As Sombras Dos Fondos Next Generation

Artigo de opinión A Nova Peneira
Rubén Cela
Executiva nacional do BNG

Moito sen ten falado (e falará), das bondades do programa “Next Generation-EU”. Porén, é moi posíbel que se teñan creado unhas expectativas sociais que non se vaian corresponder coa realidade.

É certo que se trata dun fondo cunha dotación económica sen precedentes: 750.000 millóns de euros (390.000 millóns en forma de “subvencións” e 360.000 millóns en créditos) do que o estado español recibirá para o período 2021-2026, aproximadamente, 150.000 millóns. Porén, non podemos perder de vista algúns factores relevantes:

En primeiro lugar, é necesario aclarar que estes fondos, non son “gratis”. A pesar de que o goberno central ten repetido en innumerábeis ocasións que son unha axuda incondicional, non é certo. A contrapartida virá dun paquete de reformas na liña das“recomendacións” de “reformas estruturais” que a Comisión Europea leva facéndolle ao estado español desde hai xa bastante tempo. Trátase dun versión dulcificada dos “homes de negro”, pero con parecidas consecuencias: diñeiro a cambio de “reformas”. Algunha desas reformas afectará a ámbitos especialmente sensíbeis como o son as pensións ou a normativa laboral. Polo tanto, unha parte do diñeiro serán prestamos que haberá que devolver e a outra recibirase a cambio de “reformas”. En calquera caso, nada é gratis.

En segundo lugar, é importante ter claro que o grande beneficiado destes fondos será o IBEX-35. O groso do diñeiro, e a totalidade dos denominados “proxectos tractores”, estarán nas súas mans. Na maioría dos casos, nin solucionarán os problemas económicos e sociais máis graves e urxentes motivados pola pandemia da covid-19 nin serán especialmente intensivos na creación de emprego. Quen pense que a hostalaría, o pequeno comercio ou a cultura se beneficiarán destes fondos, está moi trabucado.

En terceiro lugar, hai que ter en conta que están a ter un modelo de xestión fortemente centralizado, opaco e moi pouco áxil. Estes fondos terán un sistema de gobernanza fortemente centralizado en Madrid (a pesar de actuar sobre moitas competencias descentralizadas) e o que se transfira ás Comunidades Autónomas non terá en conta os criterios diferenciais dunha nación como Galiza (avellentamento, dispersión, fenda dixital, emigración xuvenil, etc.). Por outra banda, a imprescindíbel axilidade na xestión destes fondos non debera ir en menoscabo da transparencia. Porén, até o de agora, está a ser así. A falta de información e canles claras para a participación no reparto destes fondos até o do momento está a ser unha constante existindo unha grande opacidade a respecto dos criterios e procedementos seguidos. Por último, está aínda por ver a capacidade real de execución que o estado español vai ter destes fondos. O 70% dos mesmos teñen que estar asignados entre 2021 e 2022 e o 30% restante no 2023 e, en calquera caso, a súa execución material non poderá ir alén do 2026. Entre 2014 e 2020 o estado español foi o estado da UE que executou menos fondos comunitarios (o 39%). Agora tería que multiplicar por sete ese ritmo. Téñense adoptado algunhas medidas na liña da desburocratización e axilización, mais non parecen suficientes e algunhas delas poden implicar menor control en aspectos tan importantes como o impacto ambiental de algúns proxectos.

En cuarto lugar, temos que ter en conta que nos estamos a endebedar (moito) e non sempre para investimentos realmente necesarios nin para cubrir necesidades sociais urxentes. No primeiro trimestre de 2008 a débeda española representaba o 35% do PIB. No primeiro trimestre de 2021 rondará o 120%. É a ratio máis elevada desde comezos do século pasado e condicionará non só a vida actual senón a das vindeiras xeracións. Trátase dunha situación insostíbel no medio prazo e que pode ter graves consecuencias no curto xa que as políticas de austeridade da UE están aprazadas (e por pouco tempo), mais non eliminadas da axenda comunitaria. Volverán e canto maior sexa o endebedamento presente, maiores serán os recortes futuros.