e evidente, á luz dos datos demográficos, é a total incapacidade do goberno de María Ramallo para frear a sangría demográfica do noso concello.

Se unha empresa privada presentara datos negativos en varios exercicios sería impensábel imaxinar que as persoas responsábeis continuasen no cargo durante 10 anos, dirixindo a empresa á quiebra. A veciñanza de Marín debe reflexionar sobre os datos que nos amosa o actual goberno municipal e cara a onde nos está levando. O noso concello non só non atrae veciñanza, senón que a expulsa aos concellos da nosa contorna.

O goberno liderado pola Sra. María Ramallo non debería seguir un minuto máis xestionando o noso concello. Marín non se goberna con sorrisos, e neste tempo quedou máis que clara a incapacidade do goberno do PP para levar as rendas do noso Concello, e cómpre lembrar, contando con gobernos da mesma cor política na Xunta durante os 10 anos e no Estado durante 7 anos.

Para que Marín avance é preciso rachar coa política de deixadez e a lei do mínimo esforzo e poñer en marcha un proxecto transformador que revirta a tendencia na que se atopa o noso concello. E no BNG témolo. No BNG temos exemplos dabondo de boas xestións que propiciaron transformacións que melloraron a calidade de vida da veciñanza e son recoñecidas en todo o mundo, como Pontevedra, Allariz, Bueu, Moaña, Barro, Tomiño, Rianxo, Carballo, Ribadeo…

No BNG cremos en Marín e no seu potencial e aspiramos a facer que Marín retome a senda da prosperidade e recupere o pulso, perdidos en 2011 da man do PP, apostando por un proxecto ambicioso de cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial e orgullosa da súa identidade.

Primer comentario

Deixa a túa opinión