Extinguida a concesión para executar o salto de Sela

Extinguida a concesión para executar o salto de Sela

Ás veces atopamos exemplos marabillosos nos que se constata como a unidade da sociedade civil, na procura do ben común, é o único instrumento, imprescindible, para poder desbotar as ansias depredadoras dunha oligarquía económica que arrasa cos recursos de todos na procura do beneficio duns poucos. Así aconteceu co chamado SALTO DE SELA. Un proxecto que tiña por obxecto a construción dun gran encoro na última parte do río Miño que de terse levado a cabo, tal como estaba formulado, tería suposto a fin do modo de vida de moitas familias da zona, alén de gravísimos cambios na morfoloxía de toda a contorna, probablemente irreversibles. Hoxe, extinguida definitivamente a concesión que autorizaba a súa construción, máis de 40 anos despois daquela tolemia, iniciamos unha simbólica viaxe polo río Miño facendo un pouco de historia.

En decembro de 1978 a Administración xeral de recursos e enxeñaría hídrica asinou con Fenosa unha concesión para construír un encoro de produción de enerxía no último tramo do río Miño entre Arbo e Melgaço, en Portugal. O proxecto, cuxa finalidade era satisfacer a crecente demanda de enerxía eléctrica en España e Portugal adaptándose ás necesidades puntuais de consumo, situábase ao longo de 23 quilómetros do tramo internacional do río Miño cunha superficie de encoro de 480 hectáreas. A produción de enerxía prevista era de 538 xigavatios-hora por ano medio, dos que o 64,5 por 100 destinaríanse a España e o 35,5 por 100 a Portugal. Este proxecto fora iniciado xa nos estertores do franquismo no ano 1974 e levaba en vixencia case 50 anos.

No ano 1996 Unión Fenosa e EDP electricidade Portugal fixeron un estudo de impacto ambiental publicado no BOE do ano 98 xunto cun estudo técnico dos concellos de Arbo, As Neves e Crecente onde as conclusións, en esencia, veñen sinalar que a construción da presa de Sela provocaría a desaparición, ou unha regresión moi importante, das poboacións de especies migradoras na zona do río Miño situada augas arriba da presa, en especial da lamprea, o cal tería, ademais, consecuencias negativas no medio socioeconómico da zona dado o gran arraigamento gastronómico da devandita especie, obxecto, mesmo, dunha festa de interese turístico nacional e de enorme impacto en toda a contorna miñota. Así mesmo, este encoro produciría unha alteración do microclima necesario para o desenvolvemento das viñas que dan lugar á produción dos viños Albariño e Condado do Tea (denominación de orixe “Rías Baixas”). Doutra banda, de levarse a cabo o proxecto, as augas do encoro sepultarían numerosas “pesqueiras”. Estas construcións, utilizadas para a pesca artesanal da lamprea, constitúen un elemento arquitectónico característico do río Miño; con data 12 de xaneiro de 1984, as ” pesqueiras” de Arbo incoáronse ben de interese cultural coa categoría de conxunto histórico artístico (“Boletín Oficial do Estado” do 31 de marzo de 1984). Están afectadas pola protección dada pola Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.

A Secretaría Xeral de Medio Ambiente considerou no ano 2000 que o proxecto “Aproveitamento hidroeléctrico de Sela no río Miño” producirá impactos ambientais negativos irreversibles sobre o medio natural, o medio socioeconómico e o patrimonio histórico e cultural, non establecéndose medidas eficaces para mitigar ou compensar os citados impactos, polo que, dado o alto valor dos elementos afectados, declara que o citado proxecto non é viable polo dano ao medio ambiente.

Aínda así a concesión dese Salto de Sela, que tomou o nome desa parroquia de Arbo, fíxose por 75 anos e seguía aínda agora vixente malia que a mobilización veciñal fixo inviable hai tempo tanto o proxecto orixinal como os diversos intentos de retomalo con encoros de inferior tamaño. 

O Salto de Sela foi un máis dos diversos proxectos de encoros de produción eléctrica planificados polo franquismo en toda a Península, varios deles, como este, en coordinación con Portugal.

Veciñanza de Galicia e Portugal opúxose durante décadas á construción do encoro de Sela e leva con esta loita desde o ano 78 que se firmou a concesión. Fenosa mergullaría cincocentas pesqueiras e acabaría coa lamprea e coa vida do río até o Atlántico. Este salto sería a morte do Miño e contou coa total oposición dos concellos portugueses que tamén se uniron á loita veciñal da mobilización da opinión pública na beira galega e o peso dunha crecente conciencia social en temas ecolóxicos foron os artífices que evitaron a construción deste asasino medioambiental chamado Salto de Sela.

E rematamos a nosa viaxe polo río Miño cunha entrevista con Xose Manuel Rodríguez, alcalde de As Neves, para coñecer  súa valoración ao respecto desta importante nova.

