Os dez de Salvaterra. A nosa memoria

Os dez de Salvaterra. A nosa memoria
Anxo López. Profesor de instituto xubilado

En memoria de: Antonio Alfonso Domínguez, Vicente Domínguez Villar, José Domínguez González, José Macías Gutiérrez, Etelvino Tielas, José González Montero, Manuel Romero Márquez, Manuel Eiró Estévez, José da Silva González e Antonio Martínez Soto.

Estes nomes corresponden a 10 veciños de Salvaterra que foron condenados á pena de morte en consello de guerra celebrado en Vigo o día 6 de febreiro de 1937, como autores dun delito de rebelión. Foron fusilados, segundo se estableceu no escrito de execución, ás 11 da mañá do día 24 do mesmo mes nas inmediacións do castelo do Castro (Vigo). O certificado médico acredita que os reos presentan signos certos de indudable morte, como resultado dunha “ intensa hemorraxia interna”. Foron soterrados sen pompa, nin solemnidade no cemiterio de Pereiro.

Cabe destacar aquí pensamentos que temos por escrito nunha carta que un deles, José Domínguez González, dirixe á súa noiva Angelina de Leirado: “Una circunstancia trágica me arrebata la vida en lo mejor. Nada han valido los esfuerzos hechos, ni la defensa, pues todo estaba previsto de antemano” “el proceso de Salvaterra el más innoble, el más injusto de todos cuantos se han llevado a cabo en el que pereceremos inexorablemente diez compañeros valientes y abnegados que saben ofrendar la vida por una causa noble, justa y humana”. E como remate algo que reflicte a forza mental e a dignidade destas persoas: “Nada hay tan vello ni tan sublime cuando se muere con la conciencia del deber cumplido”.

A día de hoxe coa perspectiva histórica que nos dá o paso do tempo non cabe máis que reafirmar as palabras de José Domínguez González; todos eles seguiron as ordes dadas polo alcalde Manuel Mariño Méndez na defensa da legalidade vixente.Non foron fusilados por requisar armas, intentar cortar a comunicación a Salvaterra por estrada ou ferrocarril senón polas súas ideas socialistas e comunistas sendo definidos nos atestados coma individuos perigosos, perniciosos e propagandistas e por pertencer ao sindicato “Oficios Varios” de Salvaterra.

Non pasará moito tempo no que os veciños e veciñas de Salvaterra teñamos un lugar físico onde poidamos pagar a débeda de facer un recoñecemento público a todas estas persoas para conseguir que todo isto non quede no esquecemento e así estes feitos non se volvan a repetir. Será O Espazo da Nosa Memoria.

Neste 24 de febreiro de 2021, na vosa lembranza o noso ramo.