Xosé Manuel Rodríguez Méndez , Alcalde De As Neves

Xosé Manuel Rodríguez Concello de As Neves A Nova Peneira

A ANULACIÓN DEFINITIVA DO SALTO DE SELA É UN MOMENTO DE FELICIDADE PARA TODO O UNIVERSO MIÑOTO”

A concesión que ven se ser anulada, outorgouse cando ti eras un neno. Tes algún tipo de lembranza daquel momento?

Isto foi hai 42 anos e eu, aquel momento concreto non o lembro, non. Si recordo as situacións posteriores que falaban que de concretarse o proxecto podería supóo un desastre para a nosa contorna

Naquel momento os niveis de oposición veciñal como foron?

Elevadísimos. Eu aconsello aos lectores e lectoras, que aínda non o coñezan, o visionado dun documental chamado “O Salto” .Neste traballo de Adrián González, un veciño das Neves , reflíctese moi ben como foi a oposición veciñal. Alí entrevista a persoas que tiveron moito protagonismo nos movementos de oposición veciñal. Creo que cómpre destacar tamén que na outra beira do río, na portuguesa, a oposición veciñal foi igualmente

Ese nivel de oposición veciñal tan elevado que describes influíu, ao teu xuízo, na anulación definitiva do proxecto?, e aínda que sexa falarmos de hipóteses , que tería significado para As Neves que se tivese concretado o salto?

En canto á primeira cuestión, eu creo que se pode dicir obxectivamente que si. O nivel de oposición social conforma unha realidade á que teñen que enfrontarse tanto as administracións como a empresa adxudicataria. Que pasaría nas Neves se se tivese concretado o salto?, pois eu creo que a morfoloxía da parroquia de Vide cambiaría absolutamente

Por que?

Pois porque nese lugar o Miño, teríase convertido non no río que é senón nun enorme encoro. Teríase mudado radicalmente a pesca tradicional co que iso significa tanto na nosa economía como na nosa identidade. Por outra parte, a nosa paisaxe, o noso clima e a nosa etnografía veríanse tamén substancialmente modificadas. E logo estou seguro de que houbo unha intrahistoria económica moi interesante arredor dos intereses de Fenosa e da eléctrica portuguesa que merecería un estudo moi profundo

Entendo Xose, que a nova que coñecemos hai uns días referente á retirada definitiva da concesión será valorada moi positivamente polo alcalde de As Neves?

Desde logo que si. E non só para As Neves, eu creo que é un día para celebrar para todo o mundo miñoto que debe de estar satisfeito porque se concretase un traballo de oposición de máis de 40 anos. Non creo que exista en todo o estado un procedemento de concesión administrativa que estivera en desenvolverse tanto tempo, e que tardase mais de catro décadas en extinguirse.

Claro, tanto tempo coa espada de Damocles enriba debeu de ser enormemente duro para as persoas máis implicadas na loita contra o salto, pois en calquera momento podía ter estoupado de novo?

Si, de feito pasou. O proxecto inicial ten 42 anos, e hai 20 houbo un intento de reactivalo modificando o obxecto da concesión de maneira que o encoro inicialmente proxectado convertíase en dous máis pequenos. É dicir , mentres non se produciu a anulación definitiva que coñecemos recentemente o problema seguía estando aí. En relación a este asunto quixera destacar que aínda temos unha ameaza que ten relación co universo eléctrico que é o paso da liña de alta tensión, que curiosamente coincide no mesmo ámbito xeográfico pois afectaría as parroquias de Sela e Vide. Tamén hai unha clarísima oposición da grande maioría das persoas afectadas, xa que en ningún modo van ser beneficiadas por esa instalación pero si claramente afectadas polas súas consecuencias

Os teus recordos deste segundo intento acontecido hai 20 anos xa serán máis nidios?

Si claro. Eu daquela xa estaba no BNG, naquel momento na oposición, e lembro que mantivemos unha clarísima posición de oposición a este proxecto.

Aínda que estas declaracións son para unha reportaxe sobre a extinción da concesión do Salto de Sela , quero rematar preguntándoche pola situación da Pandemia nas Neves a día de hoxe( 8 de febreiro) e polo estado do sector da hostalaría local?

Ben, malia que a situación é moi cambiante, agora mesmo temos 20 casos, chegamos ao pico de sesenta , e estamos xa que logo nunha clara tendencia descendente, pero de ningún modo podemos confiarnos. Isto aínda non rematou e cómpre seguir extremando as precaucións. A hostalaría lévao mal claro, como calquera sector económico que se ve na obriga de estar pechado. Ata esta paralización total do momento presente e salvando o momento do confinamento absoluto, afortunadamente a hostalaría das Neves puido traballar, pero agora a situación é delicada. Coincide de novo co momento de maior impacto económico que é o momento da Lamprea. Agardo que pronto haxa boas novas. No que ao noso concello respecta imos pór todo o que poidamos para xunto con outras administracións poder contribuírmos a atenuar o impacto negativo do peche obrigado dos negocios